O PP de Castela-León recúa e non apoiará a investigación do accidente do Alvia

Concentración da plataforma de vítimas, este verán en Compostela © Plataforma Alvia 04155

O pasado 22 de marzo a totalidade dos partidos políticos representados do Parlamento de Castela-León (PP, PSOE, Podemos, Ciudadanos, IU-Equo e UPL) comprometéronse a presentar unha iniciativa conxunta para apoiar as peticións dos familiares das vítimas do accidente do Alvia en Compostela, entre elas a creación dunha Comisión de Investigación no Congreso que afonde das responsabilidades políticas e causas últimas do sinistro. O acordo chamaba a atención, sobre todo, porque PP e PSOE aceptaban nas cortes autonómicas castelá-leonesas o que rexeitaran en varias ocasións na Cámara Baixa e tamén no Parlamento galego. 

"O PP decidiu non apoiar a iniciativa á que se comprometeu pública e persoalmente coas vítimas, xerándonos aínda máis dor, que se suma ás mentiras e ocultacións que vimos sufrindo"

A iniciativa debía ser presentada na sesión plenaria deste 5 e 6 de abril. Porén, finalmente o Partido Popular recuou, negándose a apoiar as peticións da asociación de vítimas e familiares de vítimas. A Plataforma Alvia 04155 sinala nun comunicado que "o PP decidiu non apoiar a iniciativa á que se comprometeu pública e persoalmente coas vítimas, xerándonos aínda máis dor, que se suma ás mentiras e ocultacións que vimos sufrindo". A entidade cre que detrás deste cambio de posición están as presións exercidas pola dirección estatal do partido, sinalando sobre todo a acción do ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, ex secretario de Estado de Infraestruturas. Denuncia que "o PP non quere que os cidadáns saibamos cales son as responsabilidades políticas que hai detrás do accidente ferroviario máis grave da democracia".

A entidade cre que detrás deste cambio de posición están as presións exercidas pola dirección estatal do partido

A proposta unánime do Parlamento rexional tería sido a primeira iniciativa neste senso dunha cámara autonómica. De aí a importancia simbólica concedida polas vítimas do accidente, que hai dúas semanas destacaran o feito de que o castelán-leonés se convertese no "primeiro Parlamento que busca a verdade".

 

Concentración da plataforma de vítimas, este verán en Compostela © Plataforma Alvia 04155

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.