A Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego vén de anunciar que inicia un boicot contra a empresa francesa Lactalis, á que acusa de non trasladar aos gandeiros as subas de prezo que foron acordadas coa distribución logo das intensas mobilizacións de antes do Nadal. Consideran, xa que logo, que o grupo galego está a levar a cabo unha "apropiación indebida" do incremento que os grandes supermercados impulsaron nas súas marcas brancas para que repercutise nas granxas pero que só se nota na marxe do beneficio final.
Lactalis é unha das empresas que máis leite recolle en Galicia e fabrica marcas brancas, President, Lauki ou Puleva
A Plataforma explica nun comunicado que Lactalis, que fabrica as marcas brancas para Carrefour ou Alcampo, ademais de President, Lauki ou Puleva, "está perpetrando unha estafa evidente" contra "os produtores lácteos e en xeral contra a cidadanía galega". "A empresa négase a trasladar aoos gandeiros as subas acordadas coa distribución nos cartóns de leite despois das últimas mobilizacións diante das grandes superficies comerciais", explican. O colectivo xa advertira das reticencias de moitas industrias a cumprir co acordo.
Ademais, asegura que conta coas "certificacións acreditativas nas que se recollen as subas efectuadas nas liquidacións das firmas de distribución". Lactalis -unha das industrias que máis produto recolle en Galicia- xa recibiu o diñeiro da distribución coas subas acordadas, pero na liquidación que vén de facer non trasladou ese incremento de dous céntimos ás granxas nin aclarou como o vai aplicar ou se de verdade pensa facelo.
A Plataforma acusa o grupo francés de "estafa evidente" ao recibir a suba pactada coa distribución e non trasladárllela aos gandeiros
Non é Lactalis a única marca que amosa reticencias á hora de trasladar ese incremento de prezos aos gandeiros. Leche Celta, por exemplo, tan só incrementou o importe en medio céntimo por litro, mentres que Río di que mantén os importes que xa estaba pagando.
Polo momento, o sector lácteo fai un chamamento aos consumidores "para que non compren as marcas elaboradas" por Lactalis "para non ser cómplices da apropiación ilegal e inmoral da renda das familias que están á fronte das explotacións gandeiras". O grupo lácteo fabrica Puleva, Chufi, President, Laiku e Choleck, ademais das marcas brancas de centros de distribución como Carrefour ou Alcampo, entre outros.
Alén disto, a Plataforma seguirá presionando e reclama tamén que o acordo coas industrias se amplíe e non se cinga tan só ás marcas brancas. Entende que se a distribución é quen de ceder dous céntimos das súas marcas brancas, as máis baratas, a industria tamén pode facer o mesmo coas marcas propias, moito máis caras e que andan por riba dos 71 céntimos.
Ao mesmo tempo, os gandeiros lembran que a reacción da industria debe ser axiña ante a crise pola que atravesan moitas explotacións. Por iso, insisten en que a Xunta debe actuar e presionar para asegurar que se cumpra o acordo e evitar que a crise do sector siga afogando as granxas. Os prezos do leite galego seguen a ser os máis baixos do Estado e as solucións continúan a tardar máis do necesario.