O plan alternativo ao proxecto mineiro de Corcoesto

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

A alternativa á mina a ceo aberto de Corcoesto. A plataforma Salvemos Cabana, logo de meses de traballo, vén de presentar o Plan Comarcal de Desenvolvemento Sostible 2013-2017, cuxa proposta definitiva trasladará nas vindeiras semanas ás diferentes administracións públicas implicadas na zona. A iniciativa -en contraposición ao polémico proxecto mineiro- pretende un "dobre propósito: a consolidación do sector primario a través da produción orgánica e un impulso decidido ao turismo de calidade como elementos xeradores de emprego e benestar social" nesta comarca.

O plan comarcal aposta pola consolidación do sector primario e o impulso ao turismo de calidade na comarca

Este elaborado plan está amparado baixo un amplo marco normativo xenérico da Lei 45/2007 do 13 de decembro, para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural; a 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade; o Programa de Desenvolvemento Rural Sostible 2010-2014; e o Real Decreto 705/2010. Ademais, buscará, tal e como aclara a plataforma, "fomentar unha actividade económica sostible, continua e diversificada, implicando o sector agrícola e agroalimentario, gandeiro, forestal, pesqueiro e marisqueiro e turístico", impulsando a creación e o sostemento da renda económica na bisbarra de Bergantiños. Sería cofinanciado entre o Estado e a Xunta de Galicia.

"Hai alternativas; debemos primar a economía produtiva que impulse o noso principal motor, que é o sector primario, primando produtos de calidade, agricultura e gandeiría ecolóxica, que tanta demanda teñen no norte de Europa, e un turismo sostible", asegurou na Radio Galega Ramón Varela, voceiro da plataforma, que lembra que o proxecto mineiro "pode estragar o gran recurso económico" da comarca.

A plataforma traballou durante meses nunha alternativa a unha mina a ceo aberto que conta cunha forte oposición e do que se advirten numerosos riscos e que cualifican como "un proxecto irracional" que "nin pode nin debe hipotecar o futuro da nosa terra". "Trátase dun proxecto insostible porque a extracción do recurso supón o seu esgotamento a cambio duns graves impactos socioeconómicos e ambientais en especial ao final da vida operativa deste", lembran. Por iso, presentarán este detallado plan primeiro á Deputación da Coruña, para logo trasladárllelo aos alcaldes dos municipios da comarca e posteriormente á Xunta de Galicia.

O proxecto baséase na economía produtiva local, nas denominacións de orixe e na produción ecolóxica

O plan comarcal conta, xa que logo, cuns obxectivos específicos entre os que destaca o apoio á produción, transformación e comercialización de produtos estratéxicos do territorio, e no que se aposta polo "impulso das denominacións de orixe e da produción ecolóxica" nun territorio coñecido e valorado pola súa abondosa e excelente produción agrícola e gandeira.

A alternativa elaborada pola plataforma Salvemos Cabana, á espera dos detalles específicos e datos e cifras, insiste no mantemento de traballo nos sectores produtivos da comarca, a promoción do emprego autónomo e a formación dos desempregados en sectores estratéxicos da zona. Ademais, e en canto ao pulo do sector turístico, aposta pola "promoción do turismo rural de calidade" a través da promoción de destinos e produtos específicos, así como da "mellora da imaxe corporativa".

O plan comarcal pretende unha recuperación e potenciación do turismo e unha protección do paisaxe natural e do patrimonio

O colectivo pretende a recuperación e potenciación de itinerarios histórico-culturais, a posta en valor e recuperación do patrimonio ou a xestión e ordenación da paisaxe rural, o que implica "evitar a ocupación e/ou transformación dos ecosistemas vulnerables", así como a súa conservación e restauración. Ademais, propón "mellorar a xestión e/ou ordenación dos espazos naturais protexidos e da Rede Natura 2000" e optimizar o consumo dos recursos naturais e enerxéticos.

O plan cuatrienal sería cofinanciado entre Estado e Xunta e a achega estatal estaría enmarcada nos plans de desenvolvemento rural

O plan comarcal sería cuatrienal (de 2013 a 2017) e durante o primeiro ano basearíase nunha análise actualizada dos sectores sociais e económicos, así como na concrección das vías de financiamento para levalo a cabo. Durante o segundo e terceiro exercicio sería o momento do desenvolvemento dos proxectos, mentres que no último deles abordaríase tamén a avaliación do traballo, así como a implantación das medidas correctoras e compensatorias e a renovación do proxecto.

En canto ao orzamento e o financiamento, está previsto que este plan sexa cofinanciado pola Administración Xeral do Estado ao 50% do seu custo e pola Xunta de Galicia ao 50% restante. Así, o cofinanciamento estatal realizaríase con cargo á aplicación presupostaria incluída no programa dos Convenios con Comunidades Autónomas para cofinanciamiento de acciones concertadas incluidas en Planes de Zona Rural, do presuposto da Dirección General de Desarrollo Sostenible del Medio Rural do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.

A plataforma Salvemos Cabana confía en que, "fronte a esta situación de incerteza máis ou menos postergada no tempo", a proposta poida ser de utilidade para "frear o despoboamento do sector rural, en especial o que afecta a poboación feminina e xuvenil, e sirva para mellorar as condicións de vida dos seus habitantes". Sería a través do "desenvolvemento socioeconómico das enormes potencialidades que presenta a zona", activando o tecido empresarial dende o punto de vista da sostibilidade, tanto ambiental coma social, e que "redunde en oportunidades de emprego dignas que poidan paliar os altos niveis de paro tanto na Costa da Morte como na comarca de Bergantiños".

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.