O Plan Director da Rede Natura recollido no Decreto 37/2014 vulnera ata seis Directivas da Unión Europea, segundo advirte a plataforma Salvemos Cabana, que vén de denunciar en Europa o devandito plan aprobado pola Xunta de Galicia. Segundo o colectivo contra a minería contaminante, o decreto que inclúe a aprobación deste polémico Plan é contrario en parte do seu articulado "ás principais disposicións legais establecidas polo dereito comunitario no ámbito dos espazos naturais protexidos", sendo claramente incompatible co Programa Xeral de Acción en materia de Medio Ambiente ata 2020, cuxo primeiro obxectivo declarado é o de "protexer, conservar e mellorar o capital natural da Unión".
"O Plan é contrario ás principais disposicións legais establecidas polo dereito comunitario no ámbito dos espazos protexidos"
Por todo isto, Salvemos Cabana denunciou a situación ante a Secretaría Xeral da Comisión Europea por "incumprimento do dereito comunitario". Segundo o colectivo, nas actuais circunstancias "fará vulnerables zonas de Galicia ata agora protexidas, dado que pode afectar potencialmente a un total de 59 Zonas de Especial Conservación (ZEC) e a 16 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA)". Esta denuncia únese á presentada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, xunto as asociacións veciñais de Cereo e Valenza, ante a Comisión Europea contra o mesmo Plan Director da Rede Natura ao considerar tamén que dá prevalencia e "total liberdade de acción" ás actividades extractivas fronte ao deber de protección e conservación de lugares protexidos
Segundo advirte Salvemos Cabana, o Plan vulnera a Directiva 92/43/CEE (relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres), a Directiva 2000/60/CE (pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito de política de augas), a Directiva 2008/56/CE (pola que se establece un marco de acción comunitaria para a política do medio mariño), a Directiva 2008/99/CE (relativa á protección do medio e o dereito penal), a Directiva 2009/147/CE (sobre a conservación das aves silvestres) e a Directiva 2011/92/UE (relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente).
O Plan Director da Rede Natura veta minas a ceo aberto, agás que a zona sexa considerada potencial mineira no plan sectorial ou estea nun "concello mineiro" como o que define a lei da minería
Porque o documento aprobado pola Xunta recolle no seu artigo 23 que a Rede Natura "considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas actividades e aproveitamentos mineiros a ceo aberto". Pero, non obstante, advirte de que "con carácter excepcional poderanse autorizar novas actividades extractivas a ceo aberto" naquelas zonas protexidas a nivel europeo "que sexan identificadas como zonas con potencial mineiro polo Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia ou que queden incluídas nun concello mineiro declarado ao abeiro do artigo 45 da Lei 3/2008". Un enguedello legal que pon alfombra vermella ás minas a ceo aberto.
Tamén permite este Plan Director da Rede Natura 2000 a repotenciación de parques eólicos, a ampliación de centrais hidroeléctricas ou a instalación de novos aproveitamentos de produción de enerxía eléctrica renovable que estean incluídos "no Plan Enerxético de Galicia vixente" e cuxa viabilidade está condicionada polo disposto "na normativa sectorial correspondente".
Ademais, o artigo 55 tamén sinala que se permitirá a instalación de actividades de acuicultura e instalación de explotacións acuícolas en plena Rede Natura, incorporando "os criterios, principios e normas establecidos no Plan Director de Acuicultura, adaptándose en todo momento á normativa sectorial vixente".
O Plan permitirá actividades de acuicultura en plena Rede Natura e outras actividades "de alto impacto ambiental"
Salvemos Cabana advirte de que con este Plan ábrese a porta, ademais de á minería e á acuicultura, a outras actividades de "alto impacto ambiental" como as concentracións parcelarias, que "poden derivar en monocultivos forestais ou o aumento da edificabilidade mesmo nas áreas de maior nivel de protección".
A formulación que fai a Xunta contradí, segundo o colectivo, a lexislación europea aplicable á propia Rede Natura 2000, principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea cuxa finalidade por definición é "asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os tipos de hábitat en Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade". Son seis as Directivas que vulneraría.
Ademais, o Plan Director aprobado pola Xunta é "claramente incompatible" co Programa Xeral de Acción en materia de Medio Ambiente ata 2020 (VII PMA), cuxo primeiro obxectivo é "protexer, conservar e mellorar o capital natural da Uníón", pois "a UE segue perdendo biodiversidade e moitos dos seus ecosistemas están seriamente degradados". As propias autoridades comunitarias sinalan que "o PMA materializa o compromiso da UE, as autoridades nacionais e as partes interesadas de acelerar os avances nos obxectivos da Estratexia sobre a Biodiversidade ata 2020 e o Plan para salvagardar os recursos hídricos de Europa", debido aos "servizos esenciais" que a natureza presta ás sociedades humanas, di Salvemos Cabana, que se pregunta "cal é o concepto de protección da natureza que a nivel europeo defende o PP de Galicia ante a ofensiva extractivista e de explotación intensiva dos bens comúns que en esencia é a raíz da dramática crise ambiental, económica e social que estamos a presenciar nos últimos anos".