O incendio do Pindo descobre restos que "agrandan o seu patrimonio arqueolóxico"

Formacións líticas descubertas no Monte Pindo © Laura Caamaño

O incendio que o pasado verán arrasou o Monte Pindo descubriu algunhas formacións líticas que poderían "pasar a agrandar o patrimonio arqueolóxico" deste Olimpo Celta. Así o anuncia a asociación a prol do parque natural, que advirte que, "a falta da análise dos expertos que permitan estudar as estruturas", estas cabanas circulares suporían o descubrimento duns restos arqueolóxicos descoñecidos até o de agora.

O monte quedou tan "pelado" que permitu descubrir formacións líticas que poderían "agrandar o patrimonio arqueolóxico" do Pindo

Foi Laura Caamaño, socia da Asociación Monte Pindo Parque Natural e veciña de Caldebarcos, a que descubriu estas formacións líticas que saíron á luz, "aproveitando que o monte está tan pelado que permite observar seccións do espazo que antigamente eran case inaccesíbeis ás persoas". O dramático lume, que queimou unhas 2.500 hectáreas, permite que este colectivo aproveite as súas visitas ocasionais ao espazo para obter "valiosainformación" sobre antigos camiños e muros que estaban xa esquecidos e que agora si son visíbeis para calquera. Incluso non descarta que aparezan outros descubrimentos importantes.

Non obstante, a asociación mantense crítica e asegura que, 200 días despois do incendio, o Monte Pindo "segue sen ter ningunha noticia da administración responsábel de xestionalo". "A última noticia foi a reincidente negativa a tramitar dunha vez a súa declaración oficial como parque natural, a suspensión indefinida do proxecto civil de voluntariado SOS Monte Pindo e o esquecemento ao que parecen querer condenarnos", quéixase o colectivo, que critica que "os autores por omisión" do lume "seguen impunes", pero tamén que "non houbo detención ningunha pola autoría material do lume, que segue sen esclarecerse e non por falta de liñas de investigación senón de interese".

"O territorio segue gravemente afectado polos episodios de arrastre e desertificación, apenas salpicado polas notas de cor que compoñen unhas poucas herbas e flores ventureiras e algunhas bolboretas. As pozas que deixa a choiva atraen aos poucos lagartos sobrevivintes da traxedia que destruíu un espazo natural único no sur de Europa por culpa da pasividade (cando non obstaculización) dos encargados de protexelo", denuncia a asociación.

O Valedor decidiu "emprender actuacións contra a Xunta por negarse a facilitar aos veciños información sobre as consecuencias do lume"

Ademais, destaca tamén que o Valedor do Pobo decidiu "emprender actuacións contra a Xunta por negarse a facilitar aos colectivos veciñais información sobre as consecuencias do incendio e o custe do operativo de extinción". Logo da denuncia presentada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, o Alto Comisionado xa lle requiriu en dúas ocasións ao PP para que "deixe de ocultar eses datos á opinión pública, pois a Lei obrígalle a informar con luz e taquígrafos sobre calquera cuestión medioambiental da súa competencia, como é o caso".

Formacións líticas descubertas no Monte Pindo © Laura Caamaño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.