O golpe (definitivo?) á piratería de Vidal Armadores?

A Mariña de Nova Celandia aborda un buque de Vidal Armadores © Interpol

Ata 10 millóns de euros. Esa cantitade é a que podería ter que pagar o grupo empresarial galego Vidal Armadores logo de que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente iniciase contra ela un proceso sancionador no marco da operación Sparrow. É unha máis -pero se cadra a máis contundente- das accións gobernamentais e xudiciais contra esta firma pirata de Ribeira, coñecida pola morea de denuncias por pesca ilegal que acumula e polas contundentes medidas que diversos Estados teden levado a cabo contra ela. Pero a súa polémica actividade non se detén. 

Nova Celandia abordou tres buques que pescaban pescada negra de maneira ilegal e deu inicio á operación contra Vidal Armadores

A última operación internacional contra a pesca ilegal en augas da Antártida tamén deu con tres barcos presuntamente vinculados a Vidal Armadores e con bandeira de Guinea Ecuatorial: o Songhua, o Kunlun e o Yongding. Nova Celandia perseguiunos en xaneiro por capturar pescada negra en augas antárticas, unha especie que acada elevados prezos no mercado, tanto no legal como no ilegal. 

O primeiro destes barcos, o Songhua, era xa moi coñecido para as autoridades. Australia denunciouno e incluíno na lista negra da Comisión para a Conservación dos Recursos Mariños Antárticos (CCRMA). Daquela chamábase Paloma V e tiña bandeira de Namibia. Tamén a tivo de Mongolia, Tanzania ou Indonesia. E ten cambiado de denominación unha vez ao ano desde aquela. Vidal Armadores colleu sona por ser símbolo e principal protagonista destas prácticas ilegais nas que emprega tamén redes prohibidas, como as que usaba nos últimos meses. O goberno de Nova Celandia relaciónaos coa empresa de Ribeira malia que algunha das embarcacións son propiedade de Eastern Holdings Ltd., unha suposta firma pantasma con sede en Belice. 

Varias ONG levan anos denunciando as prácticas ilegais de Vidal Armadores, que viu tamén como algúns dos seus buques foron afundidos ou despedazados ante as cámaras. Pero nunca se detivo. Greenpeace acumula lustros de persecución a esta compañía e en 2009 xa a denunciara ante a Audiencia Nacional tras reclamar ao Goberno central unha actuación contundente.

Os barcos de Vidal Armadores foron detidos once veces e a compañía recibiu sete condenas por pesca ilegal

Nos últimos 16 anos -desde principio de século- os barcos da compañía foron detidos polo menos once veces e a compañía recibiu sete condenas -unha delas de cárcere para un dos membros da familia Vidal. Ademais, tres dos seus buques foron confiscados e foron multados por valor de máis de 3 millóns de euros. Malia todo, e tal e como lembra Greenpeace, o grupo empresarial recibiu uns 16 millóns de euros en subvencións pesqueiras por parte das administracións españolas durante a década dos 2000. Tamén Biomega Nutrición, participada por Manuel Antonio Vidal Pego, apoderado da firma, foi subvencionada con case 4 millóns de euros pola Xunta para a construción dunha planta de produción de Omega 3 a partir de aceite de fígado de peixe. 

Case todo lle saíu de balde ou lle compensou a Vidal Armadores, que non dubida en patrocinar clubs deportivos e colaborar con diversos colectivos na comarca do Barbanza. Desta vez, e tras a reforma da Lei de Pesca que permmite unha maior presión sobre "buques apátridas e de abandeiramento de conveniencia", as cousas poderían cambiar. 

O Estado anunciou 19 sancións moi graves a sete empresas, todos relacionados con Vidal Armadores

Xa en marzo, inspectores de Pesca pasaron días na sede de Vidal Armadores para analizar milleiros de documentos e comprobar a morea de operacións e sociedades interpostas e domiciliadas en paraísos fiscais que forman parte do conglomerado pesqueiro. A pasada semana, o Goberno anunciou 19 sancións moi graves a sete empresas, todas relacionadas coa matriz. Entre 60.000 e 600.000 euros de sanción até sumar, aproximadamente, uns 10 millóns de euros. 

Ademais, e nunha decisión novidosa, abríronse expedientes sancionadores a 50 tripulantes por se enrolar nos barcos presuntamente piratas de Vidal Armadores durante os últimos anos e malia o veto ao que están sometidos polo regulamento da UE. Todo froito dunha operación Sparrow que é histórica e que contou coa colaboración estreita de Australia e Nova Celandia.

Protesta de Greenpeace contra a pesca ilegal © Greenpeace
A Mariña de Nova Celandia aborda un buque de Vidal Armadores © Interpol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.