Os gandeiros intensifican as súas mobilizacións contras as grandes cadeas de distribución en Galicia. Ao bloqueo indefinido que do Alcampo e do Carrefour da Coruña mantén a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego uniranse os que levará a cabo noutras áreas comerciais de Lalín, Monforte, Vilalba e Sarria. DIA, Eroski e Lidl son as empresas que desde este mediodía recibirán a visita dos tractores e dos produtores, que seguirán informando aos consumidores do "roubo" que sofren tanto eles como as granxas nas que non repercute o aumento de prezo que si se notan nos cartóns de leite dos supermercados.
Ao bloqueo do Alcampo e o Carreour na Coruña uniranse máis en Eroski, DIA e Lidl noutras localidades como Lalín, Monforte, Vilalba ou Sarria
Manteranse os tractores na Coruña e tamén fronte a eses hipermercados doutras comarcas mentres non haxa unha resposta das empresas de distribución. Seguen sen aclarar por que esa suba de entre 3 e 5 céntimos en cada cartón só a nota o consumidor, pero non o prezo que as industrias pagan aos gandeiros, que seguen a cobrar de media 27 céntimos, por baixo dos custos de produción.
A Plataforma sinala a Carrefour, Eroski, Alcampo e Lidl por non ter asinado o acordo lácteo e a DIA por si firmalo pero, segundo din, incumprilo ao vender leite francés a baixo prezo. E mentres, o colectivo intenta sumar máis gandeiros e tractores ás súas protestas, que coinciden coa última semana de campaña. O colectivo busca un compromiso por escrito das cadeas de hipermercado para que o incremento de importe nos cartóns de leite se traslade tamén aos gandeiros e non só aos consumidores.
"Estamos arruinados, cumpran o acordo xa!", di a pancarta tras a que se manifestaron 1.000 gandeiros en Lugo
Ao tempo, en Lugo, Agromuralla mantén uns 500 tractores arredor da Muralla e celebrou unha manifestación a partir do mediodía na que percorreu varias zonas da cidade. Foron arredor dun milleiro de gandeiros, segundo a policía local, os que se manifestaron pola área interior da devantida Muralla nunha marcha encabezada por unha pancarta co lema Estamos arruinados cumpran ou acordo xa!. Os produtores recalmaron "prezos xustos para o noso produto" e un "futuro" ante os que os queren "arruinar".
Ademais, tamén levará a cabo pola tarde reparticións gratuítas de leite en áreas comerciais como Eroski, onde tamén demandarán explicacións e solucións ao grave problema dos prezos. Desde este colectivo, xurdido á marxe dos sindicatos, coincídese coa Plataforma en pedir a "dignificación do sector lácteo" e, ao igual que o resto de gandeiros, que nos cartóns de leite se especifique "a orixe do produto".
Ademais, avogan por un "novo contrato lácteo", un mediador e un órgano arbitral externo para vixilar polo cumprimento dos acordos, así como unha comisión de seguemento "transparente e operativa". Agromuralla pregunta tamén por que moitas explotacións non recibiron aínda nin as axudas da PAC nin a prometida pola Administración central logo da sinatura do pacto. E insisten, coma sempre, nun "prezo digno" para "poder vivir" do seu traballo.