O monte galego e a revolución da sustentabilidade

O monte de Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende

Xosé Veiras escribe en Un claro no bosque, o blog de Praza Pública sobre ecoloxismo social e biodiversidade da importancia da conservación e a recuperación dos montes e do seu aproveitamento respectuoso co medio.

O monte galego é, malia todas as agresións e abandonos, un valioso capital natural. Virámoslle as costas nas últimas décadas mais volveremos de novo a nosa ollada cara a el nun futuro marcado polo final do curto período da nosa historia no que dispuxemos de abundantes recursos non renovábeis. Non poderemos construír unha sociedade sustentábel e máis resiliente sen coidarmos e recuperarmos o monte.

Somos seres interdependentes e ecodependentes. Como constatou o proxecto científico Avaliación dos Ecosistemas do Milenio, todas as dimensións do benestar humano dependen dos servizos que nos proporcionan os ecosistemas. Non nos referimos só aos servizos de abastecemento (auga doce, alimentos,…), senón tamén aos culturais (desfrute estético, identidade cultural,…) e aos de regulación (fixación de carbono, polinización,…). Estes son os máis importantes, pois deles dependen, en último termo, os servizos de abastecemento e os culturais. Porén, tenden a ser menosprezados e invisibilizados. O neoliberalismo propón a súa mercantilización, mais iso non nos asegura a súa manutención adecuada.

 

O monte é o noso maior capital natural

Falarmos de natureza en Galicia é falarmos, sobre todo, de monte. Esténdese por máis de dous terzos do territorio, tendo unha grande importancia no subministro de diversos servizos de abastecemento, de regulación e culturais.

Entendemos por terras a monte as cubertas por matogueiras, bosques e plantacións forestais. Das matogueiras non deberían desprezarse, como se fai acotío, as súas funcións ecolóxicas. E entre os bosques máis ou menos naturais e as plantacións forestais orientadas á produción, nomeadamente se son de árbores alóctonas, cómpre facermos unha clara distinción. Segundo a Avaliación dos Ecosistemas do Milenio en España, “a pesar do que promoven as empresas do sector forestal, este tipo de cultivo monoespecífico de árbores exóticas non se pode denominar bosques desde a perspectiva do seu funcionamento ecolóxico, nin “capital natural” desde unha perspectiva socioecolóxica, pola baixa capacidade, calidade e pobreza do seu fluxo de servizos”. Xa o dixera antes Eduardo Galeano: “Os bosques industriais parécense aos bosques naturais tanto como a música militar parécese á música e tanto como a xustiza militar parécese á xustiza”.

A provisión de servizos polo monte galego, especialmente os de regulación e os culturais, enfronta hoxe múltiples ameazas, entre as que destacan os cambios de uso do solo, particularmente a artificialización e a eucaliptización.

Xa o dixera antes Eduardo Galeano: “Os bosques industriais parécense aos bosques naturais tanto como a música militar parécese á música e tanto como a xustiza militar parécese á xustiza”

O significativo crecemento das superficies artificiais rexistrado desde finais dos anos oitenta, por causa, sobre todo, da creación de infraestruturas de transporte por estrada e de novas zonas industriais e comerciais e pola ampliación das áreas de extracción mineira, fíxose principalmente á custa do monte. A perda de monte foi moi pequena en termos porcentuais, mais entre os efectos negativos da artificialización, ralentizada nos últimos anos por efecto da crise económica, non hai que esquecer o incremento da fragmentación do territorio -empobrecedora da biodiversidade- e o aumento da interfaz urbano-forestal, da extensión das áreas onde as zonas construídas están próximas ás superficies forestais, nas que os incendios son dúas veces máis frecuentes.

Nos tempos actuais, o maior perigo de artificialización do monte provén do renovado interese empresarial pola explotación de xacementos de minerais metálicos e industriais, a unha escala e cuns métodos que poden ser moi destrutivos.

 

Moitas árbores, poucos bosques

Plantacións e bosques cobren hoxe un millón e medio de hectáreas, a metade do territorio do país. Teríamos que viaxar moi atrás no tempo para contemplarmos unha Galicia con tantas árbores como a actual. A forte expansión da agricultura e da poboación durante o Antigo Réxime1 aceleraron o proceso deforestador iniciado coa revolución neolítica e a superficie arborizada atinxiu niveis mínimos, moi inferiores aos actuais, entre os séculos XVIII e XIX. Hoxe hai moitas árbores nos montes, pero a inmensa maioría non forman bosques senón plantacións. O monte arborizado é na súa maior parte resultado do cultivo de piñeiros e eucaliptos efectuado durante as últimas décadas. A progresión dos eucaliptos foi espectacular e trouxo consigo moitos prexuízos socioambientais, ben documentados na literatura científica2. Entre comezos dos anos setenta e a actualidade multiplicaron por máis de dez a súa superficie (tendo en conta só as masas puras e non as plantacións nas que aparece mesclado con piñeiros e outras árbores).

