O persoal contra o lume alerta de que traballa nun dispositivo baseado en "mentiras"

Operarios traballan nun incendio forestal CC-BY-SA CIG

"Unha enorme estafa". Deste xeito resumen os representantes sindicais do persoal do dispositivo de prevención e defensa contra incendios o Pladiga 2012, isto é, o plan no que a Xunta basea a súa política de loita contra o lume, en vigor dende comezos de mes. Á xa coñecida redución de 363 persoas no dispositivo a respecto do pasado ano entre os traballadores e traballadoras, amparados pola unidade sindical, agroman agora serias dúbidas sobre a veracidade dos propios datos de contratación. "O Pladiga é un documento falso", asegura dende CSI-F Juan Carlos Rivas. "Aparecen 738 contratacións directas pola Xunta" cando, asegura, "en sucesivas reunións" a Consellería de Medio Rural "confirmou que só vai facer 436". "Preséntase un documento maquillado para manter a mentira de que o dispositivo vai ser igual que en anos anteriores", advirte.

Tamén dende a CIG o seu representante neste ámbito, Xesús Dorado, reduce "os números" do plan da Xunta a unha "auténtica falsidade". "Non se nos pode dicir que hai máis de 5.000 operarios no monte -nomeadamente, 5.689- cando iso é falso". Así, por exemplo, detalla, "ata hai dous días non comezaron a traballar in situ os traballadores de Seaga [a empresa pública a través da cal o Goberno contrata parte do dispositivo]" e ademais, as persoas elixidas para as devanditas 436 contratacións "aínda non están traballando". Todo isto sucede ademais, di, cando ningunha central sindical foi quen de obter unha resposta da Xunta sobre os porqués da redución de máis de 300 efectivos. "Preguntamos e non sabían onde ían esas contratacións", di Dorado. "Segundo palabras de Medio Rural -abonda- poderían chegar a realizalas como consecuencia dun aumento dos incendios forestais" o que, na súa opinión, é unha verdadeira "tolería".

Xunto á redución de medios humanos -segundo os datos oficiais, pasouse de 6.119 persoas en época de máximo risco en 2008 a 5.689 en 2012- e materiais -351 hai catro anos, 327 na actualidade- no persoal contra incendios preocupa especialmente a organización do propio dispositivo, baseada en decisión que para, Emilio Doforno, de Comisións Obreiras, teñen como obxectivo o "desmantelamento progresivo do servizo público". A Xunta, di, "aproveita a obriga" que lle impoñen os tribunais de "chamar todos os anos" para anunciar unha relación de postos de traballo de 400 persoas ao tempo que manten e mesmo aumenta "externalizacións, chiringuitos, empresas privadas e acordos con empresas semipúblicas".

"Nos incendios imos ver medios propios, de Seaga, da empresa semipública Tragsa e mais de Natutecnia"

Deste xeito, fronte a reclamación dun "mando único" que coordine todas as accións contra o lume, dende a CIG Xesús Dorado resume que "nos incendios imos ver medios propios [da Xunta], de Seaga", da empresa semi pública Tragsa e mais de Natutecnia, a compañía privada á que Medio Rural lle encomendou as brigadas helitransportadas e que van estar formadas, di Rivas, de CSI-F, por persoas "de perfil baixo, sen experiencia", xa que, denuncia, esta compañía excluíu os traballadores que xa prestaran este servizo en anos anteriores directamente para a Xunta. Todo isto, salienta Carlos Rocha, de UGT, sucederá nun contexto de "clara precarización do servizo" derivada de medidas da Xunta e tamén da reforma laboral. "Podemos chegar a traballar doce horas consecutivas durante nove días". "Iso non hai corpo que o soporte", máis aínda "nun colectivo cos maiores riscos laborais". "Se este ano se produce algunha traxedia nos montes galegos, os responsables teñen nomes e apelidos, que son os dos que puxeron en marcha este dispositivo", conclúe o voceiro de CSI-F.

Reivindicacións dende Seaga

Mentres isto acontece entre o persoal contratado pola Xunta, a inquedanza tampouco é escasa entre o plantel de Seaga, especialmente pola incorporación de novas empresas privadas ao operativo. A través do secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, os traballadores e traballadoras esixen que a Xunta "aclare a forma baixo a cal Natutecnia está a traballar nas bases helitransportadas" xa que, igual que as centrais sindicais do plantel que dependen directamente da Administración, tamén "descoñecen" as condicións deste contrato.

"Poden ter claro que esta vai ser a súa tumba económica", advirte Paulo Rubido

En opinión de Rubido "o que está facendo" a Xunta "é planificar un verán cun operativo que vai ser un fracaso absoluto" e vai "provocar situacións de risco" porque "non pretende montar un operativo eficaz", senón "solucionar un problema laboral" derivado das diversas sentenzas xudiciais contrarias aos intereses de Medio Rural. Nesta liña, a propia CIG anuncia unha "campaña de demandas" contra Natutecnia para esixir que asuma as 150 persoas que nos últimos anos viñan traballando nas devanditas brigadas helitransportadas. "Poden ter claro que esta vai ser a súa tumba económica", advirte o responsable da CIG-Servizos. O mesmo, di, acontecerá se os reforzos se contratan a través de Tragsa.

Neste contexto Paulo Rubido coida que tanto o persoal ao servizo da Administración autonómica como o dependente de Seaga debe "loitar conxuntamente", tamén nas mobilizacións que uns e outros xa prevén. Trátase, di, de evitar "a privatización definitiva cara ao ano que vén", a comezar por "ocasionarlles o maior gasto posible" ás compañías interesadas en forma de demandas. "Se pensan que van facer negocio aquí, están equivocados", di.

Representantes sindicais do persoal da Xunta CC-BY-SA Merixo
Representación sindical do persoal de Seaga CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.