O inferno de ser refuxiado en Grecia

Dominio Público Praza Pública

Hai quen podería pensar que Europa era, quizais hai un tempo, non moito, lugar de destino de persoas de fóra do continente onde labrar un futuro mellor. Coa crise, no entanto, a situación cambiou. Europa, e dentro dela a Unión Europea, deixou de ser co estalido da crise económica ese territorio ao que acollerse cando as cousas ían mal.

Non obstante, existen milleiros de persoas que se ven obrigadas a abandonar o seu país non por motivos económicos, senón que son forzados a escapar para poñer a súa vida a salvo, ben sexa por unha guerra, por persecución política, pola súa orientación sexual... Persoas ás que, coa excusa da crise, se deixa de lado convertendo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en papel mollado -o seu artigo 14 di: "En caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, e a disfrutar del, en calquera país"-.

O mellor exemplo é Grecia. Un país rescatado e cunha cidadanía enfrontándose a novos recortes cada poucos días non parece querer protexer os milleiros de persoas que desde hai poucos anos, e debido ao reforzamento do control de fronteiras entre Marrocos e España e Libia e Italia, buscan refuxio en territorio heleno a través da fronteira con Turquía. Só no 2010, segundo un informe da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), Grecia recibiu 3.455 solicitudes de recoñecemento da condición de refuxiado; unicamente foron aceptadas 105.

A situación que viven estas miles de persoas que agardan en Grecia se reflíte no documental que hai uns días lanzou en internet a nova produtura de contidos multimedia audiovisuais Sinergy Project. Creada polo fotoxornalista Gabriel Pecot, a xornalista e editora multimedia Romina Peñate e o desenvolvedor web e editor Antonio Rull, estreou o film Hellas Hell, el infierno de los refugiados en Grecia coa intención de mostrar un tema que non tiña cabida nos grandes medios de comunicación.

Partindo da premisa de que é “posible e indispensable producir un xornalismo de calidade”, Pecot e Peñate viaxaron a Grecia coa finalidade de documentar a situación destas persoas que, a consecuencia de guerras, revolucións ou persecucións políticas, se ven obrigadas a buscar refuxio fóra do seu país. O que atoparon alí foi a migrantes e solicitantes de asilo cuxo único obxectivo é, despois de pasar meses e incluso anos xogándose a vida para chegar a Grecia, abandonar o país. Por que? A resposta ofrécea Sara Prestianni, coordinadora de Megreurop a quen entrevistan no documental: “Ser solicitante de asilo en Grecia significa vivir na rúa, durmir en condicións precarias, non ter un sistema de acollida, non ter un sistema de asistencia sanitaria, o que no imaxinario da Europa que acolle non significa nin acollida nin refuxio”.

O problema multiplícase cando estas persoas descobren que Grecia non lles permite saír cara outro país da UE. E se o logran, son devoltos a territorio heleno. Para comprender isto, explica Pecot, hai que coñecer ben o regulamento. Primeiro está o acordo de Schengen, cuxo obxectivo, trala súa entrada en vigor no ano 1995, é o de eliminar os controis fronteirizos internos na Unión Europea, co que a circulación entre polos 26 países que asinaron o acordo debería ser libre. Non obstante, noutro lado atópase o regulamento europeo Dublín II, que establece que o Estado membro responsable dun solicitante de asilo é sempre o primeiro no que se ten constancia desa persoa.

Pecot non encontra explicación ao tratamento que dispón Grecia sobre os refuxiados. Para el, adóitase “utilizar o argumento da crise económica grega para xustificar as violacións dos dereitos humanos de refuxiados e migrantes”. Na súa opinión, isto é unha falacia xa que “a orixe da situación remóntase ao ano 2004, coa creación do grupo Frontex (Axencia Europea de Control de Fronteiras)”. “Como é lóxico -explica-, a crise económica gravou as condicións de vida dos refuxiados, pero falta máis vontade política que recursos para brindarlles protección internacional. Basta un exemplo: o Goberno de Grecia invertirá ata cinco millóns e medio de euros en construir un muro entre Grecia e Turquía, pero non ten diñeiro para ofrecer comida e asistencia médica aos solicitantes de asilo e migrantes”.

A situación, polo de agora, non ten visos de mellorar. Edris, un refuxiado sudanés ao que entrevistan no documental, resume crudamente a situación: “Isto é Europa? Isto non é Europa, é o inferno”.

Romina Peñate © Sinergy Project
Gabriel Pecot © Sinergy Project
Antonio Rull © Sinergy Project

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.