O maltrato animal multiplicouse por doce en Galicia en cinco anos

Cartel da asociación Libera contra o maltrato animal © Libera

A asociación animalista Libera vén de alertar que o maltrato animal en Galicia multiplicouse por doce nos últimos cinco anos -entre 2008 e 2013-, o que supón un incremento do 1.190%, tal e como destaca nun comunicado. O colectivo basea as cifras nos datos do Servizo de Protección da Naturaleza (Seprona) da Garda Civil.

O Seprona investigou 75 casos de maltrato animal en 2008, fronte aos 968 de 2013

Segundo estes datos, en 2008 foron 75 os casos investigados pola Garda Civil no país, mentres que cinco anos despois, en 2013, as dilixencias iniciados ascenderon a case un milleiro (968). Do mesmo xeito, Libera detalla que nese mesmo período déronse en Galicia 4.103 casos de cans maltratados, o que sitúa o país como a sexta comunicade no "macabro ránking" do Estado e por diante de territorios moit máis poboados como Madrid ou a Comunitat Valenciana.

Por todo isto, o colectivo animalista volveu pedir a modificación da Lei de protección dos animais de Galicia para que se endurezan as sancións por caso de maltrato, unha reclamación que vén avalada tamén por máis de 103.000 sinaturas na Rede. Precisamente, Leonardo Anselmi, director da Fondation Franz Weber para o Sur de Europa e América, reuniuse este pasado venres coa presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, para trasladarlle, entre outras, esta reivindicación e apoiar así a proposta de Libera ou da plataforma Galicia Mellor Sen Touradas, asociada á entidade helvética.

A normativa actual, tal e como destaca Libera, implica que, por exemplo, unha persoa que deixe morrer un can, o manteña atado todo o día ou non lle proporcione atencion veterinaria tan só sexa multado con 30 euros. Así, o colectivo pide aos grupos parlamentarios que apoien unha iniciativa que pedirá na Cámara o endurecemento destas sancións.

"En Galicia, coas multas que hai, case paga máis a pena maltratar un animal que non facelo", declarou Anselmi nunha entrevista con Praza Pública, na que tamén amosa a súa preocupación porque aínda non se vetase o acceso dos nenos aos espectáculos taurinos ou pola nula persecución das pexas no territorio galego.

Cartel da asociación Libera contra o maltrato animal © Libera
Leonardo Anselmi, xunto a Pilar Rojo © Libera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.