O Parlamento pide por unanimidade o indulto de David Reboredo

Son moitas as iniciativas que piden o indulto para Reboredo © Helenna Villasusos

O Parlamento aprobou esta maña por unanimidade unha declaración institucional na que lle solicita ao Consello de Ministros que lle conceda o indulto a David Reboredo, que leva máis de tres meses na cadea da Lama. O texto aprobado, que foi lido pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, destaca que "se o obxectivo da pena de prisión era a reinserción social de David, podemos afirmar que está máis que conseguido, polo que o ingreso actual na cadea deixa de ter significado e sentido".

"Se o obxectivo da pena de prisión era a reinserción social de David, podemos afirmar que está máis que conseguido, polo que o ingreso actual na cadea deixa de ter significado e sentido"

Tamén se destaca que "dende a súa reinserción social e ata o seu ingreso en prisión, David ven colaborando en Galiza co centro de axuda a drogodependentes El Imán, achegando a súa historia á mocidade galega para que non cometa os mesmos erros que el cometeu na súa mocidade" e que "David é hoxe un home socialmente útil, un home implicado na loita contra as drogas e na prevención da dependencia. Un home coa súa vida organizada, cunha relación de parella estable, cuns pais anciáns que dependen da súa axuda, sendo os ollos e o apoio do seu pai, Edmundo, de 82 anos e invidente que ve como a vida do seu fillo volve a estar na corda floxa".

Este xoves está convocado un novo acto público en Vigo para esixir o indulto para Reboredo. O Programa de autoaxuda Imán Cedro da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo e a Comunidade Parroquial Cristo da Victoria convocan na Praza da Constitución, ás 20.30 do serán, un acto baixo o lema Iluminemos a Constitución. Indulto xa pra DavidCon fachos, antorchas e velas iluminaranse os principais artigos da Constitución que recollen os dereitos de igualdade e xustiza para tódolos cidadáns.

Son moitas as iniciativas que piden o indulto para Reboredo © Helenna Villasusos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.