O pleno municipal insta o Concello de Vigo a dar marcha atrás na instalación do barco en Coia

Veciños e veciñas de Coia interrompen o pleno municipal, este luns © vigodixital.com

Vigo celebrou nas primeiras horas desta mañá o seu derradeiro pleno do ano. Un dos temas que espertara máis expectación fora o debate aberto sobre a instalación do Alfageme na rotonda da Avenida Castelao, en Coia, un proxecto rexeitado pola veciñanza deste barrio. O BNG levaba unha moción contraria a esta actuación e que pedía a restitución dos xardíns previamente existentes na rotonda. A moción foi aprobada cos votos a favor de Bloque e PP, e os votos contrarios do PSOE.

Así pois, o pleno municipal insta o Concello de Vigo a paralizar as obras na rotonda de Coia. Porén, cómpre lembrar que hai dous meses PP e BNG aprobaron no pleno outra moción que lle pedía ao Goberno local que iniciase conversas coa Xuntapara estudar a posibilidade de situar o Alfageme no Museo do Mar de Galicia. Nesa ocasión a corporación presidida por Abel Caballero ignorou a decisión do pleno e seguiu adiante cunhas obras que foron paralizadas nas últimas dúas semanas polos veciños e veciñas de Coia.

Na súa intervención, de feito, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, lembrou que xa foi aprobada unha moción ao respecto, pero que o goberno municipal decidiu facer o contrario ao acordado no pleno. “Vivimos neste concello un feito pouco habitual: non só o goberno non decide atender a decisión do goberno, senón que decide facer exactamente o contrario do que se pediu democraticamente no pleno”, dixo.

Nos últimos días a Asemblea Aberta de Coia convocara a veciñanza do barrio a acudir na mañá deste luns ao pleno municipal. Así o fixeron ata ateigar a sala. No momento en que os conselleiros comezaron a debater a moción presentada polo BNG comezaron a protestar de forma moi sonora contra o alcalde vigués e o seu proxecto. Isto provocou unha airada reacción por parte do propio Abel Caballero, que chamou "rebentadores" aos presentes, e responsabilizou a CIG das protestas, segundo informa vigodixital.com. Os berros obrigaron a paralizar o pleno durante quince minutos.

Ante estas acusacións o sindicato viuse obrigado a facer público un comunicado afirmando que "ningún dirixente, representante ou asalariado da nosa central sindical participou do protesto veciñal". A CIG esíxelle a Caballero unha rectificación e anuncia que, de non producirse, estuda levar a cabo "accións xudiciais".

No pleno, Iolanda Veloso tamén denunciou a "soberbia" demostrada, ao seu xuízo, por Abel Caballero: “Non escoitamos argumentos, non escoitamos máis que mentiras, insultos e desprezos a todos aqueles manifestamos as nosas discrepancias. Vostedes actúan cun autoritarismo impropio do alcalde e da tenente de alcalde”.

En calquera caso, segundo informaba este domingo vigodixital.com, as obras na rotonda de Coia terán que se paralizar até 2015, pois o convenio provincial para o sector da construción recolle como días festivos desde este luns até final de ano.

Veciños e veciñas de Coia interrompen o pleno municipal, este luns © vigodixital.com
Iolanda Veloso presenta a moción © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.