O voceiro do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras e os deputados Xabier Ron e Antón Sánchez, visitaron ese sábado a zona que se verá afectada polo proxecto mineiro de Corcoesto acompañados por representantes da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e veciños da zona, que lles trasladaron a súa preocupación polos efectos negativos que terá este proxecto na zona.
AGE denunciou unha vez máis "a actitude da Xunta" en relación ao proxecto de extracción de ouro da empresa mineira Corcoesto SL que aseguran "é un intento de estafa e extorsión aos veciños" do que o Goberno galego é “cómplice pasivo”. O grupo de Alternativa considera moi grave que a Xunta tolere que unha sociedade de capital estranxeiro "practique a extorsión e a chantaxe" a través de cartas intimidatorias intolerables que está a enviar as veciños.
"O proxecto da mina é un intento de estafa e extorsión aos veciños"
Os deputados parlamentarios de AGE denuncian tamén que “a misiva é un cúmulo de falsidades, dende a valoración do terreo, até o feito de que xa sexa inminente o proceso expropiatorio, que non o é, e que en caso de expropiarse os prezos sexan os que di a empresa”. Os representantes de AGE destacaron que a mina tramítase como proxecto industrial estratéxico cando o que en realidade supón é un "expolio para todo o país cun proxecto de enorme impacto medioambiental"que, de aprobarse, tería consecuencias moi negativas de cara ao futuro. Os deputados parlamentarios destacan que “o proxecto mineiro de Corcoesto é máis propio de antigos modelos de desenvolvemento do terceiro mundo, da época colonial, polo seu impacto ambiental, polo saqueo dos nosos recursos naturais e pola súa insostibilidade”.
"É máis propio de antigos modelos coloniais", aseguran os deputados de AGE
“Resulta evidente que este tipo de empresas buscan países cunha lexislación ambiental moi laxa e onde atopen a complicidade das autoridades políticas, coma é o caso do goberno de Feijóo e do alcalde do PP de Cabana de Bergantiños” denunciaron, tras recordar que un proxecto semellante foi rexeitado por Asturias, unha decisión que foi confirmada polos tribunais de Xustiza, desestimando as reclamacións da empresa.
Para finalizar, os deputados de AGE anunciaron que levarán a cabo unhas xornadas específicas sobre minería na que convidarán a participar a todos os colectivos afectados coordinando todos os colectivos a nivel galego para "entre todos tratar de acabar con esta agresión".