O guerrilleiro coruñés Manolito Bello será homenaxeado este luns, no 70 aniversario do seu asasinato

Manolito Bello, asasinado o 11 de xullo de 1946 © CRMH

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) levará a cabo este luns unha homenaxe ao coruñés Manolito Bello, integrante da guerrilla antifranquista, detido en 1946 e asasinado a garrote vil no cárcere da cidade. O acto terá lugar ás 17 horas no Cemiterio de Oza (rúa Antonio Noche s/n), lugar onde foi soterrado. 

Entrou a formar parte das JSU (as xuventudes do PCE) que se estaban reorganizando na Coruña, iniciándose a súa militancia na clandestinidade

Manuel Luís Bello Parga, mais coñecido como Manolito Bello, naceu o 13 de xaneiro de 1925 na rúa Monelos. "Pertence a unha xeración de xente nova que, a pesar de non ser protagonista da guerra, non se adaptou e dobregou á nova situación que representaba a ditadura", destaca a CRMH. Entrou a formar parte das JSU (as xuventudes do PCE) que se estaban reorganizando na Coruña, iniciándose a súa militancia na clandestinidade. Foi detido por primeira vez no 1945 e condenado por un delito de rebelión militar pola elaboración de panfletos políticos. A principios do ano 1946, estando en liberdade provisional, ingresou na guerrilla do alto, formando parte da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia.

Manolito foi o único detido e foi inmediatamente acusado de matar a Vilela. Os feitos teñen unha gran repercusión e o réxime actúa cunha gran dureza, aproveitando a ocasión dunha maneira propagandística, como intento de escarmento á guerrilla

A finais de maio do 46 a guerrilla decidiu realizar un acto de sabotaxe na Coruña consistente na colocación dun artefacto explosivo no edificio da Falanxe. Manolito formou parte do destacamento encargado da misión, pero a acción quedou abortada por atoparse dentro do edificio o conserxe. No momento da retirada sufriron unha emboscada da Garda Civil na rúa Rubine. Dende a CRMH explican que "nese momento pasa casualmente pola rúa, dirixíndose ao local de El Ideal Gallego, Arcadio Vilela, un dos membros dos tristemente coñecidos Caballeros de La Coruña, que colaboraba na sección de deportes deste xornal. Son as once e media da noite e Vilela atopase en medio dos disparos, corre entón a refuxiarse cara ao portal do Ideal onde o tirotean mentres sobe as escaleiras".

Manolito foi o único detido e foi inmediatamente acusado de matar a Vilela. Os feitos teñen unha gran repercusión e o réxime actúa cunha gran dureza, aproveitando a ocasión dunha maneira propagandística, como intento de escarmento á guerrilla. "Manolito Bello foi condenado a morte desde o mesmo momento da súa detención e a súa causa converteuse nunha pantomima sen ningún tipo de garantías, acelerándose escandalosamente os prazos do proceso para evitar o indulto e acalar de paso os rumores que falaban de fogo amigo", sinala a Comisión.

O 11 de xullo de 1946 Manolito Bello, con 21 anos, foi asasinado a garrote vil no cárcere da Coruña

O 11 de xullo de 1946 Manolito Bello, con 21 anos, foi asasinado a garrote vil no cárcere da Coruña despois de ser vítima de maltrato e torturas. A súa figura converteuse en unha referencia para a resistencia antifranquista e, no seu honor, un batallón do exercito da guerrilla levará o seu nome.

Unha das últimas vontades de Manuel Bello foi que na súa tumba se lle colocara unha estrela de cinco puntas feita con caraveis vermellos

Unha das últimas vontades de Manuel Bello foi que na súa tumba se lle colocara unha estrela de cinco puntas feita con caraveis vermellos. Un grupo de persoas entre os que estaba Carmiña, a noiva de Manolito, puideron colocar a estrela grazas á axuda do empregado do cemiterio de Oza, que lles abriu a porta despois do horario de peche. Ao atoparse ao día seguinte a estrela colgada na lápida e pensando que os guerrilleiros saltaran o muro pola noite, a Garda Civil reacciona rodeando o cemiterio e facendo garda permanente durante os días seguintes. "Esta desproporcionada e absurda demostración de forza non impediu que, durante moitos anos, tódalas semanas, apareza un pequeno ramo de cinco caraveis vermellos colgado nun cravo situado encima da súa lápida", relata a CRMH.

 

Manolito Bello, asasinado o 11 de xullo de 1946 © CRMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.