O Goberno central obvia un bombeiro galego na homenaxe aos falecidos nos incendios

Rajoy, durante a homenaxe © Goberno de España

O pasado 27 de marzo o bombeiro forestal Higinio Vivas, de 59 anos, falecía atrapado entre as lapas do incendio contra o que loitaba, en Castrelo do Val. Coma el, tamén morreron durante este ano outros profesionais da loita contra o lume noutros puntos do Estado, un piloto, un brigadista e un axente ambiental na Comunitat Valenciana ou un membro da Unidade Militar de Emerxencias en Cáceres. Estes catro traballadores foron homenaxeados o pasado 9 de outubre en Madrid, no acto organizado polo Goberno central para recoñecer o traballo de todos os equipos anti incendios. Pero nas condecoracións, que tamén se estenderon a diversos organismos oficiais, non estivo incluído o brigadista galego.

Este "esquecemento" doeu especialmente en Apropiga, a asociación que agrupa a parte dos traballadores do servizo contra incendios da Xunta. "Higinio non tivo nin un só recoñecemento nin homenaxe por parte das autoridades autonómicas ou estatais malia dar a súa vida na loita contra o lume", din, e a única lembranza chegou "dos seus compañeiros", cun acto sinxelo o pasado abril na base de helicópteros de Vilamaior, na que se instalou "un monolito" co seu nome "que foi custeado" polo resto do persoal. "A este acto non asistiron autoridades nin cargos da Xunta", só os traballadores e os familiares do falecido.

O Estado condecorou os outros catro falecidos na loita contra o lume durante 2012 

"Dende Apropiga decidimos impulsar a solicitude para Higinio dun recoñecemento oficial", explica a asociación, xa que consideran que debe ter "o mesmo recoñecemento que se lle dá a outros colectivos". Pero "a día de hoxe non recibimos resposta ningunha á nosa solicitude", silencio ao que se engade agora que fose "totalmente esquecido" no acto do día 9. "Queremos denunciar o absoluto esquecemento dos profesionais da prevención e extinción de incendios forestais en Galicia", di Apropiga, xa que considera que estes traballadores e traballadoras non reciben "ningún tipo de atención" por parte "nin do Goberno de Galicia nin do Goberno de España", malia ser "unha das comunidades con máis incendios forestais" e na que "hai profesionais que se dedican en corpo e alma á loita contra esta plaga, chegando a dar a súa vida".

Neste contexto Apropiga lembra tamén os dous brigadistas falecidos en Fornelos de Montes en agosto de 2010 e ao piloto que tamén finou en Laza, en outubro de 2011. "Esiximos a homenaxe institucional que Higinio Vivas merece e o recoñecemento dos profesionais que en Galicia se dedican a loitar contra os incendios forestais", conclúen.

Rajoy, durante a homenaxe © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.