O malestar pola modificación do trazado do Camiño Norte chega a Compostela

Inicio da 'frecha amarela' en Baamonde Dominio Público Defensa do actual trazado do Camiño Norte ao seu paso por Baamonde

Unha frecha amarela chegou este sábado a Compostela. Unha manifestación diferente, formada por centos de veciños de Baamonde, de Sobrado, de Arzúa, concellos polos que pasa o Camiño Norte a Santiago e que se senten prexudicados pola modificación do trazado proposta pola Xunta, e que dende outubro se agrupan nunha plataforma.

O pasado 9 de agosto a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta iniciaba o proceso de delimitación desta vía, cunha proposta de trazado que foi publicada no DOG do 4 de setembro. Esta proposta modificaba o camiño deseñado en 1992 pola Deputación de Lugo (recuperando un trazado histórico), principalmente a partir de Baamonde, onde a Xunta escolle unha vía distinta, paralela, para chegar a Compostela. A Plataforma de afectados denuncia que estes cambios "carecen do rigor científico suficiente, e modifican o actual itinerario desviando o peregrino por lugares de dificil acceso sen o apoio suficiente no caso de que perigrase a súa integridade fisica". Tamén critican, e aquí está o cerne do conflito, "o dano que lle fan ao pequeno comercio rural do interior das provincias de Lugo e A Coruña". Pola contra, os técnicos que realizaron os informes técnicos nos que se asenta a modificación defenden o rigor a solidez da súa proposta

O Camiño Norte entra en Galicia por Ribadeo, a través de dúas vías: unha cruza o Eo, pasa por Ribadeo e segue por Barreiros e Lourenzá; a outra segue pegada ao río, e en Abres (Trabada) encamíñase cara ao interior, confluíndo coa primeira en Vilanova de Lourenzá. Dende alí o camiño diríxese cara a Mondoñedo. O novo trazado proposto pola Xunta modifica o treito entre Mondoñedo e A Xesta (Abadín), situándoo a varios quilómetros ao oeste do actual. Este cambio non xera polémica e baséase tanto en consideracións históricas coma de facilidades para os peregrinos. A seguir, Abadín, Vilalba e Baamonde, onde comeza a diverxencia de pareceres.

Veciños, alcaldes (mesmo do PP), asociacións de empresarios e mesmo a Deputación defenden o trazado orixinal e presentaron alegacións á proposta do Goberno galego

De Baamonde, o camiño diríxese a Boimorto, pero a unha distancia considerable da actual vía, algo que na proposta técnica de modificación se xustifica para afastala da N-VI e para achegala ao río Parga. De Boimorto, os peregrinos achéganse até Arzúa, onde xa conectan co Camiño Francés (aínda que historicamente o camiño ía de Boimorto a Lavacolla directamente). 

Veciños, alcaldes (mesmo do PP), asociacións de empresarios e mesmo a Deputación defenden o trazado orixinal e presentaron alegacións á proposta do Goberno galego. “A Deputación sempre apoiará calquera acción reivindicativa para que se manteña o actual trazado, en resposta á demanda veciñal e por considerala prexudicial para o emprego nestes municipios”, sinalou o ente provincial, que aprobou por unanimidade a proposta.

 

Protestas tamén no Camiño Primitivo

Esta parcela do territorio, formalmente protexida desde 1962, foi obxecto dunha lexislación insuficiente frente á intensiva explotación turística, á que se lle engadiron outros aproveitamentos vinculados ao desenvolvemento capitalista

As protestas pola modificación do trazado no Camiño Norte únense ás que no último ano ven espertando os cambios no Camiño Primitivo. Segundo o Foro do Camiño Primitivo, o itinerario aprobado pola Xunta "deixa fóra de toda posibilidade de recuperación e de posta en valor uns 50 quilómetros da traza medieval orixinaria", legalizando ao mesmo tempo outros tantos quilómetros "de itinerario falsificado cuxo desvío corresponde a intereses particulares e ilexítimos.

Recentemente, o libro Camiños de Santiago. 50 anos de protección patrimonial dun itinerario cultural, de Carlos Amoedo e Teresa Nieto Freire afondou nas distintas delimitacións e mecanismos de protección dos itinerarios xacobeos nas últimas décadas, destacando que esta parcela do territorio, formalmente protexida desde 1962, foi obxecto dunha lexislación insuficiente frente á intensiva explotación turística, á que se lle engadiron outros aproveitamentos vinculados ao desenvolvemento capitalista (concentración parcelaria, infraestruturas xerais, explotacions mineiras, parques eólicos) que deturpan irreversiblemente a autenticidade e integridade do primeiro itinerario cultural mundial. No prólogo, Felipe Arias apunta que boa parte das desfeitas proveñen do "lucro fácil e a desculpa dunha crise para perpetrar as maiores barbaridades culturais e patrimoniais que se poidan imaxinar",

Concentración, na praza do Obradoiro © Defensa do actual trazado do Camiño Norte ao seu paso por Baamonde
Realizando o camiño que os levou a Compostela Dominio Público Defensa do actual trazado do Camiño Norte ao seu paso por Baamonde
Manifestación, o pasado mes de outubro Dominio Público Defensa do actual trazado do Camiño Norte ao seu paso por Baamonde
Os dous trazados en discusión © Plataforma na Defensa do Camiño Norte de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.