Os bosques antigos, os bosques autóctonos cun alto grao de naturalidade, escasamente transformados pola acción humana, ocupan nos nosos días unhas decenas de miles de hectáreas

Os bosques antigos, os bosques autóctonos cun alto grao de naturalidade, escasamente transformados pola acción humana, ocupan nos nosos días unhas decenas de miles de hectáreas. Continúan ameazados, teñen un valor incalculábel, mais aínda carecen da protección adecuada.. Durante as últimas décadas medrou a superficie coberta por frondosas autóctonas, grazas maiormente á rexeneración natural que tivo lugar en montes e terras agrarias abandonadas, mais polo de agora son bosques xuvenís.

O crecemento excesivo e desordenado das plantacións de eucalipto fixo que o monte galego, no que xa abundaban especies propensas a arder como os piñeiros e as que forman as matogueiras, se tornase aínda máis vulnerábel á acción incendiaria. Isto, unido ao abandono da xestión de extensas superficies de terras a monte, como resultado do éxodo rural e da transformación da agricultura, e á pervivencia do uso do lume como ferramenta agropecuaria, sen esquecer a influencia do cambio climático, explican a crise incendiaria das últimas décadas, especialmente grave nos anos setenta e oitenta, antes da creación dun potente servizo autonómico de extinción de incendios forestais.

O crecemento excesivo e desordenado das plantacións de eucalipto fixo que o monte galego, no que xa abundaban especies propensas a arder como os piñeiros e as que forman as matogueiras, se tornase aínda máis vulnerábel á acción incendiaria

Coa crise definitiva nos anos sesenta do modo de produción agrario orgánico, do que o monte era unha peza indispensábel, do tempo do “lume controlado”, empregado nas estivadas (cultivos temporais de cereais no monte) e na rexeneración de pastos, pasamos ao tempo actual do “lume sen control”. Aínda que no modo de produción agrario tradicional o lume non estaba tan controlado como moitas veces se imaxina. Os lumes escapaban ás veces do control dos labregos espallándose polo monte. O xeógrafo Luis Guitián, o maior estudoso da historia dos bosques en Galicia, afirma que “os efectos destes incendios non se limitaban tan só ao mato porque con frecuencia o lume escapaba ao control dos pastores extendéndose aos estratos superiores da vexetación ou aos bosques próximos”, o que se pon de manifesto “nas declaracións de preitos que se desenvolveron perante o máis alto tribunal de xustiza de Galicia”3.

Nin tan controlado, nin pouco destrutivo. O certo é que a presenza destrutiva no monte galego do lume de orixe humana remóntase miles de anos atrás, modelando a paisaxe galega desde entón. Especialmente durante o último milenio, e da man do crecemento demográfico, moi acusado desde o século XVI. Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía da Universidade de Santiago, escribe, referíndose ao período comprendido entre 1100 e 1850, que “os solos, sobre todo cando as estivadas remontaban as costas que orlaban os vales, foron sometidos a diferentes vagas erosivas durante todo o período, polo que cando hoxe en día se observan esas terras esqueléticas de moitos cumios e pendentes do país, algunhas con máis rocha ca solo, cómpre preguntarse ¿cantas tiveron a súa orixe neste período?"4.

 

Unha Galicia ecoloxicamente dependente nun mundo en Crise

O cambio climático, o teito do petróleo e a diminución acelerada da biodiversidade son as principais dimensións da crise ecolóxica global. O tempo está a facer realidade o escenario “business as usual” proxectado no libro “Os límites do crecemento” a comezos dos anos 70. O crecemento acelerado da produción e o consumo impulsado pola globalización capitalista estanos a achegar cara a unha catástrofe ecolóxico-social global sen precedentes.

Insolidariedade e vulnerabilidade definen o posicionamento de Galicia neste escenario. Como país, consumimos por riba das posibilidades ecolóxicas

Insolidariedade e vulnerabilidade definen o posicionamento de Galicia neste escenario. Como país, consumimos por riba das posibilidades ecolóxicas. Facémolo á custa das xeracións futuras e doutros territorios, coa finalidade de soster unha economía insustentábel cuxa demanda de natureza, cuxo consumo de enerxía e materiais, creceu vertixinosamente nos últimos cincuenta anos. O consumo de electricidade é só un exemplo desta aceleración do consumo.

