O incumprimento do contrato podería provocar a supresión das touradas na Coruña

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

O presunto incumprimento do contrato da entidade organizadora das touradas na Coruña debería provocar a rescisión do acordo e a non celebración da feira taurina na Coruña. Así o asegura a plataforma Galicia Mellor Sen Touradas (GMST) e o grupo municipal do BNG, que este xoves solicitaron a ruptura do devandito contrato.

A empresa tería incumprido os prazos fixados ao non presentar o cartel das touradas antes do 7 de xuño

Segundo o colectivo e a formación nacionalista, Eventauro, empresa organizadora, tería incumprido os prazos fixados no prego de condicións da concesión e que sitúa o 7 de xuño como a data límite para presentar un cartel do que nada se sabe na cidade, a menos de dous meses da celebración das touradas no Coliseo.

Mesmo a concelleira de Cultura do Concello, Ana Fernández, aseguraba hai tan só uns días que non hai noticia sobre a proposta da compañía, que ten a intención de celebrar o espectáculo en dúas fins de semana en lugar dunha. No entanto, o alcalde Carlos Negreira asegura que a firma si está a cumprir o acordo e considera un rumor a noticia sobre a inexistencia do cartel.

O BNG pide que o Concello destine os 90.000 euros "malgastados" nos touros ao fomento do emprego

Nunha comparecencia pública, a concelleira do BNG Avia Veira reclamou a non renovación do contrato da feira taurina “por ser innecesario, por supor un dispendio de cartos públicos e porque a empresa incumpriría os pregos de condicións”. A nacionalista reivindicou que o Goberno municipal destine os 90.000 euros "malgastados" nas touradas para programas de fomento do emprego. “A feira taurina non é unha demanda cidadá, o que pide a cidadanía é traballo”, destacou a edila nacionalista, que estivo acompañada polo responsable de GMST, Rubén Pérez, cualificou de “cachondeo” a opacidade do Goberno municipal sobre o tema e que aclarou que, de teren lugar as touradas durante dúas fins de semana consecutivas, o Concello tería que achegar aínda máis cartos dos 90.000 euros que "malgastou" o ano pasado.

Avia Veira e Rubén Pérez reivindicaron a non renovación deste contrato que, como se recolle no prego de cláusulas administrativas, ten unha duración dun ano desde a data da súa formalización, prorrogábel antes da súa finalización por mutuo acordo entre o IMCE e o contratista por anos até un máximo de catro anos, incluído período inicial e prórrogas.

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.