"O neno Xesús continúa no noso poder"

imaxe do neno 'secuestrado' por Fartas © Fartas

Fomos Armala Raptando Temporalmente Ao Susiño (FARTAS), que hai uns días secuestrou a figura do Belén que o Concello de Santiago instalou no Obradoiro en protesta polos recortes e os desafiuzamentos, vén de facer público un vídeo no que amosa que o neno se atopa en bo estado. E anuncia que nos vindeiros días "volverá aparecer na nosa cidade de xeito simbólico estre elemento decorativo".

Anuncia que nos vindeiros días "volverá aparecer na nosa cidade de xeito simbólico estre elemento decorativo"

No vídeo as integrantes de FARTAS afirman que "con esta acción pretendemos chamar a atención sobre a situación na que se atopan moitas familias este nadal. Os recortes, o desemprego, os desafiuzamentos e outras consecuencias da crise afectan a cada vez máis persoas da nosa cidade". Denuncian que "as autoridades non só non fan nada para defender as vítimas desta estafa chamada crise, senón que seguen empeñadas en que paguemos nós, os de abaixo, os pratos rotos. Eles constrúen grandes edificios baleiros, centros comerciais que agreden o pequeno comercio local, ou lexislan en beneficio da banca e das grandes fortunas".

"Deixamos incompleto o Belén da Praza do Obradoiro porque este nadal para moitas familias tamén será incompleto: sen casa sen traballo sen diñeiro e sen políticos que os representen"

Neste senso explican que "desafiuzar o neno Xesús non é un acto vandálico, é unha acción de propaganda. Deixamos incompleto o Belén da Praza do Obradoiro porque este nadal para moitas familias tamén será incompleto: sen casa sen traballo sen diñeiro e sen políticos que os representen". E conclúen: "Se a política é un chiste, queremos rirnos todas".

imaxe do neno 'secuestrado' por Fartas © Fartas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.