O hospital de Santiago aboca aos tribunais a petición de morte digna para Andrea

Vestíbulo do Clínico de Santiago CC-BY-NC-SA CIG Saúde

Galicia conta dende o pasado verán cunha lei de morte digna, cuxa aprobación foi froito dunha pouco habitual unanimidade e xurdida dunha iniciativa da oposición que o PP accedeu a aprobar, algo aínda menos común. O texto entrou en vigor en xullo e a súa utilidade real vén de ser posta en cuestión pola vía dos feitos no duro caso de Andrea, a nena de 12 anos ingresada no Clínico de Santiago cuxa familia reclama unha "morte digna" para pór fin a un "sufrimento insoportable". "Só pedimos que a deixen marchar dignamente", resumía a súa nai, Estela Ordóñez, en entrevista con Praza Pública. Dende a saída do caso á luz pública foron innumerables as voces de apoio á petición familiar, que bate co criterio do hospital a respecto dunha decisión que, todo semella indicar, terá que tomar a Xustiza.

O ministro de Xustiza, o líder do PSOE, Pedro Sánchez, a Organización Médica Colexial e mesmo a Conferencia Episcopal manifestáronse nas últimas horas a prol de rematar co sufrimento de Andrea, a quen unha sonda alimentaria mantén ligada á vida malia ao carácter irreversible da doenza que padece. Todas estas voces concordan co ditame do Comité de Ética Asistencial da área de Santiago, que o pasado día 14 avalou a petición da familia, a mesma que rexeitan os responsables hospitalarios co apoio explícito da Xunta, manifestado pola conselleira de Sanidade e polo propio presidente.

O xerente do CHUS ratifica que terá que ser un xulgado o que decida sobre Andrea malia ao ditame do Comité de Ética

O xerente do CHUS, Luis Verde, viuse este xoves obrigado a comparecer ante os medios para advertir de que a decisión de prolongar a vida de Andrea responde "a un auto xudicial" do pasado mes de xullo que, afirma, sustenta o mantemento da alimentación artificial. Os pediatras que atenden a nena, afirma, non fan máis que actuar "na liña que marcan os principios da boa práctica clínica e da ética asistencial". Non existe a "obstinación terapéutica" que a lei de morte digna tenta impedir, asegura Verde, que anuncia unha nova consulta ao xulgado para comunicar "a nova situación" e reclamar que a Xustiza "oriente" a decisión a tomar. Iso, asegura o responsable do Sergas, é o "razoable".

O xerente obvia que o devandito auto xudicial se remitía ao ditame do Comité de Ética Asistencial, que apoia a morte digna, e evita detallar cales foron os límites impostos polo xulgado, pero reclama "calma". "Estamos nunha discrepancia sobre o alcance das actuacións", asegura, xa que o Servizo de Pediatría "entende que xa está practicando a limitación do esforzo terapéutico".

A relatora da lei reclama "ética e xustiza"

Mentres Rocío Mosquera e Alberto Núñez Feijóo avalan a posición do hospital e, no caso do presidente, fía as decisións ao ditame xudicial mentres insta a non formular un "debate político", a deputada que impulsou a lei de morte digna, Carme Acuña (PSdeG), reclama o cumprimento do texto legal en aras da "ética" e da "xustiza". A voceira socialista en materia sanitaria resalta que a lei é o suficientemente "clara" para non precisar "interpretacións nin a un xuíz". "Os doentes teñen dereito a seren informados e a decidir -neste caso, a familia da menor- e a partir de aí, os profesionais temos o deber de aceptar a decisión e o tratamento escollido", resalta.

Acuña (PSdeG) censura que a conselleira de Sanidade fale do caso en termos de "eutanasia activa": "Ou descoñece o caso ou mente".

A tamén doutora e cirurxiá resalta que que a familia de Andrea debera estar sendo "arroupada, coidada, apoiada e asistida, e non é o que se está a facer". "Ningún responsable de Pediatría -engade- nin o persoal da xerencia de ningún centro pode prolongar o padecemento cando non hai posibilidade de curación". E, no caso de facelo, resalta, a propia lel galega recolle "sancións e infraccións" que a Administración debe "aplicar" se non se cumpre.

Xa no ámbito político a parlamentaria do PSdeG censura, despois de que Mosquera se referise ao caso como unha petición de "eutanasia activa", que a conselleira de Sanidade "ou descoñeza o caso ou, deliberadamente, minta". "Ou non se decata ou non se quere decatar de que non se trata dun caso de eutanasia activa, senón de garantir a morte digna dunha paciente terminal". A responsable gobernamental debera "ler a lei, escoitar os profesionais e axudar a familia no seu momento máis duro", conclúe.

Estela e Antonio, ante o hospital de Santiago © Sara Torreiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.