A Cámara de Deputados arxentina aprobou o pasado xoves unha declaración de apoio á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo e a desaparición de bebés en España, semellante ás mocións que xa foron aprobadas no Parlamento Vasco e en máis de 100 concellos de todo o territorio español. Os parlamentarios arxentinos recollen desta maneira as demandas da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeAQUA) e as avoas da Praza de Maio, colectivo que o vindeiro martes, 3 de setembro, constituirá en Bos Aires a Plataforma de Apoio á querela, á que tamén se unirá Amnistía Internacional, entre outras organizacións.
Explican que tomaron esta iniciativa "ante a absoluta denegación de xustiza existente en España"
No texto da moción, os parlamentarios arxentinos manifestan "o seu enérxico repudio aos crimes de lesa humanidade cometidos en España pola ditadura franquista e á impunidade de que gozan os seus responsables", solidarizándose coas vítimas e apoiando o proceso aberto en Arxentina para investigar os crimes "promovendo desta forma a memoria, a verdade e a xustiza". Ademais, explican que tomaron esta iniciativa "ante a absoluta denegación de xustiza existente en España", mentres lembran que o único proceso xudicial que hai en marcha por esa causa é o que abriu a xuíz María Servini De Cubría no Xulgado Nacional no Criminal e Correccional Federal Nº1 da República Arxentina, en Bos Aires.
A querela arxentina foi presentada o 14 de abril de 2010 por "xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade cometidos en España polo franquismo e os seus autores entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977" e inclúe tamén a desaparición dun número indeterminado de nenos roubados non só durante a ditadura senón tamén en plena democracia. Uns roubos que durante anos foron perpetrados en maternidades españolas coa complicidade dalgúns médicos, enfermeiras e relixiosas, como Sor María Gómez Valbuena, falecida o pasado mes de xaneiro no Convento das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl poucos días antes de declarar ante o xuíz como imputada no roubo de bebés nunha maternidade madrileña. A morte da Sor María -como era coñecida- quedou rodeada de misterio xa que as superioras do convento non deron detalles das causas do seu falecemento e notificárono cando xa fora enterrada.
As Avoas da Praza de Maio mostraron a súa satisfacción pola moción aprobada, froito dos numerosos contactos que durante estes días levaron a cabo xunto cunha delegación integrada por dous presos políticos do franquismo, José María "Chato" Galante e Josu Ibargutxi, membros de CeAQUA, e Soledad Luque, fundadora de Todos os nenos roubados son tamén os meus nenos, que busca dende hai anos o paradoiro do seu irmán xemelgo, Francisco, nacido na maternidade madrileña de O'Donnell o 25 de xaneiro de 1965 e desaparecido deste centro o febreiro dese mesmo ano.
Nunha rolda de prensa convocada polas Avoas da Praza de Maio, estes colectivos pediron "dar impulso á investigación xudicial" ante este drama rodeado de "impunidade e silencio" e anunciaron a creación dunha Plataforma de Apoio á querela que quedará formalmente constituída o vindeiro martes, 3 de setembro, en Bos Aires.
"As Avoas entendemos que os responsables dos crimes de lesa humanidade deben ser perseguidos polos tribunais de calquera país"
"As Avoas entendemos que os responsables dos crimes de lesa humanidade deben ser perseguidos polos tribunais de calquera país. Así como cando en Arxentina estabamos imposibilitados de xulgar os xenocidas pola vixencia das leis de impunidade, as vítimas recorreron aos tribunais españois e doutros países de Europa, hoxe España oponse á investigación e o xulgamento destes crimes e somos os arxentinos os que brindamos o noso apoio, solidariedade e experiencia ás vítimas para acadar a verdade e a memoria histórica sobre estes aberrantes feitos".
Ademais de reunirse con parlamentarios arxentinos, os representantes de CeAQUA mantiveron estes días encontros con dirixentes do sindicato Central de Traballadores de Arxentina, e con Maco Somigliana, do Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense (EAAF) e un referente mundial en materia de exhumacións. Tamén tiveron contacto con membros do equipo que comezou a desclasificación dos arquivos das Forzas Armadas e que hoxe en día tamén desclasifica os arquivos policiais, da Dirección de DDHH pertencente ao Ministerio de Defensa arxentino. Así mesmo, na intensa axenda dos representantes da coordinadora estaba incluída unha visita ao CoNaDI, a Comisión Nacional polo Dereito á Identidade, para coñecer de primeira man o seu traballo en rede con Avoas e o banco xenético e ao Espazo Memoria e Dereitos Humanos (Ex ESMA Escola de Mecánica da Armada), onde se reunirán co Presidente do Arquivo Nacional da Memoria, Ramón Torres Molina.