"O PP só atrasou o inevitable; as touradas desaparecerán de Galicia"

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

O PP votou unanimamente o pasado martes contra a proposición de lei presentada polo BNG para prohibir as corridas de touros mediante a eliminación da excepción normativa que este espectáculo recibe na Lei de Protección dos Animais e que foi apoiada tamén por AGE e PSdeG. Acabou así o grupo popular coa primeira posibilidade real de acabar coas touradas en Galicia, botando por terra unha iniciativa do Bloque que leva o selo de Galicia Mellor Sen Touradas e do seu voceiro, Rubén Pérez, que leva anos loitando por suprimir esta "crueldade e tortura" coas animais no país. Non foi desta vez, pero di estar convencido de que será axiña. Antes do que moitos agardan.

Como lle sentou a votación no Parlamento sobre a proposta do BNG para abolir as touradas en Galicia?

O sentido final da votación non reflicte o sentir da cidadanía galega, que maioritariamente se manifestou en contra das touradas e das subvencións para estes espectáculos. Tamén hai que destacar que dos 72 deputados presentes, 32 apoiaron a toma en consideración da proposta e iso é moi significativo tendo en conta que foi a primeira vez que este tema se tratou no Parlamento. Non o consideramos unha derrota, xa que a febleza dos argumentos do PP a prol das corridas de touros e a falta de contundencia á hora de defendelas demostra que isto non ten volta atrás. O único que fai o Partido Popular é atrasar o inevitable: a fin das touradas no territorio galego. Non hai nin afección nin interese e teñen  un respirador artificial, que son os cartos públicos.

"En Galicia non hai afección nin demanda de touradas, pero se a houbese, tampouco tería sentido que existisen no século XXI"

Son os cartos públicos os que permiten que siga habendo touradas en Galicia?

Sen subvencións públicas xa non terían lugar. Temos moitísimos exemplos e lembremos que na Coruña a metade do público asistente vai de balde ás touradas a través de diferentes convites. En Sarria, mesmo concelleiros do PP repartiron pola vila as invitacións, e en Pontevedra a Deputación inviste en publicidade e subvenciona os festexos. En Galicia non hai afección nin demanda social por esta actividade. Aínda que houbese, sendo un espectáculo de tortura e crueldade cos animais, tampouco ten moito sentido que se siga realizando no século XXI.

A creación da Fronte Antitaurina foi clave...

Estamos moi satisfeitos polo bo funcionamento da Fronte Antitaurina creada no pasado mes de febreiro. A maioría dos deputados que votaron a prol da iniciativa pertencían a este colectivo, o que demostra que se poden artellar iniciativas no eido político para unha reivindicación para a abolición das touradas.

"Non creo que houbese liberdade de voto no PP porque hai deputados no seu grupo que rexeitan as touradas"

É sincera a votación dos deputados do PP?

Era evidente que o PP ía votar en contra e en bloque contra a iniciativa, aínda que eles dixeran que había certa liberdade de voto no seu grupo. Non cremos que houbese esa liberdade porque dentro do grupo popular hai persoas que rexeitan as touradas e votaron o mesmo que os compañeiros. Igual se tivesen votado distinto non aparecían nunca máis nunha lista electoral ou, como mínimo, recibirían unha reprimenda dos pesos fortes do PP, que si apoian a tauromaquia. Malia todo, o apoio de PSdeG, AGE e BNG supuxo tamén que se intensificase o debate sobre este tema na cidadanía, na sociedade e nos medios de comunicación. Ese era tamén un dos obxectivos.

Callou o debate na sociedade?

O debate xa está a callar. Tamén nas cidades ou vilas onde perviven as touradas, onde cada vez hai más debate sobre esta práctica. O debate no Parlamento tamén foi un xeito de comprobar a posición de cada un dos grupos e o resultado foi moi positivo porque a iniciativa tan só perdeu por oito votos, o que non é habitual. De debaterse na Coruña, a diferenza de votos tamén sería moi pequena, ao igual que noutras localidades onde se celebran festexos taurinos.

"O PPdeG recibe ordes de Madrid, é imposible que todo o seu grupo parlamentario apoie a tauromaquia"

Os argumentos do PP coincidiron cos que adoita dar sempre neste debate, independentemente de onde se realice.

É un guión marcado polos grupos de presión protaurinos, moitas veces repetido e asumido polo PP. O feito de defender a raza do touro de lida, que non é unha raza, ou as dehesas, que non existen en Galicia, demostra que eles mesmos estaban desubicados. Non saben que argumentos escoller para defender unha actividade que non ten apoio no territorio galego. Quedoulles unha intervención bastante pobre, pero para eles era un papel complicado porque entendo que o PPdeG recibe ordes desde Madrid. Senón, socioloxicamente é imposible que todo o grupo parlamentario do PP apoie as touradas. Se un 85% da cidadanía galega, segundo as últiimas enquisas, rexeita os festexos, é de supoñer que unha porcentaxe importante é votante do Partido Popular.

"As touradas aboliranse en Galicia a medio ou longo prazo; ou por un cambio político ou polo descenso na asistencia"

Cre que a abolición das touradas en Galicia é algo inevitable?

Se cadra non a curto prazo, pero si a medio ou longo prazo. É perfectamente factible. Pode vir pola propia aritmética da representación política nos concellos, onde pode haber mudanzas importantes naquelas vilas onde o PP subsidia as touradas, por un cambio político en Galicia, pero sobre todo polo descenso na asistencia a estes espectáculos. Chegará a ser insostible organizar touradas, por exemplo na Coruña, onde boa parte dos asistentes asisten gratis, e iso non lle interesa nin ao empresario nin ao propio Concello. Ademais, a última enquisa do Ministerio do Cultura di que só o 0,8% dos galegos asiste anualmente ás touradas, unhas 20.000 persoas. É algo insostible, máis cando as xeracións máis novas están cada vez máis en contra da tauromaquia e das súas subvencións.

Non habendo en Galicia afección aos touros, a que se debe a teima do PP en mantelos? É unha estratexia política?

Non creo que sexa unha estratexia política porque o impacto electoral ou social da xente que apoia as touradas en Galicia é mínimo. Creo que hai aspectos ideolóxicos. O BNG ten certa razón cando di que se intentan promover cuestións ideolóxicas arredor das touradas, porque senón sería imposible de entender que na Coruña ou en Pontevedra alguén se vista de andaluz ou chulapo para acudir ás corridas. Ademais, hai clubs ou sociedades moi tradicionais e antigas que reciben descontos nos abonos para ir aos touros e certos sectores da dereita, pero tamén da ultradereita, que defenden as touradas. Ven os touros como unha festa nacional, como un elemento vertebrador, cando en realidade disgrega, e non só nas nacionalidades históricas, senón en máis comunidades. Canarias aboliu as touradas en 1991 co apoio do PP e cada vez en máis autonomías hai movementos organizados contra a tauromaquia que contan cun apoio político claro.

 

Rubén Pérez, voceiro de Galicia Mellor Sen Touradas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.