O neto cumpre a encomenda do avó fusilado na Cañiza en 1936

Xavier Pérez e outros compañeiros, antes de declarar no xulgado de Cornellà © Xarxa Catalana i Balear de Suport a la Querella Argentina

O neto declarou este mércores seguindo así a súa encomenda. Naquel breve testamento, escrito desde a cadea por tras da foto dos seus tres fillos, seu avó reivindicara a súa inocencia e pedira "que se lle fixese xustiza". Oitenta anos despois, Xavier Pérez puxo voz á represión sufrida por Justo Moure, tenente de alcalde da Cañiza asasinado en 1936 polo fascismo. Foi nos xulgados da vila catalá de Cornellà e en cumprimento do exhorto da xuíza Servini de Cubría, que instrúe a causa por crimes de xenocidio e lesa humanidade cometidos polo franquismo. Un testemuño máis dentro da querela arxentina impulsada por outro galego hai xa máis de seis anos.  

O neto de Justo Moure, tenente de alcalde da Cañiza en 1936, declarou hoxe nos xulgados de Cornellà polo seu asasinato a mans dos fascistas

A causa foi medrando e acumulando milleiros de casos de torturados, desaparecidos e asasinados durante a ditadura ou a represión posterior e anterior, moitos desde Galicia. A xuíza ditou tamén unha orde de detención, con solicitude de extradición, de vinte dirixentes franquistas que non foi respondida polo Goberno central. E, entre tanto, continúa a recoller testemuños na propia Arxentina e en ducias de xulgados do Estado. En Cornellà, neste mércores, a historia de Justo Moure converteuse nunha das primeiras dunha vítima galega que chega aos xulgados e que xa fora relatada dentro dos crus testemuños incluídos na denuncia da querela. Xavier Pérez, catalán fillo de galegos, trasladou ante o xuíz aquela historia "que sempre estivo na familia" a través dunha demanda impulsada pola Xarxa Catalana i Balear de Suport a la Querella Argentina, da que forma parte. 

Xavier Pérez declarou en cumprimento das demandas da xuíza Servini, que instrúe a querela arxentina contra o franquismo

Xunto a outros tres declarantes -Flor Calzada, filla de Antonio Calzada, e David Lora, neto de José Barajas- contestou ás preguntas que o xuíz realiza atendendo ás demandas da maxistrada Servini e cuxas respostas gravadas serán enviadas a Bos Aires. Son cuestións "máis ben xenéricas" pero nas que se achegan "todos os detalles" daqueles episodios de represión que se engaden á numerosa documentación sobre o caso. 

"En Vigo, a las dieciséis horas del día treinta y uno de octubre de mil novecientos treinta y seis [...]. Fueron pasados por las armas en virtud de sentencia citada [...] los reos Jesús Eugenio Pérez Pérez, Justo Moure Giráldez, Tirso Gómez Freijido y Antonio Mojón Vázquez [...], quedando muertos a la primeira descarga que se hizo". Así conta a acta de execución o asasinato do avó de Xavier xunto a outros tres veciños da Cañiza, de onde seus pais emigraron a Catalunya nos 60. 

"É unha de moitas historias que pasaron en Galicia, onde non houbo guerra senón unha brutal represión. Miña nai sempre ma contaba aínda que as súas lembranzas tiñan distorsións; no momento no que accedemos á documentación, á causa e a máis datos, tivemos claro que había que facer algo", conta agora Xavier, que puido tamén ler, naquela vella e desgastada fotografía, a súplica do seu avó. Fixéranlla chegar, moi posiblemente de maneira clandestina, ao cárcere de Vigo onde pasou os últimos días da súa vida. "Era unha foto dos fillos, de miña nai e de meus tíos; por detrás dela, saca tempo e ánimos para escribir que o van matar, que é inocente e para pedir que lle fagan xustiza", explica sobre o que cualifica como "unha especie de testamento sentimental". 

Justo Moure deixou escrito nunha fotografía dos fillos o seu "testamento sentimental" e a encomenda de que se lle fixese "xustiza"

 

A Cruz do Castro

Poucos días despois daquelas últimas letras, Justo e os seus compañeiros foron fusilados ao carón de onde agora se levanta a Cruz do Castro de Vigo, monumento fascista que se mantén en pé logo de que o TSXG revogase a sentenza do xulgado de Vigo que ordenaba a súa retirada tras o recurso da administración local. "Que aínda hoxe estea alí ese símbolo e que o propio goberno socialista o apoie é lamentable", aproveita para reivindicar Xavier Pérez, que lembra que "faltan tamén por dignificar os lugares de memoria" e que naquel lugar "asasináronse ducias de persoas apoiándose en consellos de guerra disfrazados de lexítimos". 

Justo Moure foi asasinado a pouca distancia de onde hoxe se levanta a polémica Cruz do Castro

Foi o caso do seu avó, acusado de "rebelión" logo de que os fascistas entrasen na Cañiza. "Ao pouco de chegar as novas do golpe de Estado, reciben instrucións do gobernador civil de formar un comité de defensa e de machar a Pontevedra, pero non pasan de Ponteareas ante o avance dos militares. Volve á vila e regresa ao traballo", conta Xavier. Deseguida, os sublevados toman a localidade. "Nin houbo enfrontamento, só represión por parte do bando franquista", engade. Seu avó agochouse pero en setembro é encarcerado en Vigo xunto a 23 persoas máis. Cinco delas son condenadas a morte pero a unha élle conmutada a pena pola reclusión perpetua. Era María Purificación Gómez, a única rexedora na Galicia da época. Justo Moure, simpatizante socialista como o resto e tenente de alcalde, é acusado de dirixir o devandito comité e de ser un dos líderes destacados da suposta "rebelión". "Nada diso está acreditado", di o neto. Nin que o estivese. Todos son fusilados. Tiña 28 anos.

Foi encarcerado xunto a María Gómez, única alcaldesa de Galicia na época, á que lle foi conmutada a pena de morte por reclusión perpetua

"Somos os netos os que nin entendemos nin aceptamos que poida haber un documento oficial que acuse a meu avó de rebelión cando os rebelados e os que fixeron o golpe do Estado foron outros", asegura Xavier Pérez, que explica que el non é nin debe ser "algo illado". "Son esas terceiras xeracións as que máis interese poden ter por reivindicar e respectar a memoria histórica", engade quen aclara que "toda a familia" está de acordo con seguir adiante coa querela e cumprir a encomenda de seu avó. Mesmo a súa irmá estivo este mércores nos xulgados de Cornellà para apoialo. "Podía tocarlle a outro pero tocoume a min".

"Estou contento, o xuíz estivo moi colaborador e reparou en todos os detalles", dixo ao saír do xulgado onde volveu relatar a historia que tantas veces lle contaran na familia. Fíxoo, curiosamente, o mesmo día no que se cumpren 55 anos exactos da inauguración por parte do ditador Franco da cruz que no monte onde mataron o seu avó se erixiu para homenaxear o fascismo. Desta vez, falou para que o relato daquel crime se inclúa nunha causa que está aínda en fase de instrución e que segue recollendo testemuños pero tamén máis denuncias. "Contiúan engadíndose casos á querela e non sabemos cando se abrirá xuízo oral nin cando haberá sentenza". Oitenta anos despois, un pouco máis de espera non parece demasiado. 

Justo Moure Giráldez Dominio Público Praza Pública
Acta de execución de Justo Moure Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.