O 'Mai Més' volve soar en Catalunya 10 anos despois

Fragmento do cartaz © Praza Pública

A Plataforma Nunca Máis Catalunya organiza, xunto coa Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), unha serie de actividades co gallo do décimo aniversario da traxedia do Prestige. Os actos terán lugar o vindeiro sábado, 1 de decembro, e repartiranse entre o Ateneu Roig (Gràcia) e máis o Ateneu 9 Barris (Trinitat Nova).

Os actos terán lugar o vindeiro sábado, 1 de decembro, e repartiranse entre o Ateneu Roig (Gràcia) e máis o Ateneu 9 Barris (Trinitat Nova)

Ás 12.00 horas terá lugar no Ateneu Roig de Gràcia a presentación da exposición do pintor Anxo Baranga 10 anos no país de Nunca Máis a cargo da compañía de teatro Furafollas e máis a proxección de Deu anys després, un traballo audiovisual no que se recollen textos do colectivo Nunca Máis Catalunya. Ás 12.30 realizarase o pase do documental Marea Blanca da directora Isabel Coixet, unha homenaxe aos voluntarios e voluntarias que participaron nas tarefas de limpeza do chapapote nas costas galegas.

Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, terá lugar a exhibición da montaxe audiovisual A plataforma Nunca Máis de Catalunya: Organización e loita pola defensa do país e máis a mesa redonda 10 anys del Prestige na que participarán Joan Zamora, director da Mariña Civil, xornalista, avogado, representante da Generalitat na Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos e autor do libro Prestige de l’accident a la tragèdia; Joan Codina, director do documental Prestige, el viaje a ninguna parte; un representante de Ecologistas en Acción e máis Vítor Cabral, de Nunca Máis Catalunya. Ás 20.00 horas producirase o acto simbólico de entrega á faculdade de Historia da Universitat de Barcelona do material bibliográfico da plataforma Nunca Máis Catalunya.

A xornada rematará, ás 22.30 horas, cun concerto de homenaxe aos voluntarios e voluntarias que terá lugar no Ateneu 9 Barris

A xornada rematará, ás 22.30 horas, cun concerto de homenaxe aos voluntarios e voluntarias que terá lugar no Ateneu 9 Barris coa presenza dos grupos Lo Petit Comitè, Sundaché e DJ Nacho. Este concerto enmárcase nos actos do désCONCERTO EXPANSIVO que organiza o colectivo A Burla por toda Galicia e tamén no exterior para celebrar o nacemento do movemento Nunca Máis. No transcurso do mesmo darase lectura ao Manifesto contra o Silencio, escrito por Manuel Rivas fai dez anos e máis ao DésCalogo, un texto que serve de base á campaña DésPrestige. O prezo da entrada é de 4 euros (concerto+queimada).

Fragmento do cartaz © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.