O peche no colexio de Carballeda dá paso a accións conxuntas de todos os centros rurais da provincia de Ourense

Protesta de pais e nenos en Carballeda de Avia CC-BY ANPA O Carballo

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos O Carballo, do CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia, finalizou este venres o seu encerro nas instalacións do centro, despois de cinco días de protesta, para iniciar novas liñas de presión e centrarse en planificar novas mobilizacións e accións en conxunto con outras ANPAs da provincia de Ourense. 

Este sábado celebrarase en Castrelo de Miño unha reunión das ANPAs de toda a comarca do Ribeiro para abordar actuacións conxuntas

O obxectivo de todas elas é facer presión fronte á Consellaría de Educación para impedir que reduza o número de mestres destinados a centros de ensino rurais coma o de Carballeda. Os plans da Consellaría levarían á que no vindeiro curso houbese 50 mestres menos nos centro de ensino público das zonas rurais da provincia de Ourense. Neste senso, este sábado 7 de xullo, celebrarase en Castrelo de Miño unha reunión das ANPAs de toda a comarca do Ribeiro para abordar actuacións conxuntas e actos colectivos a desenvolver de cara a deseñar unha estratexia común. 

A ANPA do CEIP Pena Corneira oponse a esta política de recorte do profesorado e demanda “menos cartos para os bancos e máis para a educación pública” no contexto económico actual. O obxectivo é evitar unha situación que podería levar ó peche dos colexios rurais, que son fundamentais a día de hoxe para poder evitar un maior despoboamento do rural.

Os plans da Consellaría levarían á que no vindeiro curso houbese 50 mestres menos nos centro de ensino público das zonas rurais da provincia de Ourense

Ademais do peche iniciado o pasado luns, alumnos, nais, pais e veciños da localidade, arroupados por outras ANPAs da provincia de Ourense, realizaron este xoves unha concentración na cidade das Burgas, diante da sede da Delegación da Consellería de Educación, onde, con motoserras incluídas, instaron á Xunta a levar a cabo recortes noutros capítulos orzamentarios e non precisamente no da educación pública. A semana anterior tivera lugar diante do CEIP Pena Corneira a primeira concentración, á que os asistentes acudiron disfrazados de ovellas "para deixar claro que os cativos non son un rabaño ó mandato das políticas económicas da Xunta que van contra o sistema educativo público". Así mesmo, este pasado martes, ademais, a ANPA de Carballeda comezou a recoller sinaturas de apoio e contra a drástica decisión da Consellería de Educación.

Protesta de pais e nenos en Carballeda de Avia CC-BY ANPA O Carballo
Concentración de nenos e pais en contra dos recortes © ANPA O Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.