O 10 de marzo de 1965 José Castro Veiga, O Piloto, era asasinado pola Garda Civil preto do encoro de Belesar mentres descansaba e comía algo sentado nunha pena. Era o derradeiro guerrilleiro antifranquista que resistía no monte, finado oito anos despois da morte de Facerías e cinco dende que caera Quiquo Sabater. Tiña 50 anos e pasara os últimos vinte fuxido, mantendo a loita contra a ditadura, moitos anos despois de que as guerrillas fosen disoltas oficialmente e cando a actividade de todos os demais guerrilleiros xa cesara. Como destacou Carlos G. Reigosa no seu Fuxidos de sona, nese momento O Piloto máis ca un guerrilleiro debía considerarse "un home que agardaba".
Como destacou Carlos G. Reigosa no seu Fuxidos de sona, nese momento O Piloto máis ca un guerrilleiro debía considerarse "un home que agardaba"
Foi soterrado no cemiterio de San Fiz de Asma (Chantada), pero non foi até 1986, cando foi homenaxeado, que puido ter unha lápida e unha placa que lembraba o seu nome e a súa actividade. Aquel día, o 9 de marzo de 1986, un grupo de amigos xuntáronse alí para recordalo, vellos compañeiros do Partido Comunista e da Guerrilla, entre eles Camilo de Dios. Estaba tamén a súa inseparable compañeira Ramona Mirella Curto e mesmo Enriqueta Otero, que durante anos foi tamén guerrilleira.
"Debe ser un acto no que participen e ao que acudan todas aquelas persoas que o desexen, independentemente da súa militancia política e da súa condición ideolóxica"
Algúns dos organizadores desa primeira homenaxe están a preparar un acto semellante, que se celebrará no mesmo lugar o vindeiro 15 de marzo. Fano "en réxime de convocatoria aberta", á que se poden sumar todas as persoas que queiran "para que siga viva a súa memoria e a de todos aqueles que loitaron e morreron polas liberdades". "Debe ser un acto no que participen e ao que acudan todas aquelas persoas que o desexen, independentemente da súa militancia política e da súa condición ideolóxica" -destacan- "todos os que queiran terán tempo para falar, para cantar, recitar e, mesmo, para chorar. Só quedarán mal vistos aqueles que vaian con arelas de acaparar protagonismo político. Será un acto aberto, cooperativo, sincero, sinxelo e de axuda á recuperación da memoria da Guerrilla e dos guerrilleiros", do que nas vindeiras semanas se coñecerán máis detalles e os seus participantes. Por exemplo, os seus organizadores están pendentes de que a saúde de Camilo de Dios lle permita acudir. Todas persoas que queiran participar deben apuntarse no correo electrónico paralembranza.piloto@gmail.com.
20 anos no monte
O grupo liderado polo Piloto actuaba principalmente nunha ampla zona entre Castroverde, O Corgo e Sobrado chegando até Asturias e León, pola comarca dos Ancares
José Luís Castro Veiga naceu no Corgo o 11 de febreiro de 1915 e aos 16 anos ingresou como voluntario na Aviación militar española (de aí o seu alcume) chegando ao grao de Cabo. Cando comezou a Guerra Civil, desertou do bando nacional para loitar no republicano. Capturado en Madrid en 1939, foi condenado a 30 anos de cadea, pero foi indultado tras cumprir catro, en 1943. En 1945 regresa a Galicia e pasa á clandestinidade como militante do PCE, entrando en contacto cos guerrilleiros e botándose ao monte no verán dese ano. As guerrillas mantiveron unha intensa actividade nos anos seguintes, até comezos dos anos cincuenta. O grupo liderado polo Piloto actuaba principalmente nunha ampla zona entre Castroverde, O Corgo e Sobrado chegando até Asturias e León, pola comarca dos Ancares.
O 27 de maio de 1954, nun duro enfrontamento, perdeu a meirande parte dos seus homes na zona de Paradela. Dende entón, até a súa morte, permaneceu oculto, realizando de cando en cando golpes económicos (atracos), xustificando sempre políticamente estes roubos, afirmando que actuaba en nome da autoridade republicana. Puido resistir, así mesmo, grazas á colaboración de amigos e de numerosos veciños destas comarcas, que lle ofrecían refuxios seguros que tiña que cambiar continuamente, para evitar ser descuberto. A construción do encoro do Peares acabou con algúns dos seus refuxios habituais, por exemplo os situados na aldea chantadina de Sernande.
Dende 1954 e até a súa morte permaneceu oculto, realizando de cando en cando golpes económicos (atracos), xustificando sempre políticamente estes roubos, afirmando que actuaba en nome da autoridade republicana
O 10 de marzo de 1965 O Piloto entrou a roubar na casa dun empresario gandeiro da parroquia de Rebordaos (O Saviñao). Ao igual que noutras ocasións, fíxoo "en nome da República". Porén, o fillo do propietario seguiu a José Luís Castro Veiga até o monte e chamou a Garda Civil, informando da situación do fuxido. O Piloto recibiu un disparo mentres estaba comendo, algunhas fontes din que na cabeza, outras que na barriga. A prensa da época publicou informacións breves sobre o sucedido, destacando que as autoridades acabaran coa vida dun "forajido tristemente famoso, célebre asesino y responsable de una partida de malhechores", obviando a súa condición de loitador antifranquista.
Do Piloto cóntanse moitas anécdotas e historias, algunhas difíciles de verificar, pero polo xeral destácase a súa firmeza de carácter e a súa dureza no combate. Tamén a súa astucia e intelixencia, que lle permitiron soportar case en solitario unha persecución de 15 anos. Dise, por exemplo, que nunha ocasión, nas festas da parroquia de Diomondi (O Saviñao), fíxose pasar por vendedor de xamóns e mesmo convidou a unha ronda á xente do lugar e tamén a un grupo de gardas civís. Non foi recoñecido por ninguén.