O Portal de Transparencia comeza a amosar as súas carencias

Dereitos Civís denunciou en varias ocasións axentes por non levar a identificación á que están obrigados Dominio Público Dereiros Civís

O pasado 10 de decembro, hai un mes, botaba a andar o Portal da Transparencia, a ferramenta que debería facer máis doado o acceso á información pública e dirixir solicitudes aos distintos órganos da Administración na súa procura. Era tamén o escaparate dunha Lei de Transparencia que aínda que presenta algúns avances con respecto á situación anterior (aínda que chegan con anos de atraso con respecto a moitos países da UE), foi criticada polas súas limitacións. Unha das críticas máis repetidas era a non regulación do silencio administrativo negativo, o resultado do 57% das consultas á administración e do 80% no caso das administracións locais.

Despois dun mes de actividade do Portal de Transparencia, son moitas as críticas á súa estrutura e funcionamento, e coas primeiras denegacións de solicitudes de información, as críticas multiplícanse, deixando á vista as carencias do Portal e da propia lei. 

Hai unhas semanas Dereitos Civís solicitou os informes sobre queixas recibidas contra os Corpos e Forzas de Seguridade que emite a Inspección de Persoal e Servizos de Seguridade cada ano. Trátase dunha sinxela información, con datos estatísticos das queixas recibidas e a tramitación das mesmas. A pesar de que na petición se fixo constar expresamente o organismo que dispón da mencionada información (Inspección de Persoal), o Portal de Transparencia decidiu remitirlle a solicitude á Dirección Xeral da Garda Civil, que nada ten que ver co solicitado. 

A pesar de que na petición se fixo constar expresamente o organismo que dispón da mencionada información (Inspección de Persoal), o Portal de Transparencia decidiu remitirlle a solicitude á Dirección Xeral da Garda Civil, que nada ten que ver co solicitado

A resposta da Dirección Xeral da Garda Civil neste kafkián ir e vir de papeis respondeu que non admite a solicitude de información en base a un artigo que prevé a inadmisión a trámite "das solicitudes de acceso á información pública dirixidas a un órgano en cuxo poder non obre a información cando se descoñeza o competente". A resposta engade que "a información solicitada encádrase no ámbito competencial da Inspección de Persoal e Servizos de Seguridade da Secretaría de Estado de Seguridade".

Renato Núñez, de Dereitos Civís, salienta que "na miña solicitude consta con claridade cal é o organismo competente e a quen lla quero enviar, e eles en cambio deciden remitirlla á Dirección Xeral da Garda Civil, que nada ten que ver co asunto", "Tería rematado antes enviando directamente a solicitude á  Inspección de Persoal", engade.  Para Núñez, "na práctica a Lei de Transparencia non modificou absolutamente nada, pois a normativa anterior xa permitía solicitar a información, e tamén permitía que as administracións correspondentes se negasen a admitir a solicitude". "En realidade, o efecto de presentar esta solicitude no Portal de Transparencia é o mesmo que se o presentasen no rexistro da Xunta de Galicia ou que o enviasen por carta certificada. O único que fai o Portal é transmitir a solicitude á administración correspondente, e polo que se ve isto faino de forma nefasta", di. Anteriormente xa existía outro portal, 060, para presentar escritos ante a Administración, e que no caso de que o cidadán ou cidadá non soubese a quen dirixir o escrito, xa se encargaba de remitirllo ao órgano competente.

 

Segunda solicitude denegada

Núñez critica que non se argumenta calen os motivos polos que o acceso a esa información pode supor un risco contra a seguridade cidadá ou contra a seguridade do Estado

Dereitos Civís realizou unha segunda solicitude de información: quería coñecer os protocolos de actuación das Unidades de Intervención Policial (UIP). A contestación do Portal de Transparencia é que considera que facilitar esa información pode afectar á seguridade pública. Hai uns meses a entidade denunciara unha actuación policial (unha carga de antidisturbios co lanzamento de pelotas de goma no interior dun parque infantil) e a resposta da administración foi que a acción respectara os protocolos das UIP. "Cando eles responden iso, non che poden negar o acceso a eses protocolos. Se non, están limitando completamente os teus dereitos, porque non te vas meter nun xuízo, cos gastos que na actualidade iso implica, sen coñecer se a túa denuncia ten algunha posibilidade de ir adiante. Iso crea unha inseguridade xurídica", denuncia.

O proceso e os obstáculos son moi semellantes aos que Dereitos Civís atopou noutras ocasións. Renato Núñez ten unhas vinte denuncias contra policías presentadas ante Inspección de Persoal, principalmente por non levar visible a súa identificación, como determina a lei. "Como en ningún momento contestaron a estas denuncias, eu pedín o acceso aos expedientes para coñecer cal foi a tramitación que lles deron ás denuncias presentadas. O que alegaron foi que o acceso a esa información (se tramitaran ou non a denuncia contra un axente) podía vulnerar a seguridade do Estado. Renato Núñez critica que en ambos os dous casos non se argumenta calen os motivos polos que o acceso a esa información pode supor un risco contra a seguridade cidadá ou contra a seguridade do Estado.

"O Portal de Transparencia ten máis de propaganda que de realidade"

Núñez conclúe que "o Portal de Transparencia ten máis de propaganda que de realidade. Limítase a ser un portal que lles reenvía as solicitudes aos órganos correspondentes (cun criterio bastante erróneo) e que posteriormente lle reenvía ao solicitante a contestación recibida sen comprobar se se axusta á normativa de transparencia". 

Antidisturbios en Madrid CC-BY-SA Juanlu Sánchez
Portada do Portal da Transparencia Dominio Público Praza Pública
Dereitos Civís denunciou en varias ocasións axentes por non levar a identificación á que están obrigados Dominio Público Dereiros Civís

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.