O Morrazo volverá mobilizarse o 17 de agosto contra "as estafas do Goberno"

Presentación da mobilización convocada para o día 17 en Moaña © O Morrazo en loita

O 18 de xullo de 2012 comezaron a convocarse en Cangas manifestacións de carácter semanal contra as políticas do Goberno. Dende entón a vila acolleu marchas en defensa da sanidade, do ensino, en resposta aos desafiuzamentos, ou contra a reforma laboral. O pasado 20 de xullo Cangas acolleu unha nova mobilización, moi masiva, que reivindicou os dereitos dos pensionistas e protestou contra os requerimentos da Axencia Tributaria aos traballadores emigrantes xubilados.

Xa está en marcha a organización dunha nova protesta, o sábado 17 de agosto, que nesta ocasión terá Moaña como escenario. A manifestación partirá ás 19 horas da Praza de Abastos da vila baixo os lema “O Morrazo en movemento, O Morrazo en loita" e "Non ás estafas do Goberno: Basta Xa", para rematar ante o Concello.

No manifesto que acompaña a convocatoria destácase "deixémonos de lamentos: chegou a hora de entrar en acción, de pasar aos feitos" pois "se os políticos son todos iguais, e non nos representan, como tantas veces se oe dicir, hai que sair á rúa a defender e a esixir os nosos dereitos". E engádese que "estas razóns, e moitas outras, na boca de tanta e tanta xente, carecen de eficacia cando non son expostas e defendidas no ámbito adecuado; é dicir, na rúa. Cando son pronunciadas desde o balcón convértense en inoperantes".

"Se os políticos son todos iguais, e non nos representan, como tantas veces se oe dicir, hai que sair á rúa a defender e a esixir os nosos dereitos"

A marcha conta co apoio de numerosas distintas organizacións sociais, políticas e veciñais dos cinco concellos do Morrazo e chama a mobilizarse a numerosos colectivos "agredidos" polas políticas dos gobernos galego e español: emigrantes pensionistas, traballadores do naval, estafadas polas preferentes, afectadas polos recortes en dependencia e discapacidade, mocidade, afectadas polos recortes en sanidade, en educación, polo desmantelamento do agro ou da pesca. E tamén protestarán "contra a actuación da Xustiza, contra a corrupción dos políticos e da Monarquía".

Presentación da mobilización convocada para o día 17 en Moaña © O Morrazo en loita

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.