O PPdeG xustifica a reforma do lei do aborto porque "algo se está a facer mal"

Acción desenvolvida este domingo na sede da Xunta en Vigo © Feminismos Vigo

"Que non haxa problemas non indica que a lei non sexa mellorable". Así defendeu a deputada do PP, Julia Rodríguez Barreira, o voto negativo do seu grupo á moción presentada polo PSdeG, na que se solicitaba que o Parlamento instase á Xunta a que se dirixise ao Goberno do Estado para que "manteña a vixente Lei de saúde sexual e reprodutiva á espera do ditame que sobre a mesma ten pendente o Tribunal Constitucional" e ante a polémica reforma lexislativa que sobre a lei do aborto prevé o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón.

O PP rexeitou a moción do PSdeG, que pedía que a Xunta reclamase ao Goberno manter a actual lexislación sobre o aborto

"Dado que non se ten detectado ningunha dificultade, nin disfunción, nin consecuencia negativa na implantación nin no desenvolvemento da lei, tal e como afirmou a conselleira de Sanidade, nin existe demanda social en Galicia para a súa modificación, se dirixa o Goberno do Estado para que a manteña", aseguraba unha moción que foi aprobada por todos os grupos da oposición, pero que rexeitou o PP.

Para Rodríguez Barreira, e malia que insistiu na cautela, abordar a reforma do lei do aborto -e que colocaría as mulleres na mesma situación que coa normativa de 1985 ao recuperar un sistema de supostos- é necesario porque "todo é mellorable". Para a voceira do PP, a normativa é mellorable "no que atinxe á obxección de conciencia, no reproche penal ás mulleres ou no consentemento da interrupción do embarazo ás menores".

"Cada vez que unha muller se enfronta ao aborto sofre  un fracaso persoal, que tamén é un fracaso social", di a deputada do PP

"Tamén o é á vista dos abortos que se practican", insistiu, tras criticar a "tendencia crecente" de abortos entre 2010 e 2011 cando, segundo Rodríguez Barreira, as interrupcións de embarazo "se incrementaron nun 17%". "Algo estamos a facer mal e iso débenos levar á reflexión; cada vez que unha  muller se enfronta a esta decisión sofre un fracaso persoal, pero tamén é un fracaso social", asegurou.

Para a parlamentaria popular, "dificilmente se pode debater" sobre unha futura reforma da lei "que se descoñece". "O PP gañou as eleccións por maioría absoluta e comprometeuse a reformar a lei. Poderemos estar de acordo ou non, pero dirémolo cando se coñeza", engadiu, tras lembrar que "todas as mulleres en Galicia teñen garantida a interrupción do embarazo na sanidade pública".

"Revisen o seu discurso. O dereito a ser ou non ser nai non se defende atacando a maternidade moito menos as de exclusión social", espetoulle Rodríguez Barreira ás deputadas da oposición que defenderon a idoneidade da moción presentada por Carmen Acuña, parlamentaria do PSdeG, que asegurou que tamén é "violencia contra as mulleres considerar que non poden decidir sobre o seu corpo". "Pregúntenlle a elas na rúa sobre o que pensan", dixo.

A oposición critica a "violencia institucional" do PP coas mulleres e cúlpao de crear un problema "onde non o hai"

"Nos nosos úteros e nas nosas vaxinas mandamos nós; obrigarnos a parir tamén é violencia institucional", insistiu Eva Solla, deputada de AGE. "Non imos consentir pasos atrás neste sentido, sobre todo despois das barbaridades escoitadas no PP", engadiu. Carme Adán, parlamentaria do BNG, acusou o PP de crear un problema "onde non o hai" porque "a sociedade está claramente de acordo" sobre a interrupción voluntaria do embarazo. "Non é un problema social, é un debate interno do Partido Popular, que quere trasladalo ao resto da sociedade", dixo. "Esperemos que o PP sexa quen de clausurar os seus debates internos e traballar a prol da igualdade", manifestou.

 

Adán, durante un debate no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.