O presidente do Parlamento eloxia o crego condenado por apropiación indebida como un "adiantado ao seu tempo"

Este xoves presentouse en Ourense un libro sobre a historia da Fundación San Rosendo © Parlamento de Galicia

“Don Benigno foi sempre un adiantado ao seu tempo, e así o acreditan moitas das iniciativas que impulsou, pioneiras no seu contexto”. Con estas palabras definiu este xoves o presidente do Parlamento -Miguel Ángel Santalices- a Benigno Moure, fundador e presidente de honor da  Fundación San Rosendo e condenando en 2008 por apropiación indebida, tras demostrarse que lle roubara todos os seus cartos (máis de medio millón de euros) e propiedades a unha anciá con alzheimer que estaba ingresada nun dos xeriátricos que xestionaba.

“Don Benigno foi sempre un adiantado ao seu tempo, e así o acreditan moitas das iniciativas que impulsou, pioneiras no seu contexto”, dixo Santalices

Santalices realizou estas declaracións no marco da presentación en Ourense do libro 25 anos dando vida aos anos, editado pola propia Fundación San Rosendo para recompilar o seu cuarto de século de existencia. “Como ourensán e como galego é unha honra que o modelo desenvolvido pola Fundación San Rosendo se teña convertido nun referente nacional e internacional no referido á atención ás persoas maiores”, afirmou o presidente da cámara, centrándose despois nas gabanzas a Moure, "un adiantado ao seu tempo" pola posta en marcha "de garderías infantís, nun momento no que aínda era escasa a incorporación da muller ao mercado laboral" ou de residencias da terceira idade “desde unha visión integradora, orientada a evitar o desarraigo da persoa”.

"Ten a Medalla Galicia e a Medalla Castelao. Son poucas. Faltan as de Ourense", dixo Santalices

Pediu tamén que Moure fose galardoado coa medalla da provincia sinalando que "ten a Medalla Galicia e a Medalla Castelao. Son poucas. Faltan as de Ourense". Non foron as únicas palabras de apoio que recibiu o crego condenado por apropiación indebida: Leonardo Lemos, bispo de Ourense, escribe no prólogo do libro que "ca súa audacia e optimismo, ca súa tenacidade e constancia, co seu forte dinamismo evanxélico, don Benigno fixo realidade o que hoxe son 25 anos dunha historia de atención e solidaridade, de servizo e amor ás xentes do noso pobo, sobre todo aos maiores e enfermos".

Moure foi condenado en 2008 a cinco anos de prisión por apropiación indebida continuada tras aproveitar "o deterioro progresivo e irreversible da capacidade intelectiva" dunha anciá para arrebatarlle os seus bens

Moure foi condenado en 2008 a cinco anos de prisión por apropiación indebida continuada xa que "aproveitou o deterioro progresivo e irreversible da capacidade intelectiva da anciá" para arrebatarlle os seus bens, segundo o ditame. A pesar da sentenza xudicial firme, a Diocese de Ourense e o Partido Popular presionaron para que Moure non ingresase en prisión, chegando a convocar unha manifestación en 2011. Finalmente, o cura si pasou pola cadea de Pereiro de Aguiar, pero só durante dous meses. Despois, foi nomeado presidente de honor da entidade que fundara e continuou recibindo homenaxes e recoñecementos públicos. En xaneiro a Fundación deulle o seu nome a unhas bolsas "en recoñecemento ao seu labor a favor dos colectivos máis desfavorecidos".

No acto deste xoves, Santalices referiuse tamén ao "declive demográfico", que cualificou como “unha ameaza en toda regra”. Porén, o presidente do Parlamento chamou a atención sobre "as oportunidades" que isto reporta "como as derivadas da atención ao colectivo das persoas maiores”.

 

Benigno Moure e Miguel Ángel Santalices, no centro © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.