O informe da UE que racha tópicos sobre os sindicatos en Galicia e no Estado

CCOO e UGT, en Santiago baixo un cartel da CIG CC-BY-SA Merixo

Os sindicatos galegos e os do conxunto do Estado son dos que máis cobertura dan ás persoas traballadoras coa metade das horas sindicais que adoitan dispor as centrais en Europa e tamén con moitos menos recursos. Esta é a conclusión que se tira da Enquisa Europea de Empresas, realizada por Gallup para a axencia pública Eurofound da UE. O informe, baseado nas entrevistas a responsables e representantes legais do cadro de persoal dunhas 30.000 compañías, racha algúns dos tópicos máis estendidos sobre as centrais, tanto en Galicia como no conxunto de España. 

Os sindicatos galegos e españois son dos que máis cobertura dan aos traballadores coa metade das horas sindicais e menos recursos que as centrais en Europa

Así o pensa José Domingo Barros, secretario de Política Sindical, Relacións Laborais e Formación de UGT-Galicia, sindicato que vén de analizar os datos. "O que pon en evidencia esta detallada enquisa é que non somos nin tan vagos nin tan vendidos como se trata de infundir desde algunha caverna", explica en Praza quen advirte que "con menos medios, menos horas de liberación e menos dispoñibilidade, os sindicatos fan máis que noutros lugares". 

O 57% das empresas españolas e o 44,6% das galegas teñen representación sindical estable, fronte ao 32% de media en Europa

Segundo o informe, os niveis de cobertura aos traballadores dos sindicatos españois só son superados en Finlandia e Dinamarca e atópanse diante de países como Francia, Alemaña, Italia ou Inglaterra. Tal e como indica a enquisa, de media, o 32,1% das empresas europeas dispoñen de representación sindical estable, ben sexan seccións sindicais, delegados ou comités. En España, esa porcentaxe elévase ata o 57,1%, mentres que en Galicia descende ao 44,6% aínda que por riba tamén da media europea e das cifras de Portugal, Grecia, Reino Unido, Alemaña, Austria, Italia ou Irlanda. 

A porcentaxe de compañías con representación sindical en Galicia supera á de Portugal, Grecia, Reino Unido, Alemaña ou Italia

En España hai rexistrados 303.622 representantes sindicais, mentres que en Galicia son 15.387, cunha división moi parella entre as tres grandes centrais: o 28,7% corresponden a UGT, o 27,6% á CIG; e o 25,6% a CCOO. 

Esta situación de cobertura e asistencia aos traballadoras dáse, segundo a propia enquisa e como lembra UGT-Galicia, "a pesar de que os sindicatos españois teñen menos recursos materiais, formativos e de tempo para o exercicio das funcións de representación, en relación á media europea". Así, mentres o 37% dos representantes sindicais europeos teñen acceso ao financiamento das propias empresas para sufragar o asesoramento xurídico, económico ou técnico, no Estado esa porcentaxe redúcese á metade. 

Menos do 30% dos representantes dispoñen de horas sindicais en Galicia e no Estado, fronte ao 56,2% en Europa

Pero hai máis. Segundo a enquisa de Gallup para Eurofound, os sindicatos do Estado sitúanse nos últimos postos da UE en canto ás horas sindicais. Tan só o 28,3% dos seus representantes dispoñen de crédito horario para exercer as súas funcións, mentres que no conxunto da Unión Europea a media é do dobre, o 56,2%. Os datos en Galicia, aínda que non detallados neste informe, sitúanse en niveis semellantes aos de España, tal e como destaca UGT, aínda que un chisco por debaixo tamén pola maior relevancia de empresas pequenas onde tan só se elixe un delegado sindical e onde, "por lóxica, é máis complicado que a empresa conceda esas horas". 

"Hai que ter en conta que unha porcentaxe elevadísima de representantes sindicais non dispoñen desas horas aínda que lle corresponden legalmente", advirte tamén José Domingo Barros, que insiste en que os tópicos espallados arredor dos sindicatos "débense a intereses moi poderosos e teimudos que insisten en intentar demostrar que ata este informe está errado". "Hai moitos intereses creados", engade quen recoñece o "momento baixo" polo que pasa a imaxe das diferentes centrais fronte ao "valor" que se lles outorgaba "nos principios do proceso democrático". 

Así, cre que fai falta un "proceso didáctico, moi custoso, que poña en valor a actividade dos representantes dos traballadores". Aínda así, o secretario de Política Sindical de UGT-Galicia cre que "as cuestións externas de imaxe son importantísimas", pero que o que verdadeirramente revela a validez dos sindicatos é "o seu traballo nas empresas". "O que esta crise económica demostrou é que os sindicatos sobrevivimos malia os continuos ataques grazas á representación nas compañías, sobre todo nas grandes onde se pode elixir comité; esa é a nosa razón de ser e a nosa salvación", explica. 

"Na política houbo forzas que ocuparon un baleiro, pero no sindicalismo non o lograron porque os traballadores séntense ben representados"

Ademais, cre que de facer un paralelismo entre a situación sindical e a política, as centrais tradicionais saen gañando. "Na política chegan novas forzas que ocupan un lugar porque hai un baleiro, pero entre os sindicatos, malia que houbo varios e variados intentos desde eses ámbitos por chegar á representación nas empreas, a súa introdución foi nula, mesmo en grandes centros", di. Refírese a alternativas impulsadas por Podemos, como o sindicato Somos, e a outras experiencias. "Se ocorre isto é porque os cadros de persoal séntense ben representados", engade Barros, que cre que "máis que unha campaña de imaxe" o que precisan os sindicatos é "seguir traballando e ben nas empresas". "Iso é o que nos lexitima", di. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.