O Goberno decidiu aprazar a aprobación da reforma educativa prevista para este venres tras unha xornada de folga na comunidade educativa marcada polas multitudinarias protestas nas rúas. Fontes do Partido Popular recoñecen que a falta de consenso ao redor da denominada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa están detrás desa decisión. En concreto, o Executivo reclamaríalle ao ministro Wert un maior esforzo para lograr un consenso ao redor da lei que permita ao Goberno evitar un novo conflito nun contexto marcado polas protestas cidadás.
Desde Moncloa téntase, con todo, evitar ligar as protestas deste xoves ao adiamento. Fontes do Goberno aseguran que a decisión de non levar a reforma educativa ao Consello de Ministros débese a que se estiveron pechando cuestións técnicas da memoria económica que impediron que o texto estivese listo para a súa incorporación á orde do día da reunión deste venres.
Desde o Ministerio de Educación ofrécese unha terceira versión. Fontes do Ministerio explicaron a eldiario.es que o motivo do atraso é que se quere axustar o texto o máximo posible ás recomendacións formuladas polo Consello de Estado. En concreto, están buscando un maior consenso coa comunidade educativa e as comunidades autónomas en dous puntos criticados polo organismo no seu informe: a relixión e a lingua.
Este xoves ao mediodía fontes de Moncloa recoñecían que o texto podería non ser tratado no Consello de Ministros, tal e como estaba previsto. Con todo, o ministro de Educación non confirmaba a noticia tras abandonar o hemiciclo pola porta de atrás para evitar os xornalistas. Durante esa conversa cos xornalistas, Wert preguntaba quen afirmara que a reforma non sería aprobada na reunión do Gabinete deste venres e respondía cun silencio á cuestión sobre o adiamento.
Unha folga histórica
Unha folga histórica que supón un "non rotundo" á Lomce, a polémica reforma educativa impulsada polo ministro José Ignacio Wert, que este mesmo venres inciará o seu trámite parlamentario no Consello de Ministros. O seguimento deste paro xeral situouse "entre o 80 e o 90%" en Galicia, logo de que por primeira vez se mobilizasen todos os sectores da comunidade educativa (nais e pais, alumnado e profesorado) en todos os niveis do ensino e en todo o Estado.
CIG, CCOO e UGT cifran o seguimento da folga entre o 80 e o 90%; a Xunta, en menos do 18%
Foron masivas as manifestacións, tanto as da mañá, convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que tivo a súa marcha máis exitosa en Vigo con 15 mil manifestantes, coma as da tarde da Plataforma en Defensa do Ensino Público, que reuniron máis de 15 mil persoas en Vigo, máis 10 mil na Coruña, preto de 5 mil en Ferrol e algo menos en Ourense e Lugo. Máis de 50 mil persoas en total nas cinco marchas da tarde. O obxectivo da comunidade educativa non era outro que Wert chegue ao Consello de Ministros deste venres "coas noticias diante dunha folga e unhas manifestacións históricas", tal e como adveritu Lois Uxío Taboada, secretario de Confapa. Semella que foi así, aínda que o ministro de Educación xa advertiu de que non ía dar marcha atrás cunha reforma criticada maioritariamente pola comunidade educativa, que coincide no seu rexeitamento case global á normativa.
"Aquí está, aquí se ve, o estudantado galego en pé" ou "Non á Lomce" foron algúns dos lemas máis repetidos nas marchas celebradas pola mañá, nas que se reclamou tamén a dimisión do ministro Wert. Na manifestación de Compostela, o escritor Suso de Toro leu un comunicado final no que se criticou o "afán privatizador" do Goberno, así como a subvención a centros que segregan por sexo. Ademais da xa comentada de Vigo, tamén moi multitudinarias foron as manifestacións celebradas na Coruña e Compostela, así como as que se levaron a cabo no resto das cidades e en Vilagarcía e Burela.
No resto de España as marchas tamén foron masivas. Segundo os organizadores, 120.000 persoas acudiron á marcha de Madrid e 100.000 á de Barcelona.
Diverxencia de cifras
Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino e voceiro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público asegurou que o apoio á folga "é maioritario" no país, cun seguemento "do 90%". "É un éxito rotundo", dixo, tras destacar que o paro é "practicamente total" no ensino secundario, aínda que algo menor no primario. Do mesmo xeito, destacou que Galicia é un dos territorios do Estado onde destaca máis o seguimento do paro e onde hai máis centros "onde case non hai actividade ningunha".
Pola súa banda, Marcelino Brea, secretario xeral de FETE-UGT, un dos sindicatos sobre o que se nuclea a Plataforma en Defensa do Ensino Público, prefire non falar de cifras aínda, pero si advirte xa do "amplo apoio" do profesorado á folga e, sobre todo, da "ausencia masiva" ás aulas entre o alumnado, que está a secundar de maneira moi maioritaria o paro xeral. Pola súa banda, Luz López, voceira da plataforma, cifra a participación media nun 80% e máis achegada ao 90% na Universidade, destacando tamén a escasa presenza de estudantes en centos de centros educativos. Ademais, Confapa achegou cifras definitivas que cifran o paro nun 95% de seguimento na universidade, tanto entre os docentes como entre alumnos; dun 75% do profesorado en Primaria e Secundaria e dun 85% no caso dos estudantes.
No entanto, os datos da Xunta son claramente diverxentes co dos convocantes. Así, a Consellería de Cultura e Educación cifra no 17,9% a incidencia da folga contra o anteproxecto da Lomce nos centros públicos galegos e asegura que o paro "foi secundado por un 15% menos de efectivos da consellería que na folga do 14 de novembro de 2012". A Administración "valora a responsabilidade da comunidade escolar", que di que se traduciu "nunha total normalidade na xornada lectiva".
Unha lei "segregadora, recentralizadora, elitista e sectaria"
Para a comunidade educativa que este xoves sae á rúa, a denominada Lei Wert é "segregadora, recentralizadora, elitista e sectaria". Os motivos que xustifican a negativa á Lomce son coincidentes en todos os sectores que se opoñen a ela, e resúmense nos que cita a Liga Estudantil Galega. Así, a reforma educativa permite que se blinden as subvencións a centros que segregan por sexo, así como a mercantilización da educación, "encamiñándoa ás esixencias do mercado laboral".
Ademais, toda a comunidade educativa en protesta denuncia a "centralización" do ensino que suporía a Lomce, ao desprezar as culturas propias de cada comunidade, ademais do ataque que supón para a lingua galega, que deixaría de ser unha materia troncal e que podería quedar en tan só unha hora de clase á semana nos colexios. Do mesmo xeito, tamén é obxectivo de críticas a recuperación das reválidas, a primeira delas xa en 3º de Primaria, así como a eliminación de Educación para a Cidadanía e a creación dunha alternativa á materia de Relixión "feita á medida ideolóxica do PP". Por outra banda, outra das medidas que está a causar un maior rexeitamento é o feito de que o Consello Escolar dun centro pase a ser un órgano consultivo e que o director poida ser elixido pola Administración.