"O meu corpo é a miña protesta"

Manifestación polo dereito ao aborto CC-BY-SA Praza Pública

"O meu corpo é a miña protesta. O meu corpo é a miña acción. É a miña forma de protestar". Monica Caamaño abriu o acto final da manifestación da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto citando a Angélica Liddell e texto no que rotunda, afirma, "non quero ter fillos". A reivindicación de que "a liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo" presidiu unha marcha diversa e plural tanto na súa composición coma nas súas mensaxes e que percorreu as rúas de Compostela baixo unha chuvia que foi en aumento.

A marcha rematou na praza de Praza de Praterías ao redor das seis e media, nun acto no que tras a lectura do manifesto contou coa participación de Mercedes Peón, Uxia Senlle, Habelas Hainas, Sonia Lebedynski, As Boubas, Estíbaliz Espinosa ou Teresa Moure. Chegadas a Praterías, as e os manifestantes rodearon a Catedral, símbolo do poder eclesiástico e da influencia que segue mantendo a igrexa católica sobre os poderes públicos. "Menos sobres e máis condóns", "reforma laboral para a conferencia episcopal" ou "aborto libre e gratuíto foron algúns dos berros máis repetidos". 

O texto lido ao remate da marcha defende "o dereito da muller a ter a posibilidade real e concreta de decidir se quere ser nai ou non e cando; sen que leis, ministros, bispos, médicos, xuíces ou calquera outra persoa interfiran na súa decisión. Sen que tampouco a Red Madre ou a Lei de Familia apreten e presionen ás mulleres embarazadas". E conclúe pedindo “o dereito ao aborto libre, sen máis causas que a vontade da muller nas primeiras semanas, na carteira de servizos da sanidade pública. E non queremos que se nos titorice. Somos capaces, sabemos o que decidimos”.

A Plataforma denuncia que a reforma da lei do aborto "non só é un retroceso de máis 25 anos nos dereitos das mulleres, senón que supón volver a un tempo onde, as que podían, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente", diferentes dereitos en función do poder adquisitivo de cada muller polo tanto e unha norma que devolve "á minoría de idade" ás mulleres pois supón "que miles de mulleres necesiten o permiso dun ou dunha profesional ou do titor ou titora legal (no caso das menores de idade), para poder interromper a súa xestación". E tamén unha "caza de bruxas" que levará a que profesionais e mulleres se vexan implicadas e imputadas en múltiples xuízos, moitos deles con resultado condenatorio".

Manifestación polo dereito ao aborto CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación polo dereito ao aborto CC-BY-SA Praza Pública
Mónica Caamaño abriu o acto CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación polo dereito ao aborto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.