O incendio de Mondariz fai revivir o outono de lume no monte galego

Bombeiros forestais a traballar na extinción dun incendio de Mondariz Dominio Público Brif Laza

A pantasma do lume de outubro de 2017 regresou este domingo por Mondariz. O incendio declarado en torno ás seis e cuarto da tarde na parroquia de Sabaxáns puxo en risco pouco despois o núcleo de poboación de Barro, na parroquia lindeira de Gargamala, obrigando a declarar a Situación 2 pola súa proximidade a zonas habitadas. En apenas tres horas as estimacións oficiais da Consellería do Medio Rural ascenderon de 20 a hectáreas a medio cento e pouco despois, a 120 e ata as 150, superficie estimada nas primeiras horas deste luns, cando tras unha noite de intenso traballo dos equipos de extinción o incendio foi dado por estabilizado. Contra o mediodía do luns quedou controlado, segundo Medio Rural.

O incendio declarado na parroquia de Sabaxáns obrigou a decretar a Situación 2, de risco para áreas habitadas, nunha zona con gran abundancia de eucaliptos

Unha trintena de brigadas e máis de vinte motobombas seguiron a traballar cando a falta de luz obrigou a retirarse os dez helicópteros que foron despregados na zona entre escenas de forte tensión. Tal e como detallou o Concello de Mondariz a Faro de Vigo, a evacuación de arredor dun cento de persoas acelerouse porque na contorna hai "moitos anciáns que viven sós e nesta época teñen palla na casa". Neste sentido, a tenente da Alcaldía, Mónica Peralba, lamentou que "nun primeiro momento só se mandase un helicóptero de control" e non houbese medios "suficientes" ata que o lume se achegou ás casas. Na contorna, subliñou, abondan os eucaliptos.

Traballos de extinción durante a noite en Mondariz / Brif Laza

A combinación de calor, seca e vento tivo Mondariz como principal escenario, mais non como único. Mentres se loitaba contra as lapas e para protexer as zonas habitadas -a Situación 2 foi desactivada contra a media noite- no interior de Ourense o equipos de extinción seguían traballando en focos como o que atinxe dende o sábado ao parque natural do Xurés, na parroquia de Requiás do Concello de Muíños. Segundo a información divulgada pola Xunta neste espazo protexido arderon algo menos de 20 hectáreas e o incendio está controlado, aínda que non extinguido polo momento.

Vista xeral do incendio antes da caída da noite, entre amplas áreas de eucaliptais / Brif Laza 

Estes focos foron os que máis atención suscitaron nun contexto no que, outra volta, a restritiva política informativa do Goberno galego a respecto dos incendios forestais dificulta a confección dun mapa completo do lume. Así e todo, os incendios si revelados dende o departamento que agora dirixe José González permiten elaboral este outubro unha suma provisional dunhas 500 hectáreas entre o incendio de Mondariz e outros como os que sufriron na Gudiña, Nogueira de Ramuín, Verín ou Rianxo.

Así e todo, como adoito, bombeiros e axentes forestais e mais os propios concellos afectados divulgaron outros focos dos que a Xunta non informou. É o caso dos que atinxiron este domingo, por exemplo, á parroquia compostelá de Grixoa e a varios municipios da provincia de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.