O machismo xa asasinou o duplo de mulleres en Galicia que en todo 2013

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Adela, María Luisa, Elena, Belén, Sara e Mónica. Son as mulleres que, no que vai de ano, foron asasinadas en Galicia polo feito de séreno. O asasinato de Mónica Lorenzo, veciña de Barro de 38 anos, é o sexto deste 2014 e, ademais de evidenciar unha vez máis os efectos mortais do machismo, dá lugar a unha preocupante cifra: no que vai de ano as vítimas mortais das agresións de xénero xa son o duplo que en todo o 2013, segundo datos oficiais.

As bases de datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade amosan que, cando menos polo momento, non hai tendencia ningunha que convide a baixar a garda, máis ben ao contrario. Nos últimos cinco anos pasouse dun 2010 sen asasinatos machistas a 3 en 2011, 4 en 2012, outros 3 en 2013 e os 6 rexistrados ata este 25 de agosto. Os seis casos deste ano dan lugar a que haxa no país tantos casos como noutros territorios como Catalunya, con moita máis poboación, e un só caso máis que na Comunidade de Madrid, comunidade con máis do duplo de habitantes que Galicia.

No conxunto do Estado os datos tampouco convidan, nin de lonxe, ao optimismo. Mentres sucesos como presuntas agresións sexuais dan lugar a saídas de ton de diversos dirixentes políticas a realidade indica que xa houbo cando menos 37 asasinados machistas, os mesmos que o pasado ano nestas datas, os cales poden chegar a 39 se as investigacións en curso en San Roque (Cádiz) e El Escorial (Madrid) conclúen que as mulleres que alí faleceron fixérono a causa da agresión das súas parellas ou ex parellas. Como resultado destes asasinatos 24 menores de idade ficaron orfos.

No que vai de ano 24 menores ficaron orfos a causa de asasinatos machistas

Todo isto sucede nun contexto no que os estudos máis recentes indican que unha parte considerable da sociedade aínda xustifica as agresións machistas ou os comportamentos que as alentan. Así, segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas, máis dun terzo da poboación do Estado aínda culpa as mulleres que sofren violencia de xénero e case un 30% considera que determinadas actitudes violentas, como as ameazas, non terían que ser castigadas pola lei.

Neste contexto a Delegación do Goberno central en Galicia expresa a súa "condena enérxica" deste feito e fai "un reiterado chamamento a todas as mulleres que sofren malos tratos e aos seus familiares e achegados para que denuncien os agresores". "Lémbrase tamén a necesaria implicación de toda a sociedade" na loita contra esta violencia, sinala nun comunicado o que tamén recorda a "importancia de usar o teléfono 016, que é de balde e garante a confidencialidade da chamada, xa que non fica rexistrado na factura telefónica". Pola súa banda, a Marcha Mundial das Mulleres condena o sucedido e chama a amosar esa "repulsa" nas concentracións convocadas para este martes en diferentes puntos do país.

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.