O futuro da feira taurina da Coruña, no aire tras a renuncia de Eventauro a organizala

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Eventauro, a empresa que os dous últimos anos organizou a feira taurina da Coruña, anunciou esta fin de semana a súa renuncia á súa opción de renovar a concesión por outros dous veráns. O futuro das corridas de touros na cidade está no aire, polo tanto, e agora o Concello deberá adoptar unha decisión, ben convocando un novo concurso para a organización deste espectáculo, ben renunciando á súa celebración. O goberno municipal da Coruña afirma estar estudando a situación e sinala que "non vai facer de momento unha valoración oficial" sobre a decisión de Eventauro nin sobre o futuro da concesión, adiando calquera anuncio até o remate deste periodo de reflexión sobre o novo escenario.

O goberno municipal da Coruña afirma estar estudando a situación e sinala que "non vai facer de momento unha valoración oficial" sobre a decisión de Eventauro nin sobre o futuro da concesión

Xa o pasado mes de agosto Eventauro sinalaba que vía "complicado" prorrogar a concesión e explicaba que tiña que "estudar a viabilidade da feira taurina", por cuestións económicas. Cunha asistencia de público moi baixa e unha ampla porcentaxe de entradas e abonos entregados de balde, a organización da feira non é rendible para a empresa, como recoñecian os seus responsables. O presidente de Eventauro, David Hebrero, mesmo recoñecía abertamente a dependencia das subvencións públicas, que sostiñan a continuidade das touradas: "antigamente con axudas podíanse facer números e conseguir cadralos, pero hoxe os números son moi difíciles de encaixar". A empresa reclamáballe ao Concello unha "transformación" do evento, para que pasase a celebrarse en dúas fins de semana, no canto de nunha soa, como veu sucedendo até agora. Porén, o goberno municipal rexeitou xa esta posibilidade en varias ocasións.

É a segunda vez consecutiva que a feira taurina da Coruña queda sen organizador pola renuncia a prorrogar o seu contrato da empresa concesionaria. Hai dous anos Inversiones Chicó negouse a continuar xestionando o evento, aludindo igualmente ao seu escaso interese económico. En 2013 tan só se venderon o 20% das entradas totais (5.137 billetes dos 25.257 que se puxeron á venda, segundo o expediente do IMCE) e a feira só se puido celebrar grazas ao mantemento dunha subvención pública indirecta de 95 mil euros, consistente no pagamento por parte do Concello de taxas polo uso do Coliseum, montaxe, terra ou persoal. A empresa recibiu este agasallo para despois recadar un total de 104 mil euros nos tres días de eventos.

Tres de cada catro coruñeses (o 75,5%) amósanse contrarios a que os cartos públicos sosteñan artificialmente este espectáculo, segundo unha enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, unha cifra que se achega ao cen por cento entre os menores de 44 anos. De feito, só entre os maiores de 60 anos hai unha maioría de persoas que defenden as subvencións públicas para as touradas. Galicia mellor sen Touradas lembra esta falta de apoio cidadán e reclama unha vez máis a retirada de toda achega económica, o que de facto levaria á non organización da feira.

A organización da feira taurina viuse mesturada co escándalo de corrupción das facturas falsas de Vendex na Coruña, o caso Pikachu

Ademais, a organización da feira taurina viuse mesturada co escándalo de corrupción das facturas falsas de Vendex na Coruña, o caso PikachuSegundo o sumario, para pagar determinadas tarefas relacionadas coa organización da feira, a responsable do IMCE, Dulce Rodríguez, comunícalle a José María Tutor, responsable de Vendex en Galicia, que a cifra se calculou en 6.550,8 euros, pero que "se pode ser máis, estupendo". Tutor pregúntalle se ese documento sería "entre eles" e ela contesta que "si, que só o quere para ter na alcaldía de cara a xustificar ante os outros".

Galicia mellor sen Touradas xa anunciou que ao longo desta semana vai manter contacto cos grupos políticos da oposición municipal para tentar asegurar a fin das corridas de touros na Coruña

A prórroga do contrato por parte de Eventauro teríalle facilitado ao Concello a xestión deste conflito, recorrendo ao argumentario dos feitos consumados. Porén, a súa renuncia obriga ao goberno de Carlos Negreira a tomar a decisión (no caso de que queira manter as touradas) de convocar un novo concurso para a concesión da feira, unha decisión que de producirse de seguro recibiría notables críticas. Galicia mellor sen Touradas xa anunciou que ao longo desta semana vai manter contacto cos grupos políticos da oposición municipal para tentar asegurar a fin das corridas de touros na Coruña. De momento, este colectivo presentará este xoves, a través do BNG, unha iniciativa neste sentido.

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos
Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.