O monte comunal, en defensa do (hospital) público

O hospital de Montecelo, dende Santa María CC-BY-SA juantiagués

A Comunidade de Montes de Mourente (Pontevedra) decidiu este domingo en asemblea reclamar unha vez máis a titularidade dos terreos nos que se sitúan, entre outras instalacións públicas, o Hospital de Montecelo. Os comuneiros levan anos reivindicando, por vía administrativa e xudicial, este espazo, un monte veciñal que durante o franquismo foi asignado ao Estado e utilizado para a construción alí do centro sanitario. Explican que o seu obxectivo non é, en absoluto, cuestionar a permanencia alí do hospital, "por nós que estea alí de forma indefinida", senón precisamente todo o contrario.

Explican que o seu obxectivo non é, en absoluto, cuestionar a permanencia alí do hospital, "por nós que estea alí de forma indefinida", senón precisamente todo o contrario

Os comuneiros queren que se recoñeza oficialmente e dunha vez para sempre quen é o lexítimo propietario dos terreos veciñais, para así "ter o control do uso dese espazo". Sobre todo tendo en conta o proxecto de construción dun novo hospital en Monte Carrasco, polo que quedaría no aire o futuro de Montecelo como hospital público de Pontevedra. 

A Comunidade de Montes de Mourente proporalle nos vindeiros días á Xunta a sinatura dun convenio de cesión "de uso indefinido" dos terreos, pero só mentres se manteña o actual hospital ou outro centro sanitario "de carácter público". No caso de que dende a administración se lle pretenda dar un uso privado ao edificio, ou derrubalo para o aproveitamento do espazo por algunha iniciativa privada, os veciños farían uso dos seus dereitos sobre o seu monte: "Mourente quere que un Montecelo público. Non se discute a situación actual, non queremos que peche nin que se privatice", aseguran. Tamén advirten de que se a súa proposta de convenio é rexeitada ou ignorada pola Consellaría de Sanidade, daquela presentarán un recurso xudicial que "acredite" a titularidade comunal e veciñal deste monte.

Están seguros non só de contar coa razón, senón tamén de que a Xustiza lla ratificaría, tendo en conta precedentes próximos de sentenzas que recoñeceron a titularidade comunal de terreos dos que a administración se apropiou de maneira fraudulenta

Dende a Comunidade de Montes están seguros non só de contar coa razón, senón tamén de que a Xustiza lla ratificaría, tendo en conta precedentes próximos de sentenzas que recoñeceron a titularidade comunal de terreos dos que a administración se apropiou de maneira fraudulenta, sobre todo durante a ditadura, máis non só. É o caso dos terreos nos que se asenta a Brilat, ou das canteiras de Porriño, A Madroa ou Salcedo.

A Comunidade de Montes de Mourente é unha das mellor organizadas e máis combativas de Galicia. Nos últimos anos os veciños téñense mobilizado contra o Proxecto de Acuanorte, pola irregular construción dun macro depósito de tres millóns de litros en Monte do Castro, invadindo a protección arqueolóxica da zona. Tamén contra a construción dun tanatorio-crematorio na Avenida de Montecelo, a escasos metros de vivendas e establecementos hoteleiros. Ou en defensa dos e das afectadas pola ronda urbana de Ponteveda.

 

De quen son os montes comunais?

Esta indefensión legal "foi froito do individualismo promovido polo liberalismo económico, que consideraba anticuada e anacrónica a existencia de propiedades colectivas privadas"

Dende o século XVIII os montes veciñais en man común sufriron unha grande indefensión legal, que fixo que a aínda importante superficie que ocupan hoxe en Galicia sexa apenas a terceira parte do que era hai 300 anos. O crecemento poboación, a expansión da urbanización e a necesidade de terreos para novas instalacións industriais foron pouco a pouco comendo ese espazo de terreo que non era nin público nin privado, que era de todos os veciños pero de ningún en concreto, de ninguén máis que de calquera deles. O capitalismo, a partir do século XVIII, non entendeu ese concepto. Tampouco o Estado. 

Carlos Morgade, presidente da Comunidade de Montes de Mourente, escribiu a este respecto que esta indefensión legal "foi froito do individualismo promovido polo liberalismo económico, que consideraba anticuada e anacrónica a existencia de propiedades colectivas privadas de procedencia non romana e que, ademais, non entendía a importancia do monte como complemento imprescindible para a economía agraria galega".

As parcelas periurbanas de cidades e vilas fóronlles cedidas entre os anos 40 e 70 ás distintas administracións "para instalacións, edificios e equipamento de tipo social (centros educativos, sanitarios), industrial (fábricas, almacéns), militar ou comercial"

O proceso de apropiación acelerouse durante o franquismo, mesmo cunha base legal. A Lei de Montes de 1957 consagrou a equiparación legal dos montes veciñais cos montes públicos de titularidade municipal. Deste xeito, as parcelas periurbanas de cidades e vilas, explica Morgade, fóronlles cedidas entre os anos 40 e 70 ás distintas administracións "para instalacións, edificios e equipamento de tipo social (centros educativos, sanitarios), industrial (fábricas, almacéns), militar ou comercial". Unha parte foi ocupada, igualmente, por empresas públicas hoxe privatizadas.

Morgade salienta que "estas cesións realízanse frecuentemente sen posibilidade de reversión, ou teñen carácter indefinido" e que ademais "non se teñen en conta os dereitos das comunidades desposuídas nin o seu parecer sobre o novo uso das parcelas" e "nin sequera se consideraron os prexuízos que tal cambio de uso supoñían para a economía agraria da poboación afectada". Morgade lembra que moitas veces esta usurpación era acompañada de "falsas promesas aos veciños sobre supostos dereitos preferentes no uso das novas instalacións ou na ocupación dos postos de traballo xerados".

A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1968 recoñece a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais ós habitantes de parroquias e aldeas, previa clasificación como tales, para o cal establece a creación nas catro provincias galegas dos xurados clasificadores. Porén, ao longo da década dos 70 o roubo de terras continuou e mesmo se acelerou, coincidindo cunha fase de crecemento das cidades e vilas galegas. As administracións seguiron dispoñendo dos montes veciñais coma se fosen propios. É nestes anos, sobre todo despois de 1977, cando se producen intensas mobilizacións dos veciños en defensa dos montes comunais.

A lei galega sobre Montes Veciñais en Man Común, aprobada en 1989, confirma que a clasificación como veciñal serao “con independencia do seu aproveitamento actual”

Os xurados provinciais de clasificación iniciaron o seu traballo, con poucos medios e escasa pericia e rigor. E continuárono despois da aprobación en 1980 da nova Lei de Montes Veciñais en Man Común, froito en boa medida das mobilizacións dos anos anteriores. O artigo 12 desta lei especifica que “non será obstáculo á clasificación dos montes como veciñais en man común a circunstancia de estar incluídos en catálogos, inventarios ou rexistros públicos con asignación de diferente titularidade, agás que os asentos se practicaran en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo”. De igual xeito, a lei galega sobre Montes Veciñais en Man Común, aprobada en 1989, confirma que a clasificación como veciñal serao “con independencia do seu aproveitamento actual”.

Porén, en moitos casos os xurados provinciais amosaron durante anos "unha clara traxectoria de defensa dos intereses patrimoniais do Estado e fieis ó mandado da Administración, que neste órgano administrativo é xuíz e parte", segundo denuncia Carlos Morgade, o que foi asentando de facto o espolio realizado nas décadas anteriores, e a pesar do recollido na lexislación.

Hospital de Montecelo © http://www.aidhos.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.