O paso da Vuelta Ciclista a España por Galicia deixou espectacules imaxes da xeografía do país. O Ézaro ou a Ribeira Sacra volveron ser percorrido da carreira, ademais de chegadas inéditas como os cantís de Santo André de Teixido, os máis altos da Europa continental. Pero non todo foron consecuencias positivas. Ou iso é, cando menos, o que denuncian varias asociacións ecoloxistas e ambientalistas. Alí, na Vixía da Herbeira, entre os concellos de Cariño e Cedeira, o paso da rolda provocou "impacto ambiental" ao "destruírense hábitas protexidos e esparexerse lixo na contorna" daquela aguilloada costa.
Un aparcadoiro construído na chegada da Vuelta na Vixía da Herbeira tería afectado unha zona protexida
Así o denuncian o Grupo Naturalista Hábitat, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que ademais do suposto impacto na economía e no turismo advirten deste "impacto ambiental". A causa sería a construción dun aparcadoiro para varios vehículos na zona da chegada da etapa do pasado 23 de agosto, a carón da estrada CP-2205.
Segundo denuncian as catro asociacións, a primeira intervención foi un desmonte "en terreos parcialmente incluídos nun espazo protexido": o Lugar de Importancia Comunitaria ES1110002 Costa Ártabra, tal e como se pode apreciar na foto aérea que acompaña este texto. Seguidamente procedeuse a encher a área desmontada con grandes pedras, para logo, xa antes do 14 de agosto, asfaltar a zona totalmente, tal como se aprecia tamén nestoutras imaxes.
"Non temos constancia de que esta obra contase con calquera tipo de estudo ambiental, necesario tanto pola súa extensión como por afectar a un espazo natural protexido"
"Non temos constancia de que esta obra contase con calquera tipo de estudo ambiental, necesario tanto pola súa extensión como por afectar a un espazo natural protexido; nin tan sequera coa pertinente autorización do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, polo que se podería cualificar de presuntamente ilegal", explican as organizacións, que advirten que a zona afectada polas obras inclúe hábitats de interese comunitario considerados prioritarios e que se atopaban dentro do propio espazo protexido. Refírense ao 4020 Urceiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix e o 4030 Urceiras secas europeas.
Ademais, as asociacións denunciantes alertaron da "cantidade considerable de lixo, sobre todo plásticos" que continuaba na zona, afectando a terreos protexidos, aínda o día seguinte ao paso da Vuelta. Os concellos de Cariño e Cedeira xa aclararon, no entanto, que os servizos de limpeza actuaron xa na zona algún día despois, aínda que voluntarios tiveron que volver máis tarde ante a presenza aínda de restos. Este mesmo sábado, hai convocada outra limpeza por parte voluntarios ante os desperdicios esparexidos por mor do vento. O propio Concello de Cedeira animou os veciños a colaborar na campaña.
Hábitat, Adega, SGO e a SGHN solicitan "que se investiguen a fondo" as actuacóns na zona "para aclarar o papel xogado pola Deputación Provincial da Coruña, así como polos concellos da zona, "nesta obra presuntamente ilegal dentro dun espazo protexido".