O Goberno central profunda no ensaio da 'lei mordaza' en Galicia

Manifestación de Queremos Galego polo Día das Letras CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno de España tramita xa nas Cortes Xerais a súa lei de seguridade cidadá, a norma alcumada como 'lei mordaza' que anticipa un complicado escenario para múltiples organizacións políticas e sociais e mesmo para quen vela polo correcto cumprimento dos dereitos humanos, caso por exemplo do control dos excesos policiais. Mentres o proxecto do Ministerio do Interior vai completando trámites en Galicia varias organizacións sociais senten que estan a ser unha caste de ratos de laboratorio do que está por vir, vítimas de algo semellante a un ensaio a través dunha campaña de sancións que, lonxe de frearse, non fai máis que recruar. O último colectivo que tivo novas desta aposta gobernamental foi a plataforma Queremos Galego.

Grupos ecoloxistas, feministas, contra os desafiuzamentos ou, como neste caso, de defensa da lingua, describen unha mecánica practicamente idéntica: unha vez celebrada unha mobilización determinada, a Delegación do Goberno central en Galicia notifícalles, apoiándose na Policía Nacional, unha proposta de sanción por algún tipo de desperfecto realizado nas rúas polas que transcorreu a protesta ou no seu entorno. No caso de Queremos Galego atribúeselle -á plataforma, non a persoas concretas- a realización de pintadas "sobre cuestións das que non temos nada que dicir ou que entran nas nosas funcións", explica o seu voceiro, Carlos Callón. É o caso, por exemplo, da plasmación nas paredes de lemas como "o turismo é colonialismo", polas que o Estado lles reclama 450 euros.

A Delegación do Goberno xustifica agora a sanción aludindo a un "paseo policial" antes e despois da protesta

Dáse o caso, explicou Callón este xoves en rolda de prensa, que algunhas das sancións chegan a ser un verdadeiro "copia e pega", ata o punto de que varias organizacións estań "acusadas pola mesma pintada", nunha estratexia que identifican como de "criminalización dos sospeitosos habituais", isto é, dos movementos que ao PP "quere que estan calados". Esta tese, di, refórzase coa "resposta que nos envía" o departamento que dirixe Samuel Juárez tras a primeira proposta de sanción. Segundo o Goberno central, "un policía paseou por todas as rúas de Compostela" para "ver como estaban" antes da manifestación do pasado Día das Letras "e despois volveu pasar", para comprobar se houbera danos. "Se houbo ese paseo policial, por que non o dixeron antes?", pregúntase, antes de concluír que "están a mentir".

Os movementos sociais enfróntanse a "problemas novidosos nos últimos trinta anos"

Queremos Galego "estuda" xa a posibilidade de recorrer a multa, unha vía para a que teñen en conta non só o feito de que nesta e noutras mobilizacións convocadas por eles "non houbo ningún acto incívico e se o houbese, rexeitaríamolo", senón tamén a cuestión económica, toda vez que as novas taxas xudiciais fan "máis custoso economicamente" presentar un recurso. En todo caso, sinala Callón, o colectivo inclínase por "non calar" ante este tipo de situacións, toda vez que "coa nova lei", sancións coma esta destabilizarían moito máis o movemento, ata o punto, di, de "poñer en perigo" futuras mobilizacións só por que o Estado as considera unhas "reunións de vándalos".

Neste escenario, o único "claro" é que "non imos calar", asegura o tamén presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística. "Non nos van amedrentar" malia teren que enfrontarse a "problemas novidosos nos últimos trinta anos". Vivimos "tempos escuros" nos que en última instancia, lamenta, o que semella querer presentarse como "delito" é "mobilizarse na defensa do noso idioma" aínda que esas protestas fosen, dende o seu inicio, "un exemplo de civismo".

Comparecencia de Queremos Galego, este xoves CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.