O PP queda só no seu rexeitamento á integración das ensinanzas artísticas na universidade

Mobilización de alumnado e profesorado, en 2013 © Escola de Conservación e Restauración

Representantes do profesorado e do alumnado dos centros de ensinanzas artísiticas, co apoio dos pais e nais, dos sindicatos (CC.OO., CIG, UGT e STEG) e de todas as forzas con representación no Parlamento, agás o PP, denunciaron este xoves na Cámara a negativa da Xunta a facilitar o proceso de adscrición e integración destes estudos no sistema universitario galego. Manteñen así a loita iniciada hai dous anos para acadar a equiparación real cos graos universitarios, algo ao que a Consellaría de Educación se vén negando sistematicamente. Na actualidade existe unha equiparación formal, como adoita lembrar o Goberno galego, pero que nalgúns aspectos esenciais limita moito as opcións de alumnos e profesores.

A nivel europeo o alumnado "non ve recoñecida a súa titulación de forma automática, senón que terán que seguir procesos de validación, que supoñen dispoñer de tempo e moito diñeiro"

A Plataforma lembra que a equiparación do título superior ao título universitario de grao que propón a LOMCE é unha norma de ámbito estatal, non de ámbito europeo, "polo que o alumnado non verá recoñecida a súa titulación de forma automática, senón que terán que seguir procesos de validación, que supoñen dispoñer de tempo e moito diñeiro". Neste senso cualifican de "preocupante" que a Consellería non poña en marcha medidas orientadas a garantir que o alumnado galego poida conseguir unha titulación de grao, equiparable en Europa de forma automática.

Nos últimos dous anos buscaron que a Xunta de Galicia apoiase a súa adscrición á Universidade. A LOE recollía (e tamén o fai a LOMCE) que os centros que imparten ensinanzas artísticas podían iniciar ese proceso, e que a decisión dependía de cada autonomía. Polo tanto, a responsabilidade recaía na Xunta, pero o Goberno galego mirou cara a outro lado. O pasado mes de outubro, no Parlamento, o PP votou en contra da adscrición da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra á Universidade de Vigo.

Nos últimos dous anos numerosas universidades privadas en todo o Estado están ofrecendo titulacións de grao nas EEAASS

 

Si nas universidades privadas

A Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores (EEAASS) lembra que nos últimos dous anos, despois de que unha sentenza anulase o ordenamento das ensinanzas artísticas superiores devolvéndoas á súa condición previa de estudos técnicos superiores, numerosas universidades privadas en todo o Estado están ofrecendo titulacións de grao nas EEAASS. Fernando Carrera, ex director da Escola Superior de Conservación e Restauración, sinala que “cando saíu a sentenza sabiamos que as universidades ían aproveitar a oportunidade. Ao tempo que nos quitaron a nós o grao, déronlles a eles a posibilidade de crealos” e engade "en Galicia aínda non apareceu ningunha universidade privada, pero calquera día aparecerán, e iso sería un problema para as tres universidades públicas".

En toda América e na maior parte de Europa as EEAASS forman parte da oferta universitaria, e cando iso non é así, os centros que as ofrecen están sempre adscritos a unha universidade

Destacan, igualmente, que en diferentes ocasións desde a Consellería de Educación "trasladou a idea de que os centros non están preparados para iniciar o proceso", algo que "resulta especialmente rechamante pois de non estalo, á propia Consellería compete o que o estean". Lémbranlle tamén á Xunta que existe un gran consenso en todos os centros implicados e nas universidade para iniciar o proceso, "o que implica a vontade das comunidades educativas para facer fronte aos retos e desafíos que o proceso de adscrición e posterior integración implique". E lembran que titulacións como Maxisterio, Belas Artes, Mariña Civil, Relacións Laborais, Educación Física e outras, "foron quen de superar este retos", sen que a integración supuxese perda de calidade das ensinanzas senón todo o contrario.

Salientan, así mesmo, que en toda América e na maior parte de Europa as EEAASS forman parte da oferta universitaria, e cando iso non é así, os centros que as ofrecen están sempre adscritos a unha universidade. España, con Italia, "é a única excepción a unha norma de valor universal, e un incumprimento do proceso de converxencia", indican. Dende a Plataforma tamén sinalan que a actual situación está a provocar atrancos de moitos tipos, que tamén afectan á concesión de bolsas de estudo. Este ano as ensinanzas artísticas superiores quedaron excluídas do pago da matrícula por parte do Ministerio de Educación. Igualmente o alumnado non pode optar a unha especialización nos seus estudos, dado que non se estableceron mecanismos para a organización de estudos de posgrao que conduzan á obtención dos títulos de máster e doutorado.

Fernando Carrera recoñece que “non hai síntomas de que a Consellaría estea disposta a mover a situación” pero salienta que “hai que facer que se movan as cousas”. “Tan só pedimos a apertura dun debate, ou dunha mesa de traballo con expertos”, engade

A Plataforma conclúe que "a adscrición e posterior integración na universidade nas ensinanzas artísticas superiores, e mesmo a adscrición permanente dalgunhas titulacións, é unha medida que non prexudica a ninguén, que beneficia á inmensa maioría". Fernando Carrera recoñece que “non hai síntomas de que a Consellaría estea disposta a mover a situación” pero salienta que “hai que facer que se movan as cousas”. “Tan só pedimos a apertura dun debate, ou dunha mesa de traballo con expertos”, engade.

A negativa da Xunta a adoptar calquera decisión e mesmo practicamente a debater sobre o asunto levounos a mirar tamén a Madrid, cara ao Ministerio de Educación, para forzalo, xunto coas escolas e plataformas do resto de España, a adoptar unha solución de conxunto para todas. Carrera subliña que "ninguén se atreve a dar o paso, pero no momento en que alguén o dea, sexa o Ministerio ou sexa unha consellaría, da comunidade autónoma que sexa, o resto o seguirán". "Levamos tres anos loitando, aparentemente sen resultados" -di- "pero hai que ollar o tema con perspectiva: estamos todos no mesmo barco, co apoio de todos os sindicatos e de todos os partidos agás o PP, e isto non era así hai tres anos". "Seguiremos até que o consigamos, porque iso si, ímolo conseguir", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.