O hospital Lucus Augusti segue sen servizos entre denuncias de "malgasto" de cartos

Mobilización no HULA para reclamar a radioterapia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

O 26 de febreiro de 2011 Alberto Núñez Feijóo inaugurou o Hospital Lucus Augusti (HULA) e prometeu o inicio dos trámites para adquirir unha unidade de hemodinámica. Dous anos e medio máis tarde o Hospital de Lugo segue carecendo destas instalacións, e tamén doutros servizos, coma Radioterapia e Medicina Nuclear. A consecuencia é que unha persoa que padeza un infarto na provincia de Lugo tarda uns 178 minutos en ser atendida. Se esa mesma persoa residise na Coruña recibiría o tratamento máis axeitado en case a metade de tempo, 98 minutos.

Este xoves a Agrupación de Asociacións Veciñais de Lugo (AgrupaLugo) volveu reclamar as instalacións e servizos prometidos e denuncia ademais que a Xunta "está malgastando 145.000 euros en levar a roupa do Hospital Universitario Lucus Augusti para lavala na Coruña e volvela a traer a Lugo". O Presidente de AgrupaLugo, Diego Pena Luaces, destacou que “mentres a Xunta gasta esa importante cantidade de diñeiro, na provincia de Lugo seguimos sen uns servizos sanitarios básicos no HULA e a pesar do clamor da cidadanía solicitando estes servizos”.

AgrupaLugo lembra que no momento en que se inaugurou o HULA "explicouse que era un dos hospitais máis modernos e que melloraría a atención sanitaria". E sinala que coa posta en funcionamento deste servizos sanitarios "aforraríase unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento".

Por todos estes motivos AgrupaLugo continuará "realizando as accións que sexan necesarias para reclamarlle á Xunta uns servizos sanitarios básicos para a provincia. Ademais tendo en conta que Lugo é unha das provincias máis avellentadas, non só de Galicia, senón tamén de España". En xuño unha representación de 40 alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras do PSdeG na provincia de Lugo, presentou o manifesto Non somos cidadáns de segunda, no que reclaman os servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA, ademais dunha sanidade pública de calidade na provincia.

Mobilización no HULA para reclamar a radioterapia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Feijóo na inauguración do HULA, na que prometeu a hemodinámica © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.