O persoal da Xustiza en folga bótase á rúa e advirte á Xunta da súa capacidade de "resistir"

Remate da manifestación do persoal da Xustiza, na Praza da Quintana, o 24 de febreiro CC-BY-SA Praza Pública

"Resistencia". Foi unha das palabras máis repetidas este sábado polas rúas do centro de Santiago na manifestación coa que o persoal da Administración de Xustiza que acumula xa máis de dúas semanas en folga indefinida quixo advertir á Xunta de que non está disposto a dar "nin un paso atrás" nas súas reivindicacións de "equiparación" das súas condicións laborais coas do funcionariado que exerce funcións semellantes noutros puntos do Estado. Despois de días de mobilizacións espalladas por todo o país o esforzo mobilizador trasladouse á capital galega cunha marcha que foi secundada de xeito masivo polo persoal chamado a acudir.

Arredor de dúas mil persoas -o total do colectivo atinxido non chega ás 3.000-, avaladadas por todos os sindicatos do sector e tamén por todas as forzas da oposición galega, marcharon polo centro santiagués coa cor negra como predominante. As peticións de dimisión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mais do director xeral da Función Pública, José María Barreiro, foron constantes nunha manifestación na que a ruptura das negociacións estivo máis que presente. Os responsables gobernamentais, aseguran os representantes do comité de folga, convidáronos a marcharen a outras comunidades autónomas se non concordan coa oferta que formula a Xunta. "Que emigren eles!", exclaman.

Despois de que, nos últimos días, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dubidase do carácter democrático da protesta e outros cargos do PPdeG mesmo atribuísen as mobilizacións a motivos diferentes dos laborais, o persoal advirte de que non está disposto a pasar por un conxunto de "vagos e maleantes", toda vez que só están a esixir "dignidade" en ámbitos como o salarial, pero tamén no que atinxe aos descontos por baixas laborais, as incapacidades temporais ou os recortes de persoal dos últimos anos. Feijóo, Rueda e Barreiro acúsanos de pretenderen só gañar máis diñeiro e iso, aseguran, é tanto como "mentir". 

Este mesmo domingo, Rueda insistiu nunha entrevista en Radio Galicia en acusar os sindicatos de tomar como "reféns" os cidadáns. "Manexo cartos de todos os galegos e polo tanto non podo facer todas as cousas que nos piden os sindicatos. Eu creo que a maioría da xente o entende", dixo durante unha entrevista

O persoal pregunta na manifestación polos "cartos roubados" nos períodos de incapacidade laboral / Praza Pública

"Menten, menten e menten", ecoou no remate da manifestación, na Praza da Quintana, no que o persoal tamén subliñou que a súa vontade non é outra que "negociar", pero sen "sicarios políticos", din en referencia ao director xeral. "Non queremos que nos envíen á emigración; queremos transparencia, mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e que se cumpra o mandato parlamentario" de poñer fin á "discriminación da Xustiza galega".

"Queremos transparencia, mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e que se cumpra o mandato parlamentario" de poñer fin á "discriminación da Xustiza galega", reclaman

O presidente Feijóo, afirman, non é "ninguén" para "falar de xustiza social", menos aínda despois de tentar "enfrontar" o persoal en folga cos sectores máis "desfavorecidos" da sociedade, reprochan, en referencia ás declaracións nas que o titular da Xunta censurou as súas reclamacións salariais mentres "moitos galegos cobran menos de 1.000 euros ao mes". "Foi vostede -din ao presidente- quen abandonou á súa sorte a milleiros de familias galegas" durante a crise. "Se quere solucionar o conflito, comece por dicirlle a Alfonso Rueda que non minta", resaltan; "a vostede -conclúe- non lle admitimos unha soa lección democrática nin de dignidade".

Apoio de toda a oposición e resposta da Xunta

Os líderes das forzas da oposición galega participaron xuntos na manifestación / Praza Pública

En Marea, PSdeG e BNG instan o Goberno a abandonar a "chulería" e atender as "lóxicas" reivindicacións do persoal

Maletas para simbolizar que a Xunta os empurra a emigrar e un enorme ataúde como parodia da "morte" da Xustiza en Galicia puxeron cores entre as vestimentas negras nunha manifestación na que o persoal recibiu o apoio das tres forzas da oposición galega, que marcharon xuntos por tras da mesma pancarta. O voceiro de En Marea, Luís Villares, coida que as reivindicacións do persoal en folga, ademais de "lóxicas", son "xustas", toda vez que reclaman que a Administración xudicial sexa máis "áxil". Cabe preguntarse, sinala Villares, por que o PP non ten "interese" en que a Xustiza non poida funcionar mellor; mentres, afirma, En Marea "quere estar" co persoal e seguirá a esixir ao Goberno que "atenda as súas reivindicacións, como acordamos por unanimidade no Parlamento".

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, considerou que fronte aos ataques da contorna do PP ao persoal en folga cómpre salientar que se a Xustiza segue "paralizada" é por mor da "incompetencia" de Rueda. "A Xustiza necesita unha solución" e debera ser o presidente quen se puxese á fronte das negociacións, resalta o líder socialista, quen lamenta que Feijóo teña "outras prioridades, en clave máis persoal ou de partido". Mentres, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recomenda a Feijóo deixar a "chulería e a prepotencia" que "enquistan" o conflito na Xustiza; "ninguén fai folga por deporte", evidencia a nacionalista, e por iso o Goberno debera deixar de "taponar as saídas" á folga e comezar por aceptar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Remate da protesta, na Praza da Quintana / Praza Pública

Ante esta mobilización, á que tamén se sumou a voceira en Galicia de Ciudadanos, a edil lucense Olga Louzao, a Xunta confirma unha nova convocatoria da mesa de negociación para o vindeiro luns. Ata o momento, segundo cifras dos propios sindicatos, a folga na Administración de Xustiza provocou a paralización duns 7.000 xuízos. Mentres, o salario perdido polo persoal durante os días da mobilización rolda xa o millón de euros.

Un traballador en folga simboliza o seu rexeitamento a "emigrar" emulando a icónica fotografía de Manuel Ferrol Dominio Público Alternativas na Xustiza - CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.