O colectivo SURIA nace na Coruña como unha resposta á crise de refuxiados que acontece en Siria. A organización intenta informar e concienciar a cidadanía galega, ao mesmo tempo que presiona as institucións locais para que non se esquezan do problema sirio. Os seus medios baséanse na arte, con pequenos proxectos como a súa obra de microteatro. pequena peza teatral na que participa a súa representante, Nadia Hariri. Falamos con ela sobre o colectivo e os labores que están a facer.
Como xorde o colectivo SURIA? De onde vén a idea de crealo?
O proxecto de SURIA bota a andar durante o pasado verán. Sobre todo tras a tráxica foto de Aylan, o neno que afogou no mar Mediterráneo ao intentar alcanzar a costa grega. No entanto, todos os primeiros membros estabamos máis ou menos sensibilizados coa causa xa que temos lazos familiares ou amigos alá. Pero a foto funcionou para que nos decatáramos de que era preciso poñerse a facer algo para que a estampa non se repetise. Axiña nos puxemos a traballar coa intención de facer calquera cousa que os puidera axudar. Aínda que o conflicto sirio leva activo xa cinco anos, neste momento estamos a aproveitar o empurrón informativo destes meses para mover e visibilizar un pouco máis a noticia e conseguir que o foco mediático non se afaste mentres continúan as hostilidades.
"Os concellos teñen as mans atadas na acollida dos refuxiados pola actuación do Goberno central"
Supoño que na actualidade recibirán moitos máis apoios, pero como foi ao principio? Quen estivo aí dende o comezo para axudarlles?
Comezamos a traballar e a falar dende un primeiro momento co Concello da Coruña, e dende o minuto un xa nos puidemos reunir frecuentemente coa concelleira de Igualdade e Diversidad,e Rocío Fraga. Ao mesmo tempo tamén recibimos moito apoio nas reunións que tivemos coas familias sirias que levan moitos anos vivindo na cidade da Coruña, o cal foi moi importante pois algúns levan incluso máis de cincuenta anos. Con eles, propuxémonos un dos primeiros obxectivos que desafortunadamente aínda non logramos acadar, e que parece moi improbable que poidamos facelo: que as persoas que vivísemos aquí e que tivesemos familiares en perigo ou en situacións desfavorables en Siria puidesemos axudalos. A nosa intención era que cada familia fixera unha listaxe cos nomes, a localización, a situación e o número de familiares que tiñan en perigo para entregala no Concello e que este mirara se se podería facer algo por eles. Non obstante, todo o tema de acollida de refuxiados depende do Goberno de España. No Concello fixeron todo o que puideron mais atópanse coas mans atadas pola actuación do Goberno central.
Ademais da axuda aos seus familiares, cales son os seus obxectivos principais?
O primordial é saber que o colectivo xorde como fonte de coñecemento e de información do mundo sirio. O que nós intentamos é concienciar as persoas, polo que a través de SURIA intentamos informar e amosar á poboación quen son os sirios, cal é a súa cultura, os seus costumes... Sobre todo no caso de que viñesen -aínda que como xa dixen, a día de hoxe, non veu ninguén-, para que a integración sexa o máis fácil posible. Con SURIA intentamos concienciar a cidadanía mediante diferentes proxectos. Por exemplo, a actriz Lia Pichel e eu fixemos unha peza de microteatro chamada Awlad baseada nunha historia de dúas rapazas durante a guerra e como as súas vidas cambiaban tras a primeira bomba lanzada. Desta forma, o que tratamos e de concienciar mediante a arte e que vexan por eles mesmos o que está a acontecer alá. Este é o noso modus operandi, mediante a arte, mediante algo bonito poder reflectir algo tan horrible.
Levan aínda só algo máis de medio ano, mais son un colectivo bastante activo. Por exemplo, colaboraron con Gabriel Tizón e Rocío Botana no libro Muros...
Eles souberon de nós e propuxéronnos unha colaboración para falar sobre o colectivo, a situación que se estaba e está a vivir en Siria e con dúas ilustracións que achegamos. Máis tarde colaboramos de novo con eles nun concerto benéfico que organizaron e permitíronnos facer a nosa pequena peza teatral. En definitiva, a colaboración xurdiu porque nos pareceu unha grande oportunidade para tratar a problemática dende outro enfoque.
