O Morrazo, na rúa "contra as estafas do Goberno"

Un intre da protesta CC-BY-SA Xabicas

A favor da sanidade e do ensino público, contra os desafiuzamentos, contra a reforma laboral... e desta volta, contra "as estafas do Goberno". O movemento O Morrazo en loita sacou o pasado sábado arredor de catro mil persoas ás rúas de Moaña, unha asistencia "masiva" que o grupo organizador valora especialmente, xa que a protesta se desenvolveu nunha tarde de altas temperaturas e cadrando "con distintos festexos na comarca".

Persoas afectadas polas preferentes ou colectivos de emigrantes pensionistas "asaltados pola Axencia Tributaria" foron algúns dos colectivos que se sumaron a unha protesta na que tamén estiveron presentes representantes de PSdeG, AGE e BNG e na que, sinala a plataforma, estiveron moi presentes reivindicacións referentes "á corrupción, ao sector naval ou á reforma laboral". O actor moañés Salvador del Río foi o encargado de presentar o acto final, que tamén se detivo na problemática derivada dos recortes aos servizos públicos para persoas con discapacidade.

A "necesidade de organizarse coo traballadores e traballadoras e como pobo" ou o rexeitamento á "lexitimación do sistema" que, ao seu xuízo, realizan algúns "sindicatos maioritarios", foron algunhas das cuestións que O Morrazo en loita chamou a manter sobre a mesa, tamén dende o rexeitamento aos "partidos que non nos representan". "En calquera caso, non hai solución sen mobilización", conclúen.

Un intre da protesta CC-BY-SA Xabicas
Veciñanza do Morrazo, na mobilización CC-BY-SA Xabicas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.