En 2001 o Concello asinou un convenio coa inmobiliaria Layetana Santiago S.L., con sede en Barcelona, polo que a empresa se comprometía a rehabilitar o edificio -que se convertiría nun centro cívico e cultural para o barrio- e a finca, que pasaría a ser un parque público, abonando o custe de 2'3 millóns de euros. A cambio, a inmobiliaria construiría e xestionaría alí un xeriátrico residencial de nove mil metros cadrados (e ao redor de 164 prazas) que daría servizo á cidade. O convenio foi ratificado pola Xunta de Galicia en 2004 a través do conselleiro de Obras Públicas naquel momento, Alberto Núñez Feijoo.
Máis adiante Layetana quixo botarse atrás, no medio da crise inmobiliaria, o que motivou un recurso do Concello de Santiago. En febreiro de 2011 o TSXG fallou a favor do Concello e obrigou a Layetana a executar o proxecto, así como a pagar os intereses e as costas do xuízo. O 11 de marzo o Concello, sendo aínda alcalde Xosé Antón Sánchez Bugallo, conminou á empresa a cumprir a sentenza.
Porén, a chegada de Conde Roa á alcaldía de Compostela mudou a situación. En outubro recualificou a parcela, que pasou de ser 'solo urbanizable em fe' a ser 'solo urbano, ordenanza 4 edificación aberta'. E modificou igualmente o uso asignado á finca, que pasou de ser 'residencial comunitario' a 'uso vivenda'. E o 29 de decembro o alcalde compostelán asinou con Layetana un novo convenio, que substituía o anterior. Con este novo convenio xa non se construiría a residencia xeriátrica prevista, a pesar da escaseza de prazas en centros deste tipo, nin tampouco o centro cívico e cultural. As 120 vivendas de luxo, ademais, ocuparían boa parte da finca, con árbores singulares que terían que ser cortadas en moito casos e unha carballeira protexida, polo que os cidadáns e cidadás de Compostela perderían un espazo público.
Un novo convenio prexudicial para os composteláns e compostelás
Ademais dos prexuízos sociais, ambientais e arquitectónicos, o convenio é economicamente lesivo para o Concello, pois con el renuncia a cobrar os intereses que Layetana debía abonar polo incumprimento do convenio anterior. O cambio de convenio tamén implica que as obras xa non serían realizadas directamente polo Concello -a través de concesións a empresas locais- senón pola inmobiliaria. Galicia perdería ademais un bo número de prazas residenciais xeriátricas, xusto no momento no que a Xunta pretende construír un centro deste tipo en Guitiriz.
O novo convenio publicouse no DOG o 1 de febreiro, sen pasar polos órganos de goberno do Concello e sen ser entregado aos grupos políticos con representación municipal, e na actualidade, até finais de febreiro, está aberto o prazo para presentar alegacións. O convenio ten que ser ratificado polo Pleno, unha vez que remate este prazo de alegacións.
Conde Roa basea o cambio de uso urbanístico e a sinatura do novo convenio en que a finca constitúe "un foco ciudadano de insalubridad e inseguridad", a inminencia de ruína do edificio e da finca, e en que o novo acordo dará traballo inmediato a empresas, arquitectos e cidadáns de Compostela. Porén, o Concello xa tiña a capacidade para realizar a obra pública (a reahibilitación do palacio e do parque e a posta en marcha do edificio dotacional) e esixirlle a Layetana a execución do pago de 2'3 millóns de euros, porque así o demandaba a sentenza do TSXG, polo que as obras poderían estar xa en marcha, para ser inauguradas en breve.
Arquitectos, colectivos sociais e veciños non atopan explicación á decisión de Conde Roa
É dicir, o novo acordo non achega beneficio ningún á cidade e aos composteláns e supón notables prexuízos en distintos ámbitos e que se podería resumir na privatización, de balde, dun espazo público, que ademais se atopa no centro histórico da cidade. Arquitectos, colectivos sociais e veciños non atopan explicacións, polo tanto, á serie de movementos e decisións adoptadas nos últimos meses polo novo alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa. Para os vindeiros días prepáranse alegacións ao proxecto e unha continuada mobilización cidadá composta por entiades profesionais, veciñais, sociais e políticas.