"É incrible ver como a xente de a pé fai todo por axudar a outros que nin tan sequera coñecen"
Que outras actividades levaron a cabo nos últimos meses?
Colaboramos con Cruz Vermella levando a nosa peza teatral e facendo diversas conferencias para dar a coñecer a causa. Foi coa obra coa que máis nos movemos. Actuamos en Vimianzo, A Coruña... Unha das mellores experiencias foi a actuación en Baio. Alí participamos con Xurxo Souto e as alumnas e alumnos do instituto fixeron unha sorprendente foliada solidaria. É incrible ver como a xente de a pé, xente moi nova e de todas as idades, facía todo iso por axudar a outros que nin sequera coñecían. É fermoso ver como todos somos iguais e temos as mesmas preocupacións.
Por outra bada, nalgúns puntos do mapa europeo a cidadanía está a responder dun xeito non tan agradable e conciliador, con ataques e discursos xenófobos algunhas veces. No tempo que levan, viron ou notaron algunha vez estas respostas na xente?
Nesta cidade, na Coruña, o que realmente sentimos case sempre é unha cidadanía moi envorcada, moi aberta e moi preparada para axudar. Mesmo moita xente escribiunos ao colectivo preguntando como poderían axudar ou advertindo que contemos con eles para calquera actividade. A nosa percepción é que o único que falta é que os refuxiados cheguen, que ese é o único problema, que non dan chegado. Pero hai unha morea de solicitudes de persoas que desexan acollelos mesmo nas súas casas. O problema é que non chegan porque o Goberno de España non quere.
"Hai moreas de solicitudes para acoller refuxiados nas casas pero o problema é que non dan chegado porque o Goberno non quere"
Como ven a resposta á crise de refuxiados actual que se está a dar dende as institucións europas e dende os Estados que a compoñen?
Eu síntome avergoñada porque é incrible que no século XXI estean acontecendo estas cousas. É completamente unha falta de interese. Por iso eu poño o foco do problema nas institucións. Porque aínda que é verdade que si que hai focos de racismo en todos os lados o que estamos a observar é que moitísima xente está moi preparada para acollelos. Se dependese das persoas do pobo, a axuda estaríase a producir. Mais non depende maiormente de nós, senón das grandes institucións e dos gobernantes que non se mollan, e que só ven cifras e números sen lembrar que detrás destes hai unha historia ou un drama dunha persoa ou dunha familia. O problema non se soluciona porque para os Estados eles só son números. Ás veces pregúntome como podo pertencer a Occidente, non logro entender o que está a acontecer.
"Para os Estados, os refuxiados só son números... Ás veces pregúntome como podo pertencer a Occidente"
E cales son os plans de futuro na organización, vense con intención de subir a presión a outros niveis?
Si. Aínda que a nosa intención segue a ser a de traballar para cambiar as cousas dende A Coruña. Agora mesmo estamos a facer todo o que podemos dende aquí, pero cremos que con pequenos grans de area ao longo do país podemos facer unha gran montaña. A nosa intención é continuar como ata agora, usando a arte dende o respecto para poder informar e concienciar a cidadanía. Outro nivel abriríase se os refuxiados chegaran. Nese intre, aí estaríamos nós para apoialos e para integralos na sociedade, xa que o cambio cultural é evidente. Aínda así, teño que dicir que dende o noso colectivo estamos preparados para facelo, pois a maioría estamos ligados a ambos os dous mundos. Os nosos plans de futuro deben e teñen que pasar pola axuda a todos os que veñan. Mais mentres tanto, temos que seguir informando, explicando e concienciando a toda a poboación do país, sobre todo para que a cidadanía non esqueza o problema que segue existindo.
Teñen algunha próxima actividade xa programada para as seguintes semanas?
Seguimos facendo a nosa peza de microteatro e estamos a barallar diferentes actividades, mais aínda non estamos seguros de que vaian acontecer xa que nos atopamos falando con diferentes persoas. Non obstante todas as nosas actividades estarán colgadas no noso perfil de Facebook.