O Parlamento insta a que as fábricas textiles respecten os dereitos humanos

Fabrica téxtil © Setem

A cámara galega aprobou este martes por unanimidade de todos os grupos unha declaración institucional proposta por AGE que lles esixe "ás empresas galegas e estatais que subcontratan pedidos ás factorías téxtiles en Bangladesh e outros países que apliquen prácticas de produción con responsabilidade social". O texto inscríbese no marco das recomendacións das campañas de roupa limpa, que dende hai anos pelexan para que as empresas téxtiles no surleste asiático e noutras zonas do planeta repecten as normas mínimas de seguridade e os dereitos laborais e humanos das súas traballadoras e traballadores.

O texto lembra que "estas factorías accidentadas confeccionaban roupa para as grandes marcas europeas"

O texto lembra que Bangladesh rexistrou nos últimos meses graves accidentes relacionados coa industria téxtil. Todos cun elevado número de vítimas: 112 mortas e mortos en novembro de 2012, sete en xaneiro deste anos, máis dun milleiro no derrubamento da fábrica Ra Plaza en abril e aínda, o día oito deste mes de maio, sete persoas en Dacca. A declaración afirma que "non se trata de acontecementos puntuais, senón que se repiten con demasiada frecuencia. Nos últimos anos hai documentadas, polo menos, 1.800 mortes neste tipo de incidentes, debidos antes de máis á falta de medidas de seguridade nas fábricas. É dicir, a cobiza sen límites e a explotación do ser humano provocan catástrofes que poderían, doadamente, ser previstas e evitadas".

E lembra que "estas factorías accidentadas confeccionaban roupa para as grandes marcas europeas. De feito, o Parlamento Europeo adoptou a resolución 2012/2908 (RSP) sobre as vítimas en incendios de fábricas téxtiles, na que insta ao Goberno de Bangladesh e ás empresas que contratan ou subcontratan con estas compañías a resolver esta terríbel situación".

O Parlamento de Galicia expresou  "o seu pesar pola perda de vidas humanas nos accidentes en fábricas da confección téxtil" e esíxelle ás empresas galegas e estatais que subcontratan pedidos ás factorías téxtiles en Bangladesh e outros países "que apliquen prácticas de produción con responsabilidade social e garantan que os seus produtos se elaboren respectando normas de seguridade e co cumprimento estrito dos dereitos humanos".

Esíxelle ás empresas galegas e estatais que subcontratan pedidos "que apliquen prácticas de produción con responsabilidade social e garantan que os seus produtos se elaboren respectando normas de seguridade e co cumprimento estrito dos dereitos humanos"

A Cámara galega aconsella, como recolle o texto adoptado polo Parlamento Europeo, que todas as empresas transnacionais radicadas en Galicia ou que teñen actividade comercial no noso país asinen o Acordo de Seguridade e Incendios nas Fábricas de Bangladesh. Este documento compromete a sindicatos internacionais, sindicatos locais, ONG e empresas a estabelecer medidas de seguridade nas fábricas con mecanismos de inspección independente, a promover a transparencia sobre provedores e fábricas subcontratadas polas empresas participantes, á revisión e mellora da lexislación en materia de seguridade, e ao asesoramento para autoridades en seguridade nas fábricas.

Fabrica téxtil © Setem

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.