O Goberno sanciona 110 manifestantes galegos aos que reclama 28.000 euros

Manifestación na Coruña © 15M Montealto

Máis de cen persoas foron sancionadas en Galicia pola súa participación en manifestacións celebradas durante os anos 2012 e 2013 nas rúas do país. Concretamente, foron 110 os expedientes incoados e case 30.000 euros (28.164) os cartos reclamados polas devanditas sancións, o que supón unha media duns 256 euros por cada multado. Así se tira dos datos obtidos por eldiario.es das delegacións do Goberno, unhas cifras que indican que máis de 3.200 cidadáns foron sancionados no conxunto do Estado pola mesma razón, mentres que os cartos que se lles solicitan elévanse aos 587.432 euros.

Máis de cen persoas foron sancionadas en Galicia por participar en manifestacións; reclámanselles uns 30.000 euros

Galicia é a sexta comunidade autónoma que rexistra maior número de expedientes entre xaneiro de 2012 e setembro de 2013, só superada por Madrid, Andalucía, Castilla-La Mancha, Valencia e Navarra, ao tempo que se sitúa tamén entre os primeiros postos en canto á contía das multas.

Xa no pasado ano, diversos colectivos denunciaron a masiva campaña de multas ou de ameazas de sancións recibidas por participar en diferentes mobilizacións. Queremos Galego, Contraminacción, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Stop Desafiuzamentos ou plataformas de afectados polas preferentes denunciaron o "acoso" que sofren e denunciaron unha "criminalización" dos movementos sociais en Galicia por parte da Delegación do Goberno.

Todos os colectivos describen unha mecánica practicamente idéntica: unha vez celebrada unha mobilización determinada, a Delegación notifícalles, apoiándose na Policía Nacional, unha proposta de sanción por algún tipo de desperfecto realizado nas rúas polas que transcorreu a protesta ou na súa contorna. Foi o caso que denunciaron Queremos Galego ou a plataforma Contraminacción.

Varios colectivos levan tempo denunciando o "acoso" e a campaña de "criminalización" por parte da Delegación do Goberno

Ademais, na Coruña, máis de vinte activistas foron multados ou ameazados de sanción por participar en diferentes mobilizacións, mentres que afectados polas preferentes -en especial na provincia de Pontevedra- levan meses denunciando unha campaña de multas masiva e desproporcionada para intentar deter as súas protestas. Casos coma este son, fundamentalmente, aos que se refiren os datos achegados polo Executivo central. 

Pero quen acumula a maioría de expedientes (case 1.400) e sancións económicas (360.000 euros) por participar en manifestacións é Madrid. A Delegación de Goberno madrileña, dirixida por Cristina Cifuentes, incoou o 43% dos expedientes a nivel estatal e reclama o 60% do diñeiro total imposto a cobro en concepto de multas.

Os expedientes abertos polo Goberno refírense a posibles incumprimentos na Lei orgánica 1/1992 sobre protección de seguridade cidadá. Trátase de sancións relacionadas con defectos na comunicación das protestas á Delegación de Goberno.

As sancións multiplicáronse un 900% en Madrid no ano 2012

No caso de Madrid, as sancións multiplicáronse en 2012 un 900% con respecto ao ano anterior. Fontes da Delegación de Goberno explican que o número de manifestacións non comunicadas nese ano foi de 734, unha cifra moi superior ás 340 do 2011, o que explicaría o incremento de expedientes sancionadores aos convocantes ou aos asistentes ás mesmas.

Detrás de Madrid, en número de sancións sitúase Andalucía, cun total de 789 expedientes e unha imposición de multas por valor de 42.624 euros. A continuación, está Castilla-La Mancha con 374 expedientes, Valencia con 238, Navarra con 172 e Galicia con 110. Parte do diñeiro en multas, contabilizado polo Goberno, está pendente de cobro.

A información que se recompila na seguinte táboa foi enviada polas delegacións do Goberno ao Congreso dos Deputados en resposta a unha pregunta parlamentaria presentada polo deputado socialista Antonio Trevín. Os datos achegados percorren o período entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 30 de setembro de 2013. As comunidades de Valencia e Castilla y León omitiron na súa comunicación a información relativa ao diñeiro reclamado aos manifestantes.

Na táboa non figura información sobre Cataluña ou País Vasco, ao ser o goberno desas comunidades o competente na materia, a través das súas policías autonómicas.

MULTAS EN MANIFESTACIÓNS 2012-13
Autonomía Expedientes Importe das multas (euros)
Andalucía 789 42.624
Aragón 5 1.100
Asturias 66 18.961
Balears 16 19.708
Canarias 20 6.416
Cantabria 8 2.400
Castilla y León 12 Non facilitado
Castilla-La Mancha 374 16.374
Ceuta 2 1.200
Extremadura 10 25.252
Galicia 110 28.164
La Rioja 7 2.000
Madrid 1.398 358.065
Melilla 7 10.500
Murcia 15 4.800
Navarra 172 49.508
Valencia 238 Non facilitado
TOTAL 3.249 587.432

Os datos recollidos son previos ao anuncio da nova Lei de Seguridade Cidadá. O novo texto legal prevé un encarecemento notable das sancións. O novo texto legal expón até 16 novos supostos sancionables. Na actualidade, as multas van desde os 90 até os 300 euros para infraccións leves e poden chegar até os 6.000 euros, no caso de infraccións graves.

Coa nova lei, esas sancións poden chegar até os 600.000 euros. Esa cifra é o máximo previsto para supostos como a convocatoria de manifestacións non autorizadas ante o Congreso, a través das redes sociais.

Manifestación dos afectados polas preferentes CC-BY-SA Praza Pública
Concentrados ante a casa de Aurelia Rey na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.