“Sentido de iniciativa e espírito emprendedor”. Esta é, segundo o Proxecto de Decreto polo que se estabelece o currículo de Educación Primaria, unha das competencias clave que os nenos e nenas galegas de 6 a 12 anos deberán desenvolver nas aulas. Para o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) trátase dun dos varios elementos que no proxecto curricular elaborado pola Consellaría de Educación para o vindeiro curso teñen un “marcado nesgo ideolóxico” e alentan un declarado “afán de adoutrinamento” na educación, citando as declaracións realizadas (nun senso moi distinto) polo ministro Wert.
De igual xeito, no artigo 11, que fixa os "contidos transversais" recóllese a importancia da participación dos nenos e nenas "en actividades que lle permitan afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial”. En cambio, lembra o sindicato, en ningún lugar do decreto se prevé a existencia de contidos relacionados coa educación afectivo–sexual. Para o STEG este deseño "obedece a unha concepción de marcado nesgo neoliberal e que está inspirada nunha lóxica máis mercantilista que propiamente educativa".
En ningún lugar do decreto se prevé a existencia de contidos relacionados coa educación afectivo–sexual
Non é a única crítica que o sindicato realiza ao proxecto de decreto. Sinala, igualmente, que entre os contidos transversais prevé “o estudo do Holocausto xudeu como feito histórico”. Para o STEG, que non nega a necesidade do estudo deste feito, "existiron na historia varios holocaustos e que paga a pena incluílos todos eles: o holocausto armenio, o xudeu, xitano, a actual crise humanitaria en territorios palestinos provocada por Israel ou os xenocidios das poboacións orixinarias nas américas". Nese mesmo senso, bota en falta que na área de valores sociais e cívicos, canda ao estudo do holocausto xudeu e os campos de concentración do nazismo, non se estude a guerra civil ou a represión franquista. Ou que por exemplo, mentres en varios lugares se recomenda o estudo da Monarquía española, non haxa nin unha mención a outras formas de goberno, coma a República, e tampouco referencia ningunha á ditadura franquista.
Mentres en varios lugares se recomenda o estudo da Monarquía española, non haxa nin unha mención a outras formas de goberno, coma a República, e tampouco referencia ningunha á ditadura franquista
O decreto desenvolve algúns dos elementos máis criticados da LOMCE, que retira varias das súas competencias aos Claustros. No seu artigo 6 refírese á autonomía pedagóxica e organizativa "da que en teoría van dispoñer os centros docentes, mais, como marca a LOMCE, serán as direccións e non os Claustros (como viña sendo até agora), as que pasarán a ter a potestade de aprobar a Programación Xeral anual". Para o STEG fálase de “autonomía” para as direccións dos centros, "pero non para o conxunto de sectores da comunidade educativa representados no Claustro e no Consello Escolar". O sindicato conclúe que "o proxecto consagra unha ferramenta máis para privarnos da participación e do dereito ao control democrático na vida dos centros educativos".
Para o STEG fálase de “autonomía” para as direccións dos centros, "pero non para o conxunto de sectores da comunidade educativa representados no Claustro e no Consello Escolar"
De igual xeito, no artigo 12 fálase das reválidas dos cursos 3º e 6º, que o STEG rexeita "porque a verdadeira avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado ten que ser continua e global e debe ser realizada non por axentes externos, senón polas propias persoas docentes en cada centro". Para o sindicato "estas dúas probas, con toda seguridade, farán perder un tempo precioso na súa preparación, deturparán en certa medida o enfoque e os contidos de moitas das actividades que se desenvolvan durante o curso nos centros" e, ademais, "lanzarán a unha parte do profesorado e a unha porcentaxe de centros a unha dinámica de competitividade" para quedaren por riba dos "valores que a Consellaría, para tal obxecto, determine", como afirma o decreto neste artigo.
As reválidas "farán perder un tempo precioso na súa preparación, deturparán en certa medida o enfoque e os contidos de moitas das actividades que se desenvolvan durante o curso nos centros"
Por último, o STEG critica a falta de información sobre a dispoñibilidade das horas de libre configuración que terán á súa disposición os centros "para afondar e/ou reforzar algunha das áreas deste bloque” ou para “optar por establecer outra ou outras áreas que determine o centro”. O sindicato denuncia que este punto do decreto pode servir para que algúns centros se especialicen mediante un “proxecto educativo de calidade” (artigo 122 bis da LOMCE), que deberá ser “competitivo” e ao que se lle permitirá xestionar tanto recursos humanos como materiais e financeiros. Ábrese -salienta- a porta para "seleccionar unha parte do profesorado se se opta por esta especialización".