Só no mes de xaneiro sete mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas en España. Cinco delas en Cataluña, das cales ningunha denunciara malos tratos. Na mesma situación atopábanse as tres vítimas de violencia machista que morreron en Galicia en 2011. Por iso non é de estrañar que ás institucións, partidos e asociacións de mulleres o que máis lles preocupe é loitar contra un problema de invisibilidade ao non haber denuncias. “É vital que as mulleres saiban que hai recursos á súa disposición para saír desa situación, coma os centros de información CIM, as casas de acollida, as axudas económicas e os servizos de integración laboral, para que non sexa a dependencia económica o que lles obrigue a seguir á beira do maltratador”, explica a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
A crise, o desemprego e a imposibilidade de conseguir outra vivenda para ela e os seus fillos fan que moitas mulleres o pensen antes de falar e iniciar os trámites da denuncia. BNG e PSdeG recoñecen a situación económica como un dos motivos, pero apuntan ás políticas da Xunta como outro culpable. “O Goberno do PP reaccionou de forma contraria a como debía. En lugar de aumentar o persoal formado, as axudas e mellorar os centros de asistencia, paralizou as ferramentas xa existentes. Como a suspensión do proxecto de acompañamento ás vítimas Rodela, unha das primeiras medidas de Feijoó”, comenta a portavoz nacionalista Ana Pontón.
Pola súa banda, a portavoz desta área no Grupo Parlamentario socialista, Carmen Cajide, destaca o descenso dos orzamentos nesta materia. “É imposible que cos recortes que houbo se manteñan os mesmos servizos. Nos últimos tres anos pasouse de 33,5 millóns a 6,8 en Igualdade”. “Aquí -continúa Cajide-, a diferenza de Castilla-La Mancha, non se anuncia o peche das casas de acollida, pero as afoga”. “En Galicia vai ser mesmo peor, porque son os concellos os que deben xestionar os CIM e as casas, as súas contas están baixo mínimos e non sei até cando poderán aguantar”, explica Rosa Fontaíña, coordinadora e voceira de Rede de mulleres veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.
Máis casos, pero menos centros
O caso da provincia de Pontevedra é especial, xa que é onde máis casos con medidas tutelares se rexistráronse en 2011 (483 fronte aos 478 da Coruña) e non existe unha casa de acollida como tal. “Cambiaron a que había en Vigo polo Centro de Emerxencia. Chegan mulleres de toda Galicia, pero só poden estar tres meses. Despois deben ir a un dos tres que hai en Coruña, ao de Lugo ou ao de Ourense”, indica Fontaíña. Segundo datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, esta lacra cébase en poboacións pequenas xa que o 32,7% das denuncias proveñen de núcleos onde residen menos de 5.500 mulleres maiores de 15 anos. Por este motivo, o BNG ve insuficientes que só haxa 78 centros de información nos 315 concellos que forman o país. “Os CIM sérvense de fondos europeos para sobrevivir e só acórdanse deles cando sobran cartos”, engade Verónica Sánchez, vicepresidenta da Asociación Enriqueta Otero de Lugo. “O motivo de que as casa de acollida estean en núcleos urbanos é pola propia seguridade das mulleres, xa que en lugares pequenos sería máis difícil protexer a súa intimidade e nonimato”, explica López Abella.
A prevención, a materia pendente
A pesar dos intentos da Administración por achegarse ás mulleres que sofren esta secuela social, coma o novo servizo xurídico online ou os tradutores para atender ás mulleres estranxeiras, segue quedando pendente a tarefa da prevención. “Estes alicerces son básicos para nós. Hai que lograr unha cultura da Igualdade e facer unha chamada ás vítimas para que non sigan calando esta situación”, indica a secretaria xeral de Igualdade. “Aínda existe medo e desconfianza a que non as crean. A campaña de desprestixio sobre as denuncias falsas está facendo moito dano á loita contra a violencia machista”, comenta Sánchez. “O PP demostra que a equiparación entre homes e mulleres non é unha prioridade para eles ao relegar órganos como o Instituto da Muller a Servizos Sociais”, opina Cajide.
“É cuestión de ideoloxía. Moi pouco tardou a ministra de Sanidade en cualificar o primeiro asasinato machista como violencia na contorna familiar”, recorda Fontaíña. “As axudas deben servir para facer ás mulleres autónomas, non para relegalas ao papel de coidadoras ou nais, como pretende a Lei de Familia ou as axudas por Dependencia”, esixen desde a Asociación Enriqueta Otero. Toca esperar para saber en que consistirá o plan ‘personalizado’ contra a violencia machista que esta mesma semana anunciou Ana Mato na Comisión de Igualdade no Congreso.