Galicia ocupa hoxe máis espazo ambiental do que lle correspondería por poboación, e/ou ten máis poboación da sustentábel baixo os padróns de consumo actuais. Isto é o que poñen de manifesto diversos indicadores decote ignorados, mais determinantes para o entendermos o noso presente e planificarmos o noso futuro, como a pegada ecolóxica ou a de carbono.

Galicia é un país excedentario en residuos e en contaminación e deficitario en recursos. A través dos intercambios comerciais, abastecémonos dos recursos que non temos e deslocalizamos boa parte dos impactos ambientais

Galicia é un país excedentario en residuos e en contaminación e deficitario en recursos. A través dos intercambios comerciais, abastecémonos dos recursos que non temos e deslocalizamos boa parte dos impactos ambientais asociados ás demandas da nosa economía. Repítese que a galega é unha economía con vocación exportadora. É así se ollamos para a balanza comercial monetaria. Mais se reparásemos na balanza comercial física, a que emprega como unidades as toneladas e non os euros, veríamos que a realidade invértese. Galicia é unha economía importadora, nomeadamente de minerais (enerxéticos e non enerxéticos). A balanza comercial física galega é deficitaria, un déficit xerado sobre todo nos intercambios co estranxeiro.

 

Sen o monte non hai futuro

Até a desarticulación da agricultura orgánica, un monte moi humanizado operaba como un imprescindíbel espazo agrario complementario das terras de labradío

Até a desarticulación da agricultura orgánica, un monte moi humanizado operaba como un imprescindíbel espazo agrario complementario das terras de labradío, provendo fertilizante (toxo), pasto para o gando, terra para o cultivo temporal de cereais (estivadas), leña, madeira ou froitos. Durante as últimas décadas o monte só ten xogado un papel relevante como subministrador de certos tipos de madeiras. E só desde principios de século volveu adquirir importancia como fornecedor de enerxía. Foi grazas a un rápido desenvolvemento eólico regulado pola Xunta sen atender a criterios ecosociais. Como suliña o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo (GIEEA), "hai modelos moi diferentes: aquí apostouse polo incremento da potencia instalada, ao prezo que fose".

A achega do monte ao noso subministro de enerxía tamén medrou nos últimos anos grazas ao crecemento do uso enerxético da biomasa. Como no caso da eólica, tamén coa biomasa se están a pasar por alto as cautelas ambientais necesarias. Minusvalóranse os riscos, como a perda de fertilidade dos solos ou a contaminación local do aire, e esaxéranse os beneficios, nomeadamente no tocante á loita contra o cambio climático. E segue pendente o deseño e aplicación dunha estratexia para decrecer o consumo de enerxía e promover tamén outras renovábeis como a solar.

Nun mundo onde a explosión demográfica e o crecemento da produción e o consumo inherente ao produtivismo capitalista fixo que comecemos a chocar contra os límites ambientais, o noso sobreconsumo actual de natureza, baseado en importacións masivas, acabará por ser inviábel. Se queremos ser unha sociedade ecoloxicamente sustentábel, ou resiliente, nun máis que probábel escenario global de descenso acelerado da dispoñibilidade de recursos e de acusada deterioración ambiental, debemos consumir menos e mellor e renovar a nosa relación coa terra, “entendida como territorio e sobre todo como solo, como cerne da vida e como orixe de toda riqueza auténtica”, como afirma a Guía para o descenso enerxético promovida pola Asociación Véspera de Nada. En palabras do presidente desta asociación e economista Xoán Doldán, “re-ruralizar e re-agrarizar o mundo xa non é unha opción mais apenas algo inevitábel”.

O monte volverá ocupar necesariamente un lugar central como fornecedor de variados servizos de abastecemento e culturais, ao tempo que adquirirán aínda maior importancia os servizos de regulación que nos proporciona. Un monte integrado cunha agricultura e gandería ecolóxicas; con máis bosques naturais e menos plantacións forestais, que serán xestionadas con criterios de silvicultura ecolóxica e terán unha produción diversificada; subministrador de enerxías renovábeis aproveitadas respectando a biodiversidade e do xeito máis distribuído posíbel por multitude de pequenos produtores.

O monte volverá ocupar necesariamente un lugar central como fornecedor de variados servizos de abastecemento e culturais, ao tempo que adquirirán aínda maior importancia os servizos de regulación que nos proporciona

Un monte vivo ao servizo da transición a unha economía sustentábel e xusta, que debería seguir catro principios básicos, como apuntan Óscar Carpintero e Jorge Riechmann: 1) Renovabilidade nas fontes enerxéticas; 2) Peche de ciclos de materiais nos procesos de produción; 3) Suficiencia, redistribución e autocontención con regulación democrática; e 4) Precaución5.

Nesta transición serían chaves, no caso galego, o decrecemento do consumo de enerxía e a expansión das enerxías renovábeis até tornar innecesarias as de orixe fósil, comezando polo carbón; a redución do consumo de minerais e de plásticos e un maior emprego da madeira; ou a xeralización dun modelo de alimentación sen exceso de proteínas animais baseado en alimentos ecolóxicos locais. Todo iso implicaría unha moi importante relocalización da produción e o consumo e a conseguinte revitalización do monte e do medio rural en xeral.

A conservación e o aproveitamento do monte require da planificación a longo prazo e a intervención decidida desde os poderes públicos, acompañada dunha mobilización de recursos acorde coa relevancia estratéxica do monte no noso país. O investimento público no monte en Galicia, excluídos os gastos en extinción de incendios, é sinxelamente ridículo, estando moi aquén do posíbel.

Un ámbito a ter especialmente en conta é o dos montes veciñais en man común. Son 3.215 montes que suman unha superficie de 667.000 hectáreas, o que representa nada menos que o 33% das terras a monte e o 22,5% do territorio. As parcelas de monte privado particular son de dimensión moi reducida (0,25 hectáreas de media), o que obriga a buscar fórmulas de asociacionismo para as xestionar. Porén, o tamaño medio dos montes comunais acada unhas 230 hectáreas, o que, de entrada, facilita a súa xestión. Por outro lado, a forma de propiedade colectiva e a estrutura de xestión democrática posibilitan a participación de toda a comunidade local, de toda a parroquia ou aldea, tanto no goberno como no reparto de beneficios do monte.

A conservación e o aproveitamento do monte require da planificación a longo prazo e a intervención decidida desde os poderes públicos, acompañada dunha mobilización de recursos acorde coa relevancia estratéxica do monte no noso país

A realidade dos montes comunais é moi heteroxénea, mais nalgúns deles as comunidades propietarias están a desenvolver valiosas iniciativas de xestión que procuran maximizar os beneficios sociais e minimizar impactos ambientais. Merecen o noso recoñecemento e apoio, como tamén todos aqueles e aquelas que alentan iniciativas de custodia do territorio, promoven empresas verdes para explotar os recursos do monte, e/ou loitan contra a degradación e apropiación dos montes por parte de empresas ás que nada interesa o ben común.

 

Notas

  1. Entre principios do século XVI e mediados do XIX a poboación galega multiplicouse por seis, desde 300.000 até 1.800.000 habitantes (1860). No século XVI a superficie de terreo de cultivo permanente supoñía un 10% do territorio, incrementándose até atinxir un 24% a mediados do XIX. Nalgúns momentos do século XX chegou a acadar o 30%. Estímase que as terras con boas aptitudes para o cultivo agrario supoñen unha cuarta parte do territorio galego.
  2. Pode consultarse unha revisión da literatura científica sobre os impactos socioambientais dos eucaliptais en Galicia e no resto da Península Ibérica no informe "La conflictividad de las plantaciones de eucalipto en España (y Portugal)" (Greenpeace, 2011).
  3. ”Los incendios forestales a través de la historia: Pervivencia y cambios en el uso del fuego en el noroeste peninsular”. Luis Guitián Rivera (Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago). En “Incendios históricos: una aproximación multidisciplinar”. Baeza: UNIA, 1999.
  4. Un ensaio sobre a historia ecolóxica de Galicia: O aproveitamento do solo. Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Real Academia Galega, 2002.
  5. “Pensar la transición: Enseñanzas y Estrategias Económico-Ecológicas”. Óscar Carpintero e Jorge Riechmann. Revista de Economía Crítica, nº 16, segundo semestre 2013.

Este texto é un resumo do relatorio presentado na XXI Semana Galega de Filosofía “Filosofía e Revolución” (Pontevedra, abril 2014). O texto completo pode lerse ou descargarse aquí

Consumo de enerxía primaria en Galicia (miles de toneladas equivalentes de petróleo). Fonte: INEGA Dominio Público Praza Pública
Déficit comercial físico de Galicia (toneladas/habitante). Fonte: INE Dominio Público Praza Pública
Consumo galego de electricidade (GWh). Fonte: Ministerio de Industria Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.