O ministro do Interior recibe un exemplar de 'Amigos e sodomitas' como agasallo

Jorge Fernández Díaz, ministro do Interior © Goberno de España

Amigos e sodomitas é o estudo escrito por Carlos Callón e editado por Sotelo Blanco no que o tamén presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística expón a súa investigación sobre as orixes do matrimonio entre persoas homosexuais e en torno á normalidade coa que, durante séculos, foron concibidas as relacións entre persoas do mesmo sexo. Despois de que o Tribunal Constitucional lle dese o seu visto e prace a estas unións e tras as declaracións nas que o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, teimaba en non considerar válidos estes matrimonios, Callón decidiu enviarlle a súa obra como agasallo.

"A ignorancia sándase lendo e, coa lectura, tamén se poden desterrar moitos prexuízos", di Callón para explicar a idea do envío a Fernández Díaz. "Os medios que podemos escoitar hoxe desde voces como a ministro do Interior" a respecto da homosexualidade "remontan na realidade a unha intolerancia que nace nos últimos séculos da Idade Media", sinala o autor da obra, que xa recibiu os premios Vicente Risco de Ciencias Sociais e Fervenzas Literarias de Ensaio. Por isto, di, é "moi necesario que a xente como o ministro Jorge Fernández sexan capaces de superaren ese odio irracional contra o diferente e que se decaten de que, por exemplo, a mensaxe de Xesús Cristo contida nos Evanxeos non ten nada a ver coa homosexualidade, polo que non vale fundamentar a homofobia niso.

"A ignorancia sándase lendo e, coa lectura, tamén se poden desterrar moitos prexuízos", dille Callón ao ministro

Dada a condición de católico -e membro do Opus Dei- do ministro, Callón subliña que "o pecado de sodomía non figura entre os dez mandamentos, non existía nos mil primeiros anos de historia do cristianismo e non aparece nin unha soa vez nas prédicas do seu mesías. No propio libro "explícase, a través de documentación medieval", na súa maioría galega, como a Igrexa lle deu tanta importancia a esta cuestión, "até o punto de que actualmente non sae á rúa contra a pobreza ou a exclusión, das que si falou moito Xesús Cristo, e si se manifeste moitas veces, de forma mesmo histriónica, contra a posibilidade de que teña de novo pleno recoñecemento xurídico a unión entre dúas mulleres ou entre dous homes".

"O problema -conclúe- é que a homofobia adultera a historia deliberadamente", xa que, por exemplo, adóitase obviar feitos como o recollido en Amigos e sodomitas, onde aparece documentado "o matrimonio homosexual máis antigo da Península Ibérica", entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz o 16 de abril de 1601. "Que sexa o máis antigo do que se conserva documento non quere dicir que fose o máis antigo que existe", detalla, xa que tamén existen inscricións funerarias na Antigüidade romana "que xa sinalan os nomes de dous varóns e a súa relación como cónxuxes".

Jorge Fernández Díaz, ministro do Interior